UVI móbiles do 061 circularon durante meses con ata 800 quilos por riba do peso autorizado

Helicóptero e ambulancia do 061 de emerxencias sanitarias, en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Polo menos nove UVI móbiles do 061 en Galicia circularon durante meses cun exceso de peso de centos de quilos polas estradas galegas. Todas as ambulancias deste tipo inspeccionadas no marco dunha investigación xudicial excedían por moito a masa máxima autorizada (MMA) e realizaron traslados de emerxencia con esta grave irregularidade e risco durante moito tempo, nalgúns casos máis de ano e medio, e mesmo con sobrepesos de máis de 800 quilos.

Así o certifican as inspeccións levadas a cabo pola policía xudicial e o informe pericial sobre estas, que constataron numerosas eivas de seguridade nas ambulancias do 061 en Galicia. O documento, ao que tivo acceso Praza.gal, conclúe que en todas as análises realizadas nas 14 áreas de cobertura do transporte sanitario se atoparon irregularidades que afectan a seguridade vial e "aumentan drasticamente" a "probabilidade de sufrir un accidente". O exceso de peso que as análises certificaron en todos os vehículos "incumpre a normativa" e provoca importantes riscos para os ocupantes e na condución, que se fai máis "perigosa e impredicible".

Todas as ambulancias inspeccionadas hai un ano tiñan un exceso de peso que "incumpre a normativa" e provoca importantes riscos

Durante as inspeccións, tal e como aclara o Sergas, e "co obxectivo de garantir a seguridade", a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 procedeu unicamente a "substituír" as ambulancias afectadas "durante o proceso de inspección necesario para a comprobación por parte do perito do cumprimento da normativa vixente garantindo a asistencia sanitaria urxente".

O Sergas aclara que, "a día de hoxe", as ambulancias do 061 "contan cun informe pericial" que "confirma a súa seguridade"

"A día de hoxe, as ambulancias que conforman a Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia-061contan cun informe pericial de conformidade normativa --a petición da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061--, e realizado por un perito independente e imparcial, que confirma a seguridade destas unidades asistenciais e que ten data deste ano", aclaran desde o Sergas. 

Hai agora un ano, inspeccionáronse 23 ambulancias e sempre algunha de cada área. Todas foran equipadas no taller investigado no xulgado: Rodríguez López, de Ourense. O resultado foi que todos os vehículos analizados pasaban de peso e, na súa maioría, o exceso de masa aproximado era duns "300 quilos sobre a masa máxima autorizada (MMA) permitida para a circulación de vehículos deste tipo e incumprindo a normativa aplicada".

Ambulancia do 061 en Galicia / © Xunta

Ocorreu así nas ambulancias de tipo B, as de soporte vital básico e atención sanitaria inicial, e tamén nas de tipo C, de soporte vital avanzado ou UVI móbiles. Pero nestas últimas, a policía xudicial advirte de máis eivas. Á marxe do exceso de peso certificado no momento das inspeccións, en agosto de 2017, en todos os casos se advirte de que as ambulancias foran reformadas anteriormente para aumentar a MMA (masa máxima autorizada) de 3.880 quilos a 4.400. Polo que desde que os vehículos se matricularon e ata que foron adaptados, o sobrepeso era aínda superior ao certificado no momento da inspección. De entre 765 e 900 quilos segundo o vehículo. 

As UVI móbiles soportaron aínda máis sobrepeso: durante meses, antes de reformalas para aumentar a masa máxima autorizada, circularon con entre 765 e 900 quilos de máis

Foron centos de quilos de máis e durante tempo, tal e como se debulla no informe pericial. No caso, por exemplo, dunha ambulancia da área de Pontevedra, case 19 meses cun exceso de 830 quilos de peso. Na Mariña, outro vehículo con 860 quilos por riba do permitido e durante máis de ano e medio. En Santiago, 15 meses cun coche de transporte urxente circulando con 835 quilos de máis. Na área de Vigo, 19 meses e 805 quilos extras. Así en todas as zonas, con máis ou menos tempo e máis ou menos sobrepeso. De media, 813 quilos de máis durante case un ano nas nove ambulancias inspeccionadas aleatoriamente. 

