A Xunta non atende as correccións que lle vén ditando o Consello de Contas

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, recibe os informes do conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo Dominio Público Parlamento de Galicia

"Non se apreciaron avances salientables", di o Consello de Contas sobre o incumprimento por parte da Xunta das reiteradas recomendacións de mellora da súa contabilidade e transparencia que lle vén realizando ano tras ano

“Non se apreciaron avances salientables”. Así valora o Consello de Contas, o ente independente fiscalizador das contas públicas das administracións autonómicas, o incumprimento por parte do Goberno galego en 2016 das súas reiteradas recomendacións de anos anteriores sobre múltiples irregularidades.

Este venres o conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo, entregou no Parlamento os habituais informes anuais sobre as contas xerais da Xunta e os seus entes paralelos, referidos ao ano 2016, no que houbo eleccións autonómicas, así como varios informes temáticos. Tanto no informe sobre as contas xerais da Xunta como no do Sergas, o ente fiscalizador sinala esa falta de “avances salientables” no cumprimento de recomendacións de anos anteriores, que en xeral se resumen na incapacidade de planificar mellor e facer orzamentos máis realistas, malia que o Goberno galego vén gabándose precisamente desas supostas características da súa xestión.

Contas critica un ano máis o “uso excesivo” das partidas consignadas para “imprevistos”, que o Goberno galego vén empregando de xeito “discrecional” para atender gastos que si deberan ser previstos, fundamentalmente farmacéuticos, que ano tras ano veñen sendo calculadas por baixo do posterior custo real.

O pagamento de créditos e os seus xuros supón o 90% dos 17.700 millóns de gastos futuros que a Xunta xa ten comprometidos, importe que case duplica os orzamentos de cada ano

O ente fiscalizador tamén recomenda “a precisa planificación dos proxectos ou infraestruturas cuxos obxectivos xustifiquen diferir o gasto a orzamentos futuros, así como do establecemento de límites cuantitativos en función da evolución do aforro”. Ese elemento, o gasto xa comprometido para anos futuros, ascendeu en 2016 a 17.746 millóns de euros (12.000 na administración xeral e o resto en entes paralelos), uns 21 millóns menos que o ano anterior. Dese importe total, que case duplica os orzamentos da Xunta de cada ano, sinala Contas, “a carga financeira da débeda, que recolle os pagamentos previstos en concepto de amortización e de xuros, tanto fixos como variables, representa o 89,97% dos compromisos futuros totais” e rexistrou en 2016 un incremento de 329 millóns de euros.

Nas contas de 2016 o ente fiscalizador si aprecia melloras en aspectos criticados en anos anteriores como o desprazamento da contabilización de gastos do ano en que se producen ao seguinte, que se reduce a 160 millóns de euros, a maioría no Sergas, ou no risco vivo dos avais outorgados polo Igape, que en todo caso ascende a uns cen millóns de euros. Tamén as modificacións de crédito, isto é, os cambios nos orzamentos anuais cando estes xa están en vigor, reducíronse dunha media do 10% do total dos orzamentos autonómicos dos últimos anos (1.000 de 10.000 millóns) , ao 4,21% en 2016.

Contas sinala "carencias nas memorias elaboradas" polos entes paralelos da Xunta e eivas no xeito en que facilita a transparencia

No seu informe o Consello de Contas verte tamén diversas críticas ao xeito en que a Xunta lle facilita a información e fala de “importantes carencias nas memorias elaboradas, especialmente nos organismos autónomos e, en menor medida, nas fundacións e sociedades mercantís”. Igualmente, no apartado do cumprimento coa transparencia, critica á Xunta que “o xeito de publicar as contas mediante escaneo das mesmas impide calquera sistema áxil de busca e consulta de información”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.