Babcock-Inaer, a empresa que opera a maioría dos servizos aéreos da Xunta, reclamou a débeda de varios anos antes ao tempo que o Goberno galego a deixaba fóra do servizo do 061
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar ao Goberno galego a pagar á empresa Babcock, a antiga Inaer, principal adxudicataria da maioría dos servizos de helicópteros da Xunta, máis de 33.000 euros só por xuros polo seu atraso en abonarlle diversas facturas. Son facturas de hai máis de seis anos pero Babcock non reclamou os xuros de demora ata xuño de 2018, xusto despois de que a Xunta a excluíse do concurso para renovar o servizo de helicópteros do 061 por incumprir as condicións técnicas. Babcock segue a operar actualmente para a Xunta outros servizos como os polémicos helicópteros de salvamento marítimo ou a maioría dos de incendios, que a Xunta chegou a encargarlle a dedo sen ningún tipo de contrato.
Inaer, agora integrada en Babcock, foi a adxudicataria do servizo de emerxencias, rescates e atención sanitaria da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) en abril de 2009, contrato que lle foi prorrogado en varias ocasións en vez de volver convocarse un novo concurso público. O prego de condicións e a lei de contratos establecían que o pagamento dese servizo debíase facer mensualmente nun prazo máximo dun mes, tempos que a Xunta incumpriu en varias ocasións desde hai máis de seis anos. Porén, a empresa non reclamou os xuros de demora polos atrasos nos pagamentos desas facturas ata xuño de 2018.
A reclamación de Babcock deses xuros pola vía administrativa presentouna ante a Xunta o 12 de xuño de 2018, e o silencio do Goberno galego ante a súa petición foi o que a levou a recorrer á vía xudicial que agora lle dá a razón. Pero a data elixida pola empresa para reclamar os xuros coincide no tempo coa decisión da Xunta de deixala fóra dun concurso público que acabou en mans doutra empresa.
Ademais de reclamar os xuros atrasados só tras ser excluída, Babcock recorreu o novo concurso en varias ocasións, o que lle permitiu seguir prestando, e cobrando, o servizo mentres non se concretou a adxudicación a outra competidora
Ao concurso para renovar a xestión dos helicópteros do 061 presentáronse Babcock, que viña prestando o servizo, e Habock, unha firma creada polo empresario que impulsara Inaer antes da súa integración en Babcock. Porén, a Xunta considerou que a oferta presentada por Babcock incumpría as condicións e eliminouna do proceso, decisión contra a que recorreu a empresa. A Xunta ratificou a súa decisión de excluíla o 5 de xuño de 2018 e unha semana despois a firma reclamaba os xuros de demora de varios anos antes. Ao tempo, Babcock tamén seguiu recorrendo contra o novo concurso do que fora excluída, o que provocou que a Xunta tardase máis dun ano en poder adxudicalo á nova empresa, tempo durante o cal o servizo seguiu sendo prestado, e cobrado, por Babcock.