O ata agora director xerente do 061, o servizo de emerxencias sanitarias controlado pola Xunta a través dunha fundación pública, José Antonio Iglesias Vázquez, vén de ser substituído este martes á súa fronte. Así o comunica a Consellería de Sanidade nunha nota de prensa na que de xeito implícito evidencia a precipitación da decisión, que supón o nomeamento de xeito interino como novo director xerente do 061 “en tanto non se resolve definitivamente a ocupación da praza” do ata o de agora director asistencial da mesma fundación.
Unha investigación penal desvelou que vehículos sanitarios circularon con sobrepeso e o tribunal de contratos censurou que a fundación de emerxencias dependente do Goberno galego non revisou elementos de seguridade das aeronaves cando as adxudicou
A saída de Iglesias Vázquez prodúcese despois de que unha investigación penal, pola que está imputado un técnico da fundación pública, desvelase que ambulancias do 061 circularon con sobrepeso e de que o tribunal administrativo de contratos censurase que a fundación non revisou elementos de seguridade antes de adxudicar os seus helicópteros sanitarios. Por outra banda, a súa cabeza foi reclamada polo persoal do 061 polo que consideran “nefasta xestión” do conflito laboral rexistrado na fundación.
Na nota de prensa deste martes, que Sanidade centra nunha visita do conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, ao centro de emerxencias do 061 na Estrada, a Xunta informa de que ao rematar ese recorrido celebrouse alí mesmo unha reunión do padroado da fundación que decidiu a substitución de Iglesias Vázquez polo seu número dous na área asistencial. Sanidade “agradece a dedicación e o traballo realizados” nos seus nove anos no posto polo agora saínte director xerente e indica que o seu substituto, José Manuel Flores Arias, “ocupaba, dende 2017, o posto de director asistencial desta institución” na que entrou en 1999 e pola que foi pasando por diversos postos inferiores.