A Xunta desprazou 1.000 millóns en facturas durante o primeiro mandato de Feijóo

Reunión do Consello da Xunta © Ana Varela

"Nese tipo de cuestións de peche de exercicios sempre hai desprazamentos de facturas". Un dos episodios máis tensos da precampaña galega de 2012 estivo directamente relacionado coa xestión económica e contable da Xunta. Á luz dos traballos que o Consello de Contas estaba a realizar para fiscalizar as finanzas públicas de 2010 a oposición acusaba o presidente, Alberto Núñez Feijóo, de meter "facturas no caixón" ata o ano seguinte para así ter un mellor resultado orzamentario. En maio dese ano a Xunta admitía que realizara o peche do exercicio en setembro para cumprir co límite de déficit, se ben Feijóo seguiu negando as acusacións opositoras ata que, catro días despois das eleccións autonómicas o presidente asumía tamén esa práctica ao tempo que lle restaba importancia. Catro anos despois é posible saber que os gastos desprazados pola Xunta dun ano a outro superaron os 1.000 millóns de euros entre 2009 e 2012.

A publicación, hai poucas semanas, da fiscalización da conta xeral da comunidade autónoma do ano 2012 por parte do Consello de Contas permite ter xa unha avaliación global da xestión orzamentaria do primeiro mandato de Feijóo. Nos primeiros tres anos o volume de facturas adiadas dun ano para o seguinte foi en ascenso e no derradeiro descendeu, aínda que ficou máis dun 300% por riba do inicio do período. Nomeadamente, as facturas desprazadas de 2009 a 2010 ascenderon a 82,64 millóns de euros e en 2010 pasáronse ao 2011 pagamentos por importe de 193,68 millóns. Sempre segundo Contas, a Xunta deixou de atender en 2011 565,38 millóns en obrigas que desprazou en 2012, ano no que optou por desprazar a 2013 un gasto de 349,02 millóns. En total, 1.190,72 millóns de euros.

O ano con máis gasto desprazado foi 2011, cando a Xunta adiou a 2012 case 570 millóns de euros

O Consello de Contas pon ten contexto este "desprazamento de obrigas por insuficiencia de crédito" explicando que é unha práctica que "viña tendo carácter residual nos anos 2007 e 2008, pero volveu incrementarse nos anos 2011 e 2012, ligado en boa medida á atención de necesidades en servizos esenciais, como os sanitarios, que dificilmente se poden deixar de atender en base a insuficiencias orzamentarias". O sanitario é, precisamente, un dos ámbitos no que o organismo fiscalizador ten máis "dificultades para o seguimento e control deste desprazamento de gasto", xa que dende 2008 o Sergas non ten a obriga de validar estes gastos a través do Consello da Xunta.

En xeral, Contas, resume que "se deixaron de contraer orzamentariamente obrigas que deberon recoñecerse por corresponder a gastos realizados no exercicio", unha práctica que "supón o incumprimento do principio de anualidade orzamentaria" que impón a Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario. Este xeito de levar as contas implica, ademais, que "parte dos créditos aprobados no exercicio corrente se atopen comprometidos por gastos de anos anteriores". Alén do "posible efecto neutro que pode deducirse da compensación deste tipo de gasto ao longo do tempo" Contas advirte de que empurrar cara a adiante gastos que deberían atenderse no propio ano "pode acabar distorsionando o resultado orzamentario" e "afectar negativamente aos orzamentos futuros ao diminuír a capacidade para atender as necesidades previstas". Asemade, este xeito de proceder "marxina" os Orzamentos como "instrumento de planificación e xestión" das contas públicas, resalta.

Veto ás facturas novas ata 2015

Este desprazamento de facturas é produto da data na que a Xunta determina o peche do exercicio económico cada ano, isto é, o momento no que veta o pagamento de facturas novas ata o ano vindeiro, con excepción de determinados servizos esenciais, caso por exemplo das farmacias hospitalarias ou os comedores escolares, entre outros. Así, por exemplo, en 2011 o ano orzamentario do Goberno galego rematou o 30 de setembro e en 2012 fíxoo o 7 de novembro. En 2013 pecháronselle a porta ás novas facturas o 4 de novembro e desta volta Facenda estendeu o prazo un chisco máis, ordenando o peche para a maior parte das facturas con data do 14 de novembro. Así as cousas, as obrigas de pagamento que chegasen a partir desa data xa serán, a todos os efectos, gastos do ano 2015.

A Xunta despraza a 2015 todas as facturas que entrasen a partir do 14 de novembro

Mentres isto sucede, dende o Consello e Contas "recoñécese" un certo "esforzo de regularización" deste tipo de gasto desprazado, concretamente no ano 2012 -última fiscalización dispoñible-. Así e todo, advirte ao Goberno galego de que "non parece que esta insuficiencia de créditos poida prolongarse indefinidamente, polo que haberá que realizar axustes pola vía dos ingresos ou do gasto". Do mesmo xeito, Contas ve "necesario" contar con "información precisa e fiable das contías do gasto sen rexistrar, tanto na Administración xeral como no ámbito sanitario".

Feijóo conversa coa conselleira de Facenda nun Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.