A cara B dos 11 anos de Feijóo (1): Os bos xestores fronte ás críticas do Consello de Contas

Feijóo nunha imaxe da metade da súa presidencia e informes do Consello de Contas críticos coa xestión da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

O ente fiscalizador independente e a Xustiza levan anos evidenciando deficiencias na xestión dos cartos e o persoal públicos por parte da Xunta

Os bos xestores, o goberno cumpridor da legalidade, o goberno previsible e estable... Eses e outros cualificativos similares veñen sendo empregados por Feijóo e o PP galego para gabar a súa propia acción de goberno durante estes 11 anos. Porén, son numerosas as sentenzas xudiciais e os informes do Consello de Contas, a entidade independente encargada de fiscalizar a xestión das institucións galegas, que evidencian deficiencias na administración dos recursos públicos por parte do Goberno galego. 

Unha revisión dos informes anuais do Consello de Contas permite comprobar como nas análises da xestión pública dos últimos exercicios seguen estando presentes diversas eivas xa detectadas no exercicio 2010, o primeiro xestionado de xeito íntegro polo PP á fronte da Xunta tras o 2009 compartido aínda na primeira metade do ano polo bipartito de PSdeG e BNG. 

Así, a Xunta de Feíjoo vén recorrendo de xeito sistemático a un “uso excesivo” das partidas orzamentarias para imprevistos que o Consello de Contas considera que non son tal e que deberon ser previstos polo Goberno galego. Esa falta de previsión na xestión por parte do Goberno galego tamén se constata na reclamación reiterada de Contas de “que se realice unha dotación adecuada daqueles créditos que, sen xustificación bastante, son ampliados ano tras ano por resultar claramente insuficientes”, algo que se vén producindo de xeito constante especialmente no Sergas.

O gasto farmacéutico é posto por Contas como exemplo de pouca previsión CC-BY-SA Xornal Certo

O ente fiscalizador afea de xeito recorrente a falta de previsión da Xunta de gastos que deberan ser coñecidos

No eido sanitario Contas vén sinalando que a Xunta recorre de xeito indebido a modificacións orzamentarias “para a cobertura de necesidades con consignacións insuficientes pero que eran coñecidas no momento da aprobación do orzamento, destacando especialmente o gasto farmacéutico e gastos por xuros”. En toda a administración, por exemplo, en 2015 a Xunta chegou a modificar o destino de máis do 10%, preto de mil millóns de euros, dos orzamentos inicialmente previstos.

Igualmente, o Sergas mantén concertos sanitarios con centros privados “nos que non se emprega ningunha fórmula contractual senón que se recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso e na meirande parte dos casos non se acreditan as necesidades urxentes que se pretenden atender”. Isto é, malia saber con tempo cales son as necesidades de Galicia, a Xunta opta por non prevelas nos orzamentos senón improvisar posteriormente con medidas que acaban resultando máis caras, segundo constata o Consello de Contas.

Nesta última década o Consello de Contas tamén viu melloras no eido do desprazamento de gasto -os gastos que non se computan no ano no que se producen senón no seguinte para maquillar as contas públicas-. Con Feijóo ese desprazamento chegou a ser de máis de 400 millóns de euros en 2010, arredor do 5% dos orzamentos totais da Xunta, mentres que o propio Consello de Contas eloxiou que durante o bipartito previo ese proceder chegara a ser “residual”, de apenas 10 millóns de euros. Nas súas últimas análises ao respecto o Consello de Contas di que se mellorou nesa cuestión, pero que aínda hai “marxes de mellora nesa planificación nas que é preciso insistir”. 

A Xunta intentou, sen éxito, que Contas non a criticase polo que considera un aforro "residual" logrado coa supresión de entes paralelos

Contas tamén vén reiterando á Xunta, sen lograr aínda que cumpra con esa esixencia, “que recolla na súa memoria anual información sobre a significación dos compromisos financeiros asumidos pola Comunidade para financiar as infraestruturas públicas, o que determinará unha maior transparencia sobre a situación económico-financeira” de Galicia. A Xunta reflicte nos seus orzamentos canto ten pendente de desembolsar por esas infraestruturas de pagamento adiado (2.000 millóns só polas autovías de peaxe na sombra, aos que hai que engadir outros mil millóns polo novo hospital de Vigo, infraestruturas todas elas cuxo custo inicial real a cargo das concesionarias foi duns 850 millóns), pero sen detallar os conceptos financeiros. 

A Xunta tampouco cumpriu coa esixencia legal establecida en 2010 de crear un rexistro de entes paralelos, os denominados chiringuitos, boa parte deles creados durante os gobernos de Fraga, do que Feijóo foi conselleiro, e cuxa redución nos últimos anos conseguiu un aforro considerado “residual” polo Consello de Contas. A Xunta mesmo intentou, sen éxito, que Contas borrase esa crítica.

Compromisos de pagos futuros da Xunta Dominio Público Consello de Contas

Contas sinalou en diversos informes que a Xunta merca medicamentos que non precisa, fragmenta contratos para adxudicalos a dedo ou malgastou cartos beneficiando a entidades afíns ao PP como Xóvenes Agricultores

Igualmente, o ente fiscalizador tamén vén advertindo de que a Xunta non controla como debera os gastos que por lei non teñen por que ser obxecto dunha fiscalización previa, como os contratos menores ou as subvencións nominativas. Nese eido da contratación menor, dos gastos que polo seu reducido importe se poden adxudicar a dedo, Contas advirte de que, malia as súas advertencias previas, a Xunta segue a fraccionar as contías para manter a discrecionalidade á hora de contratar.

Ademais, nesta última década os informes anuais xerais do Consello de Contas así como as súas análises específicas sobre áreas concretas de xestión veñen detectando que a Xunta merca medicamentos que non precisa, mudou os criterios de adxudicación en concursos xa iniciados, apenas aforrou ao privatizar o mantemento no Sergas malia que iso empeorou o servizo, rescatou persoal de entes suprimidos manténdolles soldo superior ao do funcionariado equivalente ou malgastou cartos beneficiando a entidades afíns ao PP como Xóvenes Agricultores.

Son críticas todas estas formuladas non polos partidos da oposición senón polo órgano independente de fiscalización das contas públicas, do que tamén forman parte políticos populares, como o ex-conselleiro Dositeo Rodríguez, que na súa toma de posesión en 2013 chegou a amosar a súa “lealdade” a Feijóo, ao que debía fiscalizar. 

Porén, fronte ás anteditas críticas, reiteradas ano tras ano durante a última década, Feijóo opta por realizar unha valoración cuantitativa e asegurar que a Xunta cumpre co 78% das recomendacións do Consello de Contas mentres que o restante 22% “non nos parecen axeitadas”. O argumento supón que o Goberno galego asume que a súa xestión non foi a adecuada nese 78% de elementos nos que tivo que corrixir a súa actuación pero só cando así llo pediu o Consello de Contas.

 No eido xudicial, son numerosas as sentenzas que nesta última década veñen condenando á Xunta pola súa xestión do persoal público, engadindo indemnizacións e pago de costas xudiciais

Pero non só o Consello de Contas vén advertindo dunha xestión incorrecta por parte da Xunta. No eido xudicial, son numerosas as sentenzas que nesta última década veñen condenando á Xunta pola súa xestión do persoal público, engadindo ás irregularidades cometidas a condena a pagar as costas xudiciais do proceso ou a indemnizar por danos e prexuízos aos traballadores e traballadoras afectadas. Non é só que tribunais de toda Galicia veñan sentenciando que persoal ao que a Xunta vén recorrendo de xeito reiterado a través de distintos tipos de contratos temporais ou como interinos deben ser considerados indefinidos, senón que as condenas reiteradas por esas situacións ilegais veñen supoñendo para as arcas públicas un custo económico directo polas indemnizacións e as custas procesais. Isto é, se a intención orixinal que provocou a situación laboral ilegal fose a de aforrar cartos públicos, esta quedou revertida e mesmo empeorada unha vez que as sentenzas en todo tipo de eidos obrigaron á Xunta a pagar ao persoal afectado a diferenza que se aforrara nese tempo engadindo ademais indemnizacións e custos xudiciais.

Fragmento da sentenza do TSXG sinalando a contratación fraudulenta de persoal por parte da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Os atrasos da Xunta á hora de pagar as súas débedas tamén están a supoñer maiores custos para as arcas públicas pola vía dos xuros que reclaman os acredores

Os atrasos da Xunta á hora de pagar as súas débedas tamén están a supoñer maiores custos para as arcas públicas pola vía dos xuros que reclaman os acredores. Así o vén salientando o Consello de Contas -só no último ano fiscalizado, 2017, o Sergas tiña 34 expedientes de reclamación de xuros pendentes de resolver por importe de máis de 4 millóns de euros- e así o reflicten tamén diversas sentenzas coñecidas nos últimos tempos, como a que obrigou á Xunta a pagar 33.000 euros en xuros á empresa que xestiona a maioría dos seus helicópteros ou a condena a pagar outros 14.000 euros en xuros á construtora da polémica ponte sobre Noia, en cuxo contrato o Consello de Contas tamén atopara irregularidades.

Pero tamén a un nivel moi inferior hai sentenzas que evidencian erros na xestión da Xunta, como a condena que recibiu hai uns meses por retirarlle unha axuda de 5.000 euros a unha muller desempregada que se quería establecer como autónoma porque tiña unha débeda de 5,88 euros que a propia administración lle imposibilitaba pagar, o que levou ao tribunal a poñer "en cuestión" o fomento do emprego autónomo que a Xunta "tanto pregoa".

Sentenzas que non atoparon responsabilidades penais si sinalan todo tipo de irregularidades administrativas na xestión da Xunta, ou a súa incapacidade para prestar unha atención adecuada ás máis de 3.000 persoas adultas que tutela

Ademais, diversas sentenzas xudiciais sobre cuestións analizadas inicialmente na vía penal e que acabaron arquivadas por non considerar o xuíces que fosen delito conclúen que, malia non chegar a ese extremo, os feitos si foron en todo caso produto dunha xestión administrativa ilegal ou irregular por parte da Xunta. Foi o caso do arquivo da imputación por prevaricación que pendeu sobre o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, polo xeito en que encargou a dedo a unha empresa o servizo de helicópteros contra incendios sen ningún tipo de contrato polo medio, unha máis das diversas irregularidades detectadas neses servizos polo Consello de Contas. O xuíz ratificou que o procedemento fora ilegal pero non viu delito de prevaricación, que require unha intencionalidade, porque non apreciou “capricho” na actuación do alto cargo.

Do mesmo xeito que Contas certifica que a Xunta non é boa xestora de cartos públicos, tampouco o é das persoas. Numerosas sentenzas veñen evidenciando a incapacidade da Xunta de prestar unha atención adecuada ás máis de 3.000 persoas adultas que tutela a través da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga), con só 23 traballadores. Tutelados que exercen a mendicidade e mesmo un que cometeu un asasinato, desvío de responsabilidades propias a outras administracións ou entidades sociais, ou relacións laborais conflitivas no seu seo son algunhas das eivas do funcionamento do sistema de tutela de adultos da Xunta que veñen poñendo en evidencia os tribunais nos últimos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.