Unha década despois da lei coa que Feijóo ía poñer orde nos “chiringuitos” do bipartito, a gran maioría herdados de Fraga, o órgano fiscalizador censura que o Goberno galego segue a obstaculizar a súa supervisión ao non crear un rexistro dos mesmos como se obrigou por lei
En 2009 o presidente Feijóo chegou ao Goberno galego prometendo poñer orde e aforro na xestión por parte do bipartito de PSdeG e BNG dos “chiringuitos”, como denominaba á administración paralela da Xunta creada na súa inmensa maioría durante os gobernos de Manuel Fraga, do que el foi vicepresidente. O primeiro gran paso para cumprir a súa promesa foi a aprobación da Lei 16/2010 de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2011.
Nesta década que agora se cumpre o Consello de Contas, o ente fiscalizador das administracións galegas, sinalou varias veces como “residual” o aforro logrado pola supresión dalgúns entes paralelos e agora, dez anos despois, o Tribunal de Cuentas estatal vén de certificar que, ao tempo, Galicia foi a comunidade autónoma que máis novos entes paralelos creou, 50, o 26,9% das novas creacións en todo o Estado. Ademais, tanto o Consello de Contas como o Tribunal de Cuentas censuran os obstáculos que o Goberno galego lles pon desde hai unha década para poder fiscalizar a administración paralela ao negarse a crear un rexistro da mesma como a propia Xunta se comprometeu por lei en 2010.
Hai un mes o Congreso dos Deputados publicou no Boletín Oficial del Estado (BOE) as súas conclusións e validación, asumíndoo como propio, dun informe específico elaborado polo Tribunal de Cuentas estatal “sobre os procesos de extinción de entidades das Comunidades Autónomas como consecuencia da reestruturación do seu sector público”. Un documento que reclama aos gobernos autonómicos que faciliten a supervisión da reestruturación da administración paralela e actualicen a información a respecto da súa situación en cada momento, algo que no caso de Galicia vén dificultado pola negativa do Goberno galego a cumprir coa obriga que estableceu a lei de 2010 de crear un rexistro de entidades e depositar nel as contas anuais de cada unha para que as fiscalice o Consello de Contas galego.
A Xunta demora desde hai unha década a integración noutros departamentos do persoal que traballaba en entes suprimidos, o que lles permite seguir a cobrar soldos moi superiores
O informe do Tribunal de Cuentas tamén compara os procesos de reestruturación da administración paralela durante o período 2010-2016 en todas as comunidades autónomas, o que permite engadir matices aos informes que ata agora viña elaborando o Consello de Contas galego. Este xa viña advertindo de que a supresión de entes paralelos presentada por Feijóo como un aforro “histórico” non era tal porque as súas actuacións e investimentos seguen a ser asumidos por outras áreas da administración e os seus gastos ordinarios, fundamentalmente de persoal, se mantiñan porque a maioría deste tamén fóra recolocado noutros departamentos.
De feito, a Xunta segue a demorar desde hai unha década eses procesos de traslado de persoal de entes suprimidos, o que fai que siga a gastar máis neses soldos que se rematase de integralos no resto da administración. E agora mesmo vai mudar a lei para que parte dese persoal de entes paralelos, entre os que hai altos cargos do Goberno galego, perpetúe os seus soldos máis elevados.
Os 50 novos entes paralelos que a Xunta creou entre 2010 e 2016 foron o 26,9% dos postos en marcha por todas as comunidades autónomas
Agora o informe do Tribunal de Contas permite constatar que un dos obstáculos ao aforro na administración paralela, o de que ao tempo de que se suprimiron entes fóronse creando outros, sitúa a Galicia como a comunidade con peor evolución de todas. O documento recolle os datos do Consello de Contas que sinalan que nese período a Xunta suprimiu 99 entes, a metade deles, 48, fundacións, das cales 34 eran as fundacións comarcais creadas polos executivos de Fraga nos anos noventa e a cuxos xerentes, varios deles cargos do PP, o Goberno de Feijóo recolocou en postos creados específicamente para eles en oficinas de emprego.
Pero fronte a esas supresións a Xunta creou no mesmo tempo outros 50 novos entes, o 26,9% dos 186 creados por todas as comunidades autónomas, moi por diante da segunda na lista, Andalucía, con 26 novos entes creados. O propio Tribunal de Contas sinala no seu informe que no caso de Galicia “a baixa dun gran número de entidades supuxo a creación doutras novas, principalmente coa forma xurídica de Axencia”, das que da ducia existentes en Galicia once foron creadas na última década.
Feijóo criticou a Contas por usar datos estatais para fiscalizar os entes paralelos da Xunta, pero esta segue sen crear o rexistro galego ao que se comprometeu por lei hai agora 10 anos e remite a un inventario do Goberno central
Cando hai ano e medio o Consello de Contas galego volveu reiterar noutro dos seus informes periódicos que o aforro da Xunta en entes paralelos fora “residual”, o Goberno galego intentou primeiro sen éxito que o órgano fiscalizador borrase do documento final esa valoración. Non o conseguiu e cando se fixo público e Feijóo foi preguntado por el o presidente defendeuse atacando a Contas por empregar para facer a súa análise do sector o inventario do mesmo que ten o Goberno central.
“De administración paralela en Galicia sabemos máis na Xunta”, dixo Feijóo, criticando que contas empregase os datos do Goberno central sobre a Xunta malia que o ente fiscalizador tivo que facelo tras censurar durante anos que o Goberno galego segue sen crear unha década despois o rexistro ao que se obrigou pola lei que entrou en vigor en 2011. Pero ao tempo que Feijóo restaba validez aos datos do Goberno central como fonte de Contas, a web de transparencia da propia Xunta, no apartado que ten reservado ao rexistro de entidades que nunca se creou, remite como toda e única información ao respecto a un enlace ao inventario estatal.