Rueda di que as mellores medidas contra a crise da vivenda en Galicia son as que está a aplicar a Xunta

Rueda durante unha visita ás obras de construción dunha promoción de vivendas públicas en Vigo nunha imaxe de hai uns meses CC-BY-SA Xunta de Galicia

"A quen non se lle remova a conciencia con iso é que non a ten", di o presidente do caso de Maricarmen, a anciá desafiuzada en Madrid, pero pide "pensar na seguridade que hai que darlle aos propietarios" que son persoas individuais e non grandes propietarios

"A mellor medida que se pode facer é a que leva facendo a Xunta toda esta lexislatura, facer 4.000 vivendas de promoción pública e contribuír a que se fagan 20.000 vivendas con colaboración público-privada con prezo social". Así respondeu este luns o presidente Rueda ás preguntas sobre as novas mobilizacións en defensa do dereito á vivenda que se están a espallar por toda España, tamén en Galicia, logo do desafiuzamento a pasada semana en Madrid dunha anciá. "A quen non se lle remova a conciencia con iso é que non a ten", dixo Rueda sobre o caso da madrileña Maricarmen", pero pediu tamén atender "á enorme cantidade de vivendas baleiras que non son de grandes propietarios senón de persoas individuais", para as que pediu "estimular que poñan as súas vivendas en alugueiro". 

Consello da Xunta celebrado en San Caetano este luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Ante o debate xeral e o anuncio do Goberno de España de que este martes vai aprobar un decreto de urxencia para protexer o dereito á vivenda, Rueda respondeu que o seu Goberno xa vén actuando durante "esta lexislatura" con máis construción de vivenda pública, rebaixas fiscais ou estímulos ao alugueiro, sen referirse á década e media anterior de parálise das políticas de vivenda da Xunta. Porén, Rueda reprocha que "o que non fixo o