O 061 non dá pechado os seus conflitos e volve atascar na renovación dos helicópteros iniciada hai un ano

Helicóptero do 061 operado por Inaer-Babcock, adxudicataria ata o de agora do servizo e que o segue a prestar mentres non se resolve o novo concurso Dominio Público Xunta de Galicia

Sucesivos recursos da anterior concesionaria do servizo de emerxencias aéreas permítenlle seguir operándoo e cobrando por el á espera de que o Goberno galego certifique que a nova adxudicataria cumpre cos requisitos

O 22 de decembro de 2017, hai case un ano, o padroado da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dependente da Xunta, aprobou que o seu director-xerente, José Antonio Iglesias, que deixou o cargo hai un mes, iniciase o proceso para renovar o contrato de xestión do seu servizo de emerxencias aéreas en helicópteros, que se presta a través de dous aparatos con bases en Santiago e Ourense. Un ano despois o 061, no que está a vivirse unha crise interna coa substitución por parte da Xunta da súa cúpula directiva tras sucesivas polémicas arredor da súa xestión, aínda non foi quen de rematar ese proceso. O tribunal administrativo de contratos vén detectando nese novo concurso diversas irregularidades que están a ser aproveitadas pola anterior empresa adxudicataria para, mediante recursos, seguir prestando e cobrando o servizo a través de prórrogas do mesmo.

Este luns o novo director-xerente do 061, José Flores, anterior director asistencial da fundación e que sucedeu hai un mes a José Antonio Iglesias á súa fronte, asinou unha resolución coa que volve paralizar o proceso de adxudicación do novo contrato dos seus helicópteros atendendo a un requirimento do tribunal administrativo de contratos. Este dálle novamente a razón á anterior concesionaria fronte á empresa á que agora se ía entregar o servizo, que ten que xustificar mellor que dispón do persoal preciso para operar os aparatos.

Fragmento da resolución que volve paralizar a renovación do contrato dos helicópteros do 061 CC-BY-SA Praza Pública

Os helicópteros do 061 veñen sendo operados por Inaer-Babcock, como os tamén polémicos servizos de Salvamento Marítimo e loita contra os incendios

O servizo dos helicópteros do 061 viña sendo prestado, como a maioría do resto de helicópteros da Xunta (como os polémicos de Salvamento Marítimo ou loita contra os incendios) pola empresa Inaer, adquirida en 2017 pola multinacional Babcock. Porén, ao concurso aberto polo 061 hai un ano para renovar o seu servizo por outros catro anos prorrogables dous máis, e por 2,5 millóns de euros ao ano, presentouse tamén outra firma, Habock, presidida por Luis Miñano, empresario que no seu momento impulsara o crecemento de Inaer antes da súa adquisición por Babcock.

A Xunta descualificou do proceso á anterior adxudicataria, Inaer-Babcok, por considerar que a oferta que presentou para volver facerse co servizo do 061 non cumpría os requisitos establecidos, o que deixou o concurso en mans da nova aspirante, Habock. Porén Babcock recorreu diversos trámites da adxudicación a Habock e forzou sucesivas paralizacións do proceso que lle veñen facilitando seguir prestando o servizo. 

O tribunal de contratos obriga á Xunta, tras un recurso de Inaer-Babcock, a volver a comprobar documentación da empresa finalista para facerse agora co servizo, Habock, impulsada por un ex-directivo de Inaer e que vén de ser renomeada como Eliance

O último recurso de Babcock, agora feito público pola Xunta, data do pasado 5 de novembro e foi atendido polo tribunal administrativo de contratos o 30 de novembro. Na súa resolución, o tribunal obriga ao 061 a retrotraer o proceso de adxudicación para que Habock, que neste tempo xa cambiou de nome ao de Eliance Helicopter Global Services SL, “presente correctamente a documentación acreditativa dos medios persoais adscritos á execución do contrato”. A empresa que quere facerse co servizo ten agora tres días para entregar esa documentación ao 061 e que este valore a continuación se o persoal cumpre os criterios esixidos antes de adxudicarlle o servizo. Mentres, un ano despois de iniciarse o proceso para renovar o contrato, a empresa actual, a recorrente Babcock, seguirá a prestar o servizo. 

Unha investigación penal analiza a adxudicación en 2015 por 120 millóns de euros das ambulancias de emerxencias do 061, que circularon durante meses con sobrepeso e eivas de seguridade

As sucesivas resolucións do tribunal de contratos obrigando ao 061 a refacer correctamente uns trámites considerados incorrectos, e que están a permitir que o servizo de helicópteros siga sen renovarse e en mans da anterior adxudicataria, engádense ás sospeitas que pesan, neste caso no eido penal, sobre o xeito en que a mesma fundación adxudicou en 2015 as súas ambulancias de emerxencias nun concurso de 120 millóns de euros. Un técnico da fundación está imputado xunto con varios empresarios que supostamente tiveron acceso previo ás condicións do concurso. No marco desa investigación, un informe pericial da policía constatou diversas eivas de seguridade nas ambulancias do 061, que circularon durante meses con sobrepeso pero que a Xunta asegura que xa cumpren coa normativa.

 

Ambulancia do 061 © Xunta

No ámbito laboral, veñen sendo recorrentes as protestas tanto do persoal propio do 061 como do das empresas de ambulancias que prestan servizo para a fundación. Os sindicatos critican que o Goberno galego non ten en conta que as rebaixas que esas firmas ofreceron para facerse cos contratos son inasumibles economicamente para unha correcta prestación do servizo e acaban supoñendo ou recortes aos seus traballadores ou incrementos posteriores dos custos para a Xunta. A esas protestas sumáronse nos últimos meses as derivadas do traslado das sedes centrais dos dispositivos de emerxencias da Xunta desde Santiago a unhas novas instalacións na Estrada ás que foron obrigados a desprazarse os seus traballadores.

O TSXG vén de anular os servizos mínimos do 100% que a Xunta impuxo ao persoal de atención telefónica do 061 durante a súa folga do pasado verán

A última polémica laboral arredor do funcionamento do 061 ten data de hai dúas semanas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia divulgou unha sentenza na que anulou, como vén facendo noutros moitos ámbitos, os servizos mínimos do 100% que a Xunta impuxo ao persoal de atención telefónica do 061, externalizado a través dunha empresa, durante a folga que desenvolveron o pasado verán. 

Neste contexto o pasado 13 de novembro a Consellería de Sanidade anunciou a “substitución” de quen viña sendo director-xerente do 061 desde a chegada de Feijóo á presidencia da Xunta en 2009, José Antonio Iglesias. E uns días despois, a través do Diario Oficial de Galicia, desvelou que a crise na cúpula da fundación sería máis ampla e afectará tamén a dúas das tres direccións de área inferiores do 061. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.