Babcock-Inaer, adxudicataria da gran maioría dos servizos aéreos da Xunta, volve recorrer o concurso gañado por unha competidora, o que lle permite seguir operando o servizo con prórrogas
Máis dun ano despois de iniciar, en decembro de 2017, o concurso público para renovar o contrato de xestión do seu servizo de emerxencias aéreas con helicópteros, a Xunta, a través do 061, vén de paralizar por cuarta vez o proceso por un novo recurso dunha das dúas empresas candidatas. Babcock, principal adxudicataria da gran maioría dos servizos aéreos da Xunta e empresa que viña operando eses helicópteros sanitarios, volve bloquear así o concurso gañado por unha competidora, o que lle permite seguir prestando e cobrando o servizo a través de prórrogas á espera de que se resolva o conflito administrativo.
O servizo dos helicópteros do 061 viña sendo prestado, como a maioría do resto de helicópteros da Xunta (como os polémicos de Salvamento Marítimo ou loita contra os incendios) pola empresa Inaer, adquirida en 2017 pola multinacional Babcock. Porén, ao concurso aberto polo 061 hai máis dun ano para renovar o seu servizo por outros catro anos prorrogables dous máis, e por 2,5 millóns de euros ao ano, presentouse tamén outra firma, Habock, presidida por Luis Miñano, empresario que no seu momento impulsara o crecemento de Inaer antes da súa adquisición por Babcock.
O 061 non aclara o contido do novo recurso e limítase a lembrar que sobre el decidirá o Tribunal Administrativo de Contratación
Durante o concurso, a Xunta descualificou á anterior adxudicataria, Inaer-Babcok, por considerar que a oferta que presentou para volver facerse co servizo do 061 non cumpría os requisitos establecidos, o que deixou o contrato en mans da nova aspirante, Habock. Porén Babcock vén recorrendo diversos trámites da adxudicación a Habock e forzou sucesivas paralizacións do proceso que lle veñen facilitando seguir prestando o servizo. A última suspensión do proceso, a cuarta, ten data do pasado martes, 29 de xaneiro, e segundo o 061 débese á interposición por parte de Babcock doutro recurso especial en materia de contratación contra o acordo de adxudicación do servizo adoptado pola Xunta o 4 de xaneiro. A fundación pública que xestiona o 061 non aclara o contido deste novo recurso e limítase a lembrar que será o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia o que decida ao respecto.
O sindicato de pilotos considera que o servizo pode resentirse pola menor experiencia da nova adxudicataria e as súas peores condicións laborais
O anterior recurso de Babcock que paralizara o proceso de contratación databa do pasado 5 de novembro e fora atendido polo tribunal administrativo de contratos o 30 de novembro. Na súa resolución, o tribunal obrigara ao 061 a retrotraer o proceso de adxudicación para que Habock, que neste tempo xa cambiou de nome ao de Eliance Helicopter Global Services SL, presentase correctamente “a documentación acreditativa dos medios persoais adscritos á execución do contrato”. A empresa que quere facerse co servizo entregou esa documentación ao 061, que a considerou válida e o 4 de xaneiro volveulle adxudicar o contrato.
Nesa cuestión, a do persoal que traballará para Habock-Eliance, é na que pon o foco o sindicato de pilotos, que defende aos traballadores que viñan operando os helicópteros para Babcock-Inaer e considera que o servizo pode resentirse pola menor experiencia da nova adxudicataria e as súas peores condicións laborais. De feito, a segunda das catro paralizacións do proceso de adxudicación estivo relacionada con esa cuestión, ao considerar o tribunal administrativo que a Xunta debera comprobar antes de adxudicar o contrato a Habock se a tripulación que esta asignaba aos helicópteros contaba con habilitacións para operalos no que se coñece como voo instrumental e multipiloto, requisito que indica unha maior habilidade do persoal e polo tanto seguridade nas súas operacións.
"A lei de contratos establece que, posto que é un servizo esencial para a poboación, continúe a prestarse pola actual adxudicataria", di a Xunta
Mentres non se resolve de xeito definitivo o proceso, Babcock-Inaer seguirá a prestar o servizo, di a Xunta. “A lei de contratos do sector público establece que, posto que se trata dun servizo esencial para a poboación, o servizo de transporte sanitario urxente aéreo de Galicia continuarase a prestar pola actual empresa adxudicataria ata a adxudicación definitiva do servizo”, explica o 061.