Real Decreto do traballo a distancia. Menos do que din, pero máis do que parece

Teletraballo CC-BY-SA Jesús Albarrán Ordás

Máis ala dos contidos, o “Real Decreto do traballo a distancia” forma parte da arquitectura dunha nova normativa laboral, do que chaman o “Estatuto dos Traballadores do século XXI” e dun “relato” polo cal é posible avanzar nos dereitos laborais sen derrogar as reformas laborais. A falta de actuación sindical é moi grave.

A CEOE está sentada no diálogo social porque non se derrogou a reforma laboral, e consigue a través daquel impoñer a súa axenda anti-reformas. Como acaba de suceder co “traballo a distancia” o dialogo social, coa participación de CCOO e UGT, conseguiu empeorar o ante proxecto de lei, ata baleiralo de calquera contido. Máis ala da propaganda a regulación é intranscendente, agás por permitir que unha modificación substancial das condicións de traballo poda ser tramitada coma un acordo individual, a instancias empresariais e sen causa.

E canto á voluntariedade, penso que a posta a disposición do domicilio particular, que é inviolable, para actividades económicas dun terceiro nunca podería ser obrigatoria, con Decreto ou sen el. Nese senso sempre nos houbera quedado a xustiza europea. 

Unha das maiores queixas das persoas que se viron obrigadas a teletraballar foi as longas xornadas. En canto á desconexión dixital ou o rexistro de xornada, o Real Decreto remite ao artigo 88 da Lei de Protección de Datos e ao 34.9 do Estatuto dos Traballadores. Artigos que non desenvolven coma se articulan eses dereitos, polo que na miña opinión deberían ser completados a través de regulamentos do Ministerio. Segundo a EPA as horas extras non pagadas (defraudadas á Seguridade Social), incrementáronse un 21% durante o confinamento, malia a existencia da obriga de rexistro e do dereito á desconexión dixital. Polo que a “receita” gobernamental, a lexislación xa existente, non é a solución contra a fraude.

Para o TXUE a falta de rexistro de xornada vulnera dereitos fundamentais, sen embargo o RD deixa en mans das propias empresas como se concretan dereitos fundamentais dos traballadores/as, inaudito

Sen esquecer que en materia de horario o RD establece que as persoas poderán ter horario flexible, algo que xa contempla o Estatuto, pero que é un requisito para o desenvolvemento do teletraballo. O teletraballo é traballo por obxectivos, prescíndese do horario e o importante é completar as tarefas asignadas pola empresa, leve o tempo que leven. Non se traballa para cobrar comisión, coma antigamente no téxtil, si non para poder cumprir cos obxectivos crecentes que impoñen as empresas, baixo a ameaza de despedimento por baixa produtividade.

Outro apartado do que se ten falado é a compensacións de gastos, segundo moitos xuristas esta xa existía na lexislación actual, o contrario sería unha aberración. Polo que o previsto no Real Decreto, queda descafeinado. Permite que o persoal poña as ferramentas de traballo (equipas), non define que e cando debe compensarse os gastos, remitindo á negociación colectiva e non fai unha mención explícita ás subministracións (electricidade, internet).

En canto ao control da actividade parte do empresario, ata a reforma laboral do Pp o empresario non podía realizar ningún tipo de control no traballo a domicilio, (artigo 13 ET), prohibición que o PP eliminou na reforma laboral do 2012. O cal é especialmente grave polos avances tecnolóxicos que permiten un control en remoto de toda a actividade (incluso que teclas se tocan en cada momento, a que programas se acede, por non falar das vídeo cámaras). O Goberno non só non derrogou esa espionaxe empresarial aos traballadores e traballadoras no seu domicilio particular, si non que a consagrou co visto bo de CCOO e UGT.

As únicas novidades do RD son que o traballo a distancia será por “acordo” entre a empresa e a traballador/a. Unha individualización das relacións laborais na antítese do que defendeu historicamente o movemento sindical e a “esquerda”. Unha negociación asimétrica que so defenden os fanáticos neoliberais (está por ver que votará Vox no Congreso, xa que levaba no seu programa a negociación individual empresa/empregados como base das relacións laborais). En fin unha modificación substancial das condicións de traballo tramitarase coma un acordo individual, sen necesidade de causas cando sexa instada polo empresario, e aínda que puidera ter carácter colectivo.

Por outra parte din que o traballo a distancia será reversible a petición da persoa traballadora, lóxico que poida poñer fin a unha actividade no seu domicilio...pero haberá que estar á negociación colectiva e a existencia de vacantes. 

Teoría do Shock en estado puro. O Goberno impulsou o teletraballo, sen que houbera unha regulación concreta e coma unha medida preventiva, polo que non tivo contestación sindical (aínda pedíamos máis, ante o medo dos cadros de persoal). Asistimos a unha modificación substancial das condicións de traballo sen negociación, grazas á cal as empresas consolidaron unha vantaxe. Posteriormente os mass media encargáronse de explicar a necesidade de regular dunha nova modalidade laboral moi positiva para os traballadores/as. E finalmente o Goberno lexisla fortalecendo o relato de que os novos tempos precisan novos dereitos laborais, e que isto é posible sen derrogar as reformas laborais. 

Por último hai que analizar o impacto social do teletraballo, o dereito da cidadanía a ser atendida de xeito presencial por parte das administracións públicas e das empresas privadas debería situarse coma prioridade fronte ao beneficio empresarial. Xa a situación creada polo peche das oficinas de atención ao público, que foron substituídas por servizos de atención telefónica nalgúns casos, reduciu claramente os dereitos das persoas e foi unha ferramenta para a privatización de servizos públicos e para a subcontración do emprego no sector privado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.