A Xunta non revisou varios elementos de seguridade das ambulancias e helicópteros sanitarios cando os adxudicou

Helicóptero e ambulancia do 061 de emerxencias sanitarias nun simulacro Dominio Público Xunta de Galicia

Un tribunal administrativo frea o contrato das aeronaves do 061 porque non comprobou previamente se os pilotos tiñan a titulación requirida, ao tempo que unha investigación policial revelou que UVI móbiles circularon durante meses con sobrepeso

Son servizos sanitarios que salvan vidas pero tamén contratos millonarios polos que as empresas interesadas neles están dispostas a pelexar legalmente con todos os medios ao seu alcance. Iso é o que está por tras das cuestionadas adxudicacións da Xunta dos seus servizos de transporte sanitario de emerxencias tanto en ambulancias como en helicópteros. O primeiro dos contratos, adxudicado en 2015 por 120 millóns de euros, está baixo investigación xudicial por un posible amaño e un informe policial revelado o pasado agosto por Praza.gal constatou que numerosas ambulancias circularon durante meses con sobrepeso e outras eivas de seguridade. A adxudicación do segundo, duns 10 millóns de euros, vén de ser agora paralizada por un tribunal administrativo porque a Xunta non revisou antes se a tripulación asignada aos helicópteros por parte da empresa gañadora contaba coas habilitacións especiais de voo que previamente requirira o propio Goberno galego.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que dirixe José Antonio Iglesias Vázquez, salienta sobre o primeiro caso, o das ambulancias, que conta con outra peritaxe que "confirma a seguridade destas unidades asistenciais con data deste ano" mentres que sobre o segundo garante que o servizo de emerxencias con helicópteros non se deixará de prestar ata que non se resolva o novo concurso porque mentres ségueo a operar a anterior adxudicataria.

José Antonio Iglesias Vázquez, director do 061, co conselleiro de Sanidade Dominio Público Xunta de Galicia

Longo historial de irregularidades nos contratos de helicópteros

O do 061 é un capítulo máis da longa serie de irregularidades detectadas tanto a nivel administrativo como xudicial en todo tipo de contratos de helicópteros por parte da Xunta

A paralización da adxudicación dos helicópteros sanitarios con base en Ourense e Santiago é un capítulo máis da longa serie de irregularidades detectadas tanto a nivel administrativo como xudicial en todo tipo de contratos de helicópteros por parte da Xunta, que leva anos adxudicándollos de xeito maioritario a Inaer, agora integrada no grupo británico Babcock. Así o determinou o Consello de Contas nun demoledor informe emitido en 2014 no que detectou eivas en todos os contratos asinados polo Goberno galego con esa empresa, un dos cales levou á imputación do director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto, arquivada porque o xuíz entendeu que, malia ser ilegal, non houbo “capricho” na súa decisión de elixir a dedo a Inaer.

A mesma empresa é á que a Xunta vendeu en 2012 os dous helicópteros de salvamento marítimo que tiña en propiedade e con base en Vigo e Burela porque consideraba que quedarían “obsoletos” malia que seis anos despois segue a alugarlle os mesmos aparatos. Inaer tamén é unha das empresas implicadas na investigación noutras comunidades do denominado cartel do lume que investiga se varias firmas do sector se repartiron contratos evitando competir entre elas para así obter máis beneficios. A propia Inaer, socia da Xunta no proxecto de investigación con drons no aeródromo lucense de Rozas, admitiu no seu momento que se beneficia da pouca competencia que hai no sector.

Helicóptero do 061 operado por Inaer no novo hospital de Vigo Dominio Público Xunta de Galicia

A Xunta eliminou a candidatura de Inaer porque non cumpría cos requisitos técnicos pero esta recorreu a adxudicación á súa competidora e agora seguirá a operar o servizo do 061 mentres este non refaga o proceso

Tamén os helicópteros sanitarios agora baixo sospeita viñan sendo operados por Inaer-Babcock. Pero ao novo concurso convocado o pasado xaneiro para renovar o servizo presentouse, ademais dela, outra firma, Habock, presidida por Luis Miñano, empresario que impulsara o crecemento de Inaer, da que saíu cando esta pasou a mans de Babcock. A mesa de contratación eliminou a candidatura de Inaer-Babcock porque non cumpría con determinadas condicións técnicas do prego de condicións, como o xeito de garantir a climatización do habitáculo dos helicópteros, e acabou adxudicando o concurso á única oferta que se mantivo en pé, a de Habock. Pero Inaer-Babcock non só recorreu a súa eliminación ante a xustiza ordinaria senón que contraatacou recorrendo a adxudicación á súa competidora ante o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia.

O tribunal vén de darlle a razón e retrotrae o proceso a unha fase anterior porque entende que a Xunta debeu comprobar antes de adxudicar o contrato a Habock se a tripulación que esta asigna aos helicópteros contaba con habilitacións para operalos no que se coñece como voo instrumental e multipiloto, requisito que indica unha maior habilidade do persoal e polo tanto seguridade nas súas operacións. O 061 asegura que a súa intención era comprobar ese requisito “antes da formalización do contrato e do inicio da prestación do servizo”, pero o tribunal administrativo considera que se debeu facer antes, nunha fase de valoración das ofertas presentadas previa á adxudicación do contrato, e retrotrae o proceso a ese momento. O recurso de Babcock agora atendido implica que mentres a Xunta non refai o proceso de adxudicación comprobando esa documentación e ata a posterior formalización efectiva do contrato, o servizo segue a ser operado por Inaer-Babcock.

Ambulancias con eivas de seguridade

Un informe policial constatou que UVI móbiles do 061 circularon durante meses con ata 800 quilos por riba do peso autorizado

A retroacción do contrato dos helicópteros sanitarios prodúcese mentres un xulgado de Santiago ten aberta unha investigación penal polo xeito en que a Xunta adxudicou en 2015 o servizo de transporte sanitario urxente por estrada, dividido en 14 lotes segundo as súas áreas xeográficas que sumaron 120 millóns de euros. A causa iniciouse tras unha denuncia dun empresario que foi avalada pola Fiscalía e que permitiu descubrir que, con independencia de quen fose o adxudicatario do servizo en cada zona -Ambuiberica foi a principal beneficiaria-, a gran maioría adaptaran as carrocerías dos vehículos nun mesmo taller, o ourensán Rodríguez López, nalgún caso mesmo antes de resolverse o concurso. Na causa figuran correos electrónicos cruzados que para os investigadores probarían que ou ben un técnico do 061 investigado na causa xudicial facilitou á empresa os planos antes de convocarse o concurso ou ben que foi esta a autora material dos planos que logo esixiría a Xunta aos candidatos.

Ambulancia do 061 en Galicia © Xunta

No marco desa investigación a policía encargou un informe pericial, desvelado o pasado agosto por Praza.gal, que constata que as ambulancias circularon durante varios meses con numerosas eivas de seguridade, en particular por sobrepeso, nalgún caso superior aos 800 quilos. Segundo asegurou a Xunta ao desvelarse ese informe policial e ratifica agora novamente, “a día de hoxe” as ambulancias do 061 xa contan con outro informe pericial que “confirma a súa seguridade”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.