Dende hai uns anos está a emerxer a figura dun novo tipo de traballador e traballadora: a que realiza a súa actividade laboral dende o seu domicilio. De forma permanente ou ocasional, como autónomo ou autónoma pero tamén como asalariado/a, como un mecanismo para facilitar a conciliación co traballo de coidados ou produto de dinámicas laborais específicas, cada vez son máis as persoas que realizan teletraballo. O fenómeno é máis importantes nas grandes cidades, en certos sectores e en determinados grupos de idade, pero a súa importancia comeza a reflectirse nas estatísticas xerais da EPA. Tamén en Galicia.
No ano 2018 case cen mil traballadores e traballadoras realizaron toda ou parte da súa actividade laboral dende as súas casas
O Instituto Galego de Estatística publicou este martes datos correspondentes ao ano 2018 sobre as condicións de traballo no país. E un dos datos que achega refírese á frecuencia coa que os ocupados e ocupadas traballan no seu domicilio particular. As cifras seguen a ser cativas, pero experimentaron un crecemento moi importante no último ano, confirmando unha tendencia á alza iniciada hai anos.
No 2018 case cen mil traballadores e traballadoras realizaron toda ou parte da súa actividade laboral dende as súas casas (54.400 de forma habitual e 42.000 ocasionalmente). Isto representa un 8,95% de todos os ocupados e ocupadas galegas. A cifra é moi superior ás 72 mil persoas do 2017 e ás 61 mil de 2015). Nese tempo a porcentaxe pasou do 5,95% ao 8,95%.
O grupo de idade entre 35 e 54 anos é o que en maior medida está realizando este teletraballo, rozando o 10% dos ocupados totais (9,94%)
O grupo de idade entre 35 e 54 anos é o que en maior medida está realizando este teletraballo, rozando o 10% dos ocupados totais (9,94%), por riba dos empregados que teñen entre máis de 55 anos (9,11%) e dos menores de 35 anos (5,83%). Dende o 2010 no grupo de idade entre 35 e 54 anos foi ademais no que máis creceu a proporción de persoas que realizan teletraballo.
Lourdes Mella, profesora da Facultade de Dereito da USC sinalaba nesta entrevista que non se ten afondado suficientemente nos aspectos legais desta nova forma de traballar: a regulación xurídica do traballo a distancia, a súa plasmación nos convenios laborais e nos contratos ou os dereitos dos empregados.