Novo récord do orzamento da Xunta en 2026, 14.240 millóns, un 2,1% máis, grazas a máis ingresos por impostos

Rueda fala co conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Consello da Xunta que este venres aprobou os Orzamentos para 2026 CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O Goberno galego reduce do 2,5% ao 1,9% o crecemento do PIB e conxura a fin dos fondos europeos extraordinarios tras a pandemia cun 11% máis de ingresos por impostos tanto directos como indirectos

O Goberno galego aprobou este venres, nun Consello da Xunta extraordinario, os seus Orzamentos para 2026, cuxo detalle será coñecido oficialmente o luns co inicio da súa tramitación no Parlamento de Galicia. De momento, o divulgado xa pola Xunta é que o total de gasto non financeiro ascenderá a 14.239,7 millóns de euros, un 2,1% máis que as contas deste ano. Serán uns orzamentos que seguen medrando, malia a fin de fondos extraordinarios da UE tras a pandemia, grazas ao incremento dos ingresos tanto por impostos directos como indirectos. Pola contra, os investimentos caerán un 5,3%.

No relativo ás grandes cifras da economía galega, os orzamentos da Xunta estiman un crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) galego para 2026 do 1,9%, seis décimas menos que o 2,5% co que calcula que vai rematar este 2025. Pola súa banda, a taxa de paro que este ano se estima que remate no 8,3% seguirá baixando o próximo ano ata o 7,8%.

Neste contexto, a Xunta prevé uns ingresos totais non financeiros de 14.516 millóns de euros, un 3,5% máis que este 2025. Un aumento que se logra cunha previsión maior de ingresos tanto por impostos directos como indirectos coa que o Goberno galego conxura a caída de transferencias de capital fundamentalmente pola fin de fondos extraordinarios da UE habilitados tras a pandemia da COVID-19.

Os investimentos caen en 90 millóns, un 5,3% menos, mentres aumentan un 6,6% as transferencias correntes, onde se encadran as axudas directas

No que ten que ver co gasto, os investimentos caen un 5,3%, con 90 millóns de euros menos, mentres aumentan un 6,6% as transferencias correntes, capítulo onde se encadran as axudas directas. Tamén sobe un 4,4% o gasto en bens correntes e servizos, segundo o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, polo aumento do gasto en farmacia hospitalaria e en transporte e comedor escolar.

Rueda tamén avanzou este venres que as novas contas manterán as baixadas de impostos de anos anteriores -aprobadas sen que a Xunta avaliase os seus efectos, como vén denunciando o Consello de Contas- e incorporarán cinco novas rebaixas: desgravación do 15% da compra de libros de texto e material escolar, desgravación dos contratos vitalicios para o coidado de persoas maiores, rebaixa de impostos á compra de vivenda por familias monoparentais e exencións tributarias para enfermos de ELA e talidomida e persoas afectadas polos incendios deste verán. 

Todas estas cifras son as que publicitou este venres o Goberno galego, sen que se coñeza aínda o detalle oficial ata que o luns entren os Orzamentos no Parlamento para a súa tramitación. Ademais, nos últimos días a Xunta foi avanzando medidas concretas a implantar coas novas contas públicas, como a creación dun bono para os comedores escolares de centros concertados ou xestionados por concellos ou Anpas.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, durante a presentación dos Orzamentos para 2026 este venres CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

As contas volverán ter unha lei de acompañamento que non se coñecerá ata o luns e coa que a Xunta mudará outras normas, como a moratoria do eucalipto

Máis alá dos números, cos Orzamentos os gobernos do PP veñen aprobando cada ano unha lei de acompañamento coa que aproveitan para mudar con menor debate e máis rápido ducias doutras leis que non teñen que ver coas contas públicas. Esa lei será coñecida tamén o próximo luns, pero xa se sabe que entre outras medidas incluirá a "flexibilización" da moratoria de plantación de eucaliptos, decisión avanzada este xoves pola Consellería do Medio Rural. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.