O Goberno de España ofrece asumir un terzo da débeda galega e Rueda retruca que "non soluciona nada"

Alfonso Rueda, recibido por Pedro Sánchez na Moncloa en setembro de 2024 CC-BY-SA Xunta

O Ministerio de Facenda propón a condonación de 4.010 millóns do endebedamento galego dentro dun montante superiora aos 83.000 millóns para o conxunto de autonomías

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este luns que a condonación da débeda "non lle soluciona nada". Fíxoo despois de que o Goberno de España ofrecese asumir 4.010 millóns de euros a Galicia dentro dun total de 83.252 millóns de euros totais ao conxunto das comunidades autónomas de réxime cómun, isto é, todas agás Euskadi e Navarra.

En cifras redondas, liberar a Xunta duns 4.000 millóns de euros de débeda supón tanto como que o Estado asuma un de cada tres euros que debe a Administración galega. Non en van, atendendo aos datos máis recentes do Banco de España, correspondentes ao terceiro trimestre do pasado 2024, o endebedamento vivo da Xunta rolda os 12.000 millóns de euros.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a débeda galega superou o limiar dos 12.000 millóns de euros hai uns tres anos, tras dispararse durante máis dunha década, como noutros territorios, cadrando coa gran recesión e a contracción da recadación do conxunto das administracións públicas. A recuperación macroeconómica permitiu, non obstante, que o peso da débeda sobre a economía galega leve case catro anos diminuíndo, dende o récord do 20% do Produto Interior Bruto en 2021, en plena pandemia da COVID, a uns niveis actuais na contorna do 15%.

O servizo á débeda é unha relevante partida nos Orzamentos Xerais da Xunta de cada ano. Nese 2025, por exemplo, as contas públicas reservan algo máis de 1.700 millóns de euros a atender o endebedamento, un incremento superior ao 16% a respecto do ano anterior e un incremento de máis do 200% en relación a 2009. En termos absolutos, a débeda é a terceira partida máis relevante, só por tras de sanidade e educación.

Feijóo anticipa o "non" da Xunta

"Sería difícil de entender para os cidadáns rexeitar algo así", coida a ministra María Jesús Montero

Malia estas magnitudes e malia á posición política xeral ao respecto reiterada nos últimos meses e enfatizada este luns, Rueda non quixo aclarar que votará o Goberno galego no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) que o vindeiro mércores tratará a cuestión.  Quen si o fixo foi o ex-presidente e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que xa se aventurou a dicir que todas as comunidades gobernadas polo PP votarán en contra da quitación. En calquera caso, resta saber se existe marxe real para que a Xunta se resista á quitación se o Ministerio de Facenda a asume. A ministra de Facenda avanza, en todo caso, que se algunha autonomía quere negarse, poderá facelo. Pero "sería difícil de entender para os cidadáns rexeitar algo así", agrega María Jesús Montero.

Rueda e Feijóo, a pasada semana no mitin de celebración do primeiro aniversario da maioría absoluta do PP nas últimas eleccións galegas CC-BY-SA PPdeG

En calquera caso, ante o ofrecemento do Estado Rueda asegura que o que Galicia precisa é un novo modelo de financiamento -o actual está caducado dende 2014, en tempos de Rajoy- porque a comunidade autónoma está "infrafinanciada". De aí que insista en que non lle "vale" a condonación e en que ao país non lle cómpre unha negociación que se centre nas quitas porque perdería "moito" de aquilo "ao que ten dereito". 

Pontón pide ao presidente que "defenda a camisola de Galiza" e asuma a quitación de débeda que, resalta, o BNG tamén pactou co PSOE na investidura de Sánchez. Besteiro lamenta a súa "actitude antigalega" suxerindo que non a aceptará

Ademais, Rueda demandou que se actualicen as entregas a conta porque, segundo di, Galicia recibe cada mes 127 millóns de euros de menos polo seu bloqueo. Esas entregas a conta son a parte do financiamento autonómico que depende das previsións de recadación do Estado cada ano e quedaron paralizadas o pasado xaneiro co "non" de PP, Vox e Junts no Congreso ao denominado decreto ómnibus.

Diante destas consideracións por parte da Xunta e do PP, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,  pide a Rueda que defenda "a camisola de Galiza" e reclame a quita da débeda negociada polo BNG co PSOE no acordo de investidura. "O que lle pido ao señor Rueda é que e vez de defender as siglas do PP defenda os intereses dos galegos e das galegas aceptando unha condonación da débeda que nos vai permitir aforrar miles de millóns de euros e, polo tanto, ter máis recursos para destinar á sanidade, educación, vivenda ou á dependencia, algunhas das grandes cuestións que afectan a cidadanía", dixo. 

Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, lamenta a "actitude antigalega" de Rueda ao renunciar á condonación da débeda. O socialista acusa o presidente da Xunta de desbotar medidas que benefician á cidadanía galega e antepoñer a lealdade ao seu partido por riba do benestar da cidadanía do noso país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.