Feijóo garante que Rueda non negociará o financiamento de Galicia de xeito bilateral co Estado

Rueda e Feijóo no mitin de inicio do curso político do PP en Cerdedo-Cotobade o pasado sábado © PPdeGalicia

O Consello da Xunta volve das vacacións presentando un recurso ante o Constitucional contra a amnistía en Catalunya

O líder do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, tamén ex-presidente da Xunta, garantiu este luns, nunha entrevista en Onda Cero, que ningún dos presidentes autonómicos do PP, entre os que está o galego Alfonso Rueda, negociará de xeito bilateral co Estado o financiamento das súas comunidades como está a facer Catalunya. 

Ao tempo, no primeiro Consello da Xunta logo dun mes de vacacións, o Goberno galego adoptou como principal acordo a decisión de presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a amnistía en Catalunya.

O presidente Rueda no Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Hai tres semanas Feijóo considerou que o que estaba a pasar en Catalunya era unha "urxencia nacional", pero a continuación demorou ata o vindeiro venres 6 de setembro unha reunión cos seus baróns territoriais para facer fronte a esa situación. Polo medio, este domingo deu un mitin en Cerdedo-Cotobade e este luns iniciou a semana cunha entrevista radiofónica insistindo novamente na gravidade da situación.

Ante as negociacións entre a Generalitat de Catalunya e o Goberno de Pedro Sánchez para mellorar o financiamento catalán, Feijóo foi preguntado de xeito expreso se pode garantir que ningunha das comunidades do PP fará o mesmo, ao que respondeu que o seu partido ten "un compromiso" cos seus principios e non "unha concepción bananera do Goberno, da lei e das institucións".

Na entrevista Feijóo tamén criticou o que denominou "gasto singular" da Generalitat, da que criticou que é "a que máis administración paralela ten". Fíxoo malia que hai tres anos o Tribunal de Cuentas estatal certificou que a Xunta, durante os gobernos de Feijóo, foi a comunidade autónoma que máis entes paralelos novos creou, 50, o 26,9% dos creados en todo o Estado, seguida de Catalunya, co 15%.

Rueda e Feijóo este sábado no mitin de inicio do curso político do PP en Cerdedo-Cotobade © PPdeG

"Teñen que escoitarnos, primeiro a todos e despois a Galicia", di Rueda sobre a negociación co Estado bilateral ou en conferencia de presidentes

Tamén este luns volveu das vacacións o Consello da Xunta, que na súa primeira reunión desde o 5 de agosto aprobou como principal acordo presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a amnistía en Catalunya. Na súa rolda de prensa o presidente Rueda foi preguntado tamén pola posibilidade de que a Xunta acepte unha condonación da súa débeda co Estado se lla ofrece Pedro Sánchez. Porén, Rueda, na liña do que garantira Feijóo, asegurou que "para falar de financiamento está a conferencia de presidentes" autonómicos, rexeitando así unha negociación bilateral.

"Se quere falar de financiamento temos que sentarnos todos, que é o que imos facer os presidentes do PP o próximo venres", dixo Rueda, para engadir que a Xunta non vai negociar bilateralmente. "Se queren falar de financiamento, falemos todos e despois falaremos das necesidades de Galicia" ou "teñen que escoitarnos, primeiro a todos e despois a Galicia" foron algunhas das expresións empregadas por Rueda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.