CCOO critica a reiteración do Goberno galego, que agora deberá indemnizar á afectada con 2.500 euros
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Xunta a indemnizar con 2.500 euros a unha traballadora á que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar dificultou conciliar. Segundo vén de informar CCOO, unha primeira sentenza recoñecera á empregada pública dunha escola infantil de Ourense o seu dereito á redución de xornada que solicitaba e obrigara á Xunta a indemnizala con 200 euros, pero agora o Tribunal Superior multiplica por máis de dez esa cifra.
Non é a primeira vez que isto ocorre. O sindicato salienta que no que vai de ano os seus servizos xurídicos xa se atoparon con máis casos semellantes, como outro en Vigo no que o un Xulgado do Social recoñeceu tamén a outra traballadora os seus dereitos de conciliación, “inicialmente rexeitados pola Consellería de Política Social”, da que tamén depende o Consorcio agora condenado.
CCOO lembra que as cuestións litixiosas sobre esta materia teñen “carácter urxente e tramitación preferente”. A súa normativa reguladora establece que en cinco días debe sinalarse data de xuízo e en tres días emitirse a decisión, resalta.
“O Consorcio de Igualdade e Benestar non acatou o mandato xudicial e procedeu a resolver varias semanas despois, demorando inxustificadamente o cumprimento da sentenza", critica CCOO
Ademais, as medidas de conciliación serán “executivas dende o momento en que se dite a sentenza”, apunta o sindicato. Porén, engade, “o Consorcio de Igualdade e Benestar non acatou o mandato xudicial e procedeu a resolver, neste caso e noutros da mesma materia, varias semanas despois, demorando inxustificadamente o cumprimento da sentenza".
Ás portas dun novo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, CCOO considera “especialmente lamentable” que as traballadoras do Consorcio “teñan que acudir á vía xudicial para poder exercer os seus lexítimos dereitos de conciliación, xa que as solicitudes presentadas en vía administrativa son sistematicamente denegadas”.