O exceso de peso que denuncia neste informe a policía xudicial coincide co que traballadores das UVI móbiles da Comunidad de Madrid veñen de denunciar nos seus vehículos. Tal e como adiantou a SER, a empresa que equipa o transporte neste caso é a mesma investigada no proceso aberto nos xulgados de Santiago e que tamén excedeu o peso nos vehículos en Galicia: Rodríguez López Autos. En Galicia, hai xa máis dun ano, varios sindicatos denunciaran tamén o sobrepeso en varios vehículos e as inspeccións negativas que pasaran varios deles. 

Os traballadores das UVI móbiles de Madrid denuncian tamén o exceso e peso nas ambulancias, equipados na mesma empresa que as galegas

"Exceder a MMA nun vehículo, evidentemente, pode repercutir en danos estéticos á carrocería do coche e danos estruturais desta, afectando negativamente o sistema de suspensión, pneumáticos e freos", advirte o informe pericial asinado por un enxeñeiro técnico industrial o pasado setembro, que aclara que "todo isto repercute na condución do vehículo". "O tempo e a distancia de freado aumentan, o que pode representar un perigo" e o "paso pola curva implica, xa en condicións normais, sufrir as leis da física: a inercia actúa sobre o vehículo tendo o movemento cara ao exterior da curva. Ese efecto aumenta se levamos máis cargado o coche".

"Exceder a masa máxima autorizada nun vehículo afecta negativamente o sistema de suspensión, pneumáticos e freos"

O informe avisa ademais de que as inspeccións realízanse sobre "un vehículo de urxencia", co que "con frecuencia se realizan conducións agresivas, con exceso de velocidade sobre os límites establecidos", o que provoca que "se volva impredicible na súa manobrabilidade e moi perigoso de conducir". "Estamos expostos a que un ou varios compoñentes do vehículo non funcionen correctamente e presenten danos serios. A probabilidade de que ocorra un accidente que poida chegar a afectar os ocupantes aumenta drasticamente, polo que de maneira ningunha se recomenda sobrepasar o límite de carga marcado na ficha técnica polo fabricante".

 

Investigación polo presunto amaño dun concurso de 120 millóns

O documento pericial forma parte das dilixencias previas --e até hai poucos meses secretas-- da investigación aberta no Xulgado de Instrución número 2 de Santiago por un presunto delito de prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias no concurso da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, dependente do Sergas, para o servizo de transporte sanitario urxente por 120 millóns de euros ata 2019. Dividido en 14 lotes por áreas xeográficas, once empresas repartíronse as adxudicacións, oficializadas no verán de 2015. Pero un dos empresarios aspirantes denunciou e puxo sobre a mesa supostas irregularidades.

A causa abriuse tras a denuncia deste empresario lucense excluído do concurso. A xuíza actuou a instancias da Fiscalía, que recomendou en outubro de 2015 a admisión a trámite da denuncia. Nela, asegúrase que as empresas beneficiadas terían matriculado e rotulado os vehículos coa simboloxía da Xunta e da Consellería de Sanidade meses antes de que a Administración resolvese a adxudicación e mesmo xa unha semana despois da publicación dos pregos no DOG, en novembro de 2014. Segundo o denunciante, todas as firmas que conseguiron o contrato carrozaron as ambulancias no taller ourensán Rodríguez López -o 95,5% delas- e no portugués Autos Ribeiro.

Respecto do procedemento de contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia-061, a Xunta aclara que se "realizou en conformidade ao Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público e o establecido no Prego de Cláusulas Administrativas Particulares". "Actualmente, as resolucións a 11 recursos presentados ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais de Madrid foron favorables á Fundación. O Tribunal confirmou que se garantían os principios de igualdade, libre concorrencia e non discriminación baseándose nos requirimentos esixidos nos pregos", asegura. A investigación xudicial, mentres, continúa o seu camiño nos xulgados. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.