- A Xunta aforrou en persoal de residencias de maiores non cubrindo ausencias por baixas e vacacións
- A Xunta non atende as correccións que lle vén ditando o Consello de Contas
- Uns informes críticos de repercusión limitada ao presentarse en venres de verán e antes de festivos
Só 20 laboratorios farmacéuticos concentran o 80% das compras de medicamentos hospitalarios que fai a Xunta. Esa concentración da oferta leva a que o Goberno galego teña que tragar coas condicións desas empresas ata o punto de adquirir medicinas que non lle interesan como condición para obter outras que si precisa ou rebaixar o seu prezo. Así o vén de certificar o Consello de Contas, o ente independente fiscalizador das contas públicas autonómicas.
O Consello de Contas aprecia "certa tendencia dalgúns laboratorios para ofrecer un paquete pechado de fármacos (algúns de escaso interese) que necesariamente han de adquirirse como premisa para obter mellor prezo”
Este venres, xunto cos habituais informes anuais sobre os orzamentos da Xunta, o Consello de Contas presentou outros informes sectoriais, como un que desvela como a Xunta aforrou en persoal de residencias de maiores ou outro centrado en analizar o gasto do Sergas en farmacia hospitalaria. Nel se indica que o Goberno galego merca ese tipo de medicamentos a uns 350 provedores, pero deles só 20 concentran o 80% do volume total de compras.
O informe sinala que “como norma xeral, os medicamentos de maior impacto económico negócianse anualmente co laboratorio titular da patente” e critica a continuación que “a dita negociación non queda sempre documentada” e nalgúns casos, chega a dicir, esas negociacións son verbais. Contas certifica a continuación que “o carácter exclusivo dalgúns fármacos condiciona os termos da negociación, apreciándose certa tendencia dalgúns laboratorios para ofrecer un paquete pechado de fármacos (algúns de escaso interese) que necesariamente han de adquirirse como premisa para obter mellor prezo”.
A dependencia do Sergas das grandes farmacéuticas e as súas patentes está por tras, por exemplo, do incremento no gasto farmacéutico experimentado en 2015 e que reflicte agora Contas, dun 35% e que segundo o ente fiscalizador debeuse fundamentalmente á incorporación da medicación contra a Hepatite C, que por si soa supuxo ese ano un custo de 67 millóns e de 18 millóns en 2016. En 2016, segundo o informe de Contas, os principais provedores do Sergas foron os laboratorios Gilead Sciences (53,9 millóns), Janssen-Cilag (34,7 millóns), Roche Farma (33,6 millóns), Novartis (32,7 millóns) e Abbvie (29 millóns).
Contas tamén critica que os procedementos de contratación do Sergas non sempre buscan a libre concorrencia de ofertas ou a compra centralizada para varios hospitais, o que reduce os aforros que se poden lograr
Xunto co informe específico sobre as compras de farmacia hospitalaria, Contas tamén presentou a súa análise anual sobre as contas xerais do Sergas. Nos dous casos critica a falta de previsión do Goberno galego que o leva a orzamentar de xeito recorrente por baixo do que finalmente acaba gastando. O ente fiscalizador tamén critica que os procedementos de contratación do Sergas non sempre buscan a libre concorrencia de ofertas ou a compra centralizada para varios hospitais, o que reduce os aforros que se poden lograr.
Concertos e temporalidade
O Consello de Contas sinala que en 2016 a temporalidade do persoal do Sergas medrou tres puntos mentres que o concerto con Povisa fíxoo un 14%, ata os 87 millóns
O informe sobre as contas do Sergas dedica un apartado a analizar os concertos coa sanidade privada, no que se salienta o papel do hospital vigués Povisa. “Cun gasto no exercicio de 86,947 millóns de euros (un 14,3% máis que no ano anterior), representa o 38,6% do total do gasto en actividade concertada”, relata Contas. Nese eido, o ente fiscalizador recomenda “a regularización dos concertos que se manteñen no tempo sen soporte contractual axeitado, así como as autorizacións de uso de elevada antigüidade”.
Fronte a ese incremento do 14% do que a Xunta pagou a Povisa, en 2016 a temporalidade (ou precariedade laboral) do persoal do propio Sergas aumentou uns tres puntos tanto na atención especializada como na primaria. Na especializada pasou do 34,5% ao 37,6% mentres que na primaria pasou do 23,8% ao 26,3%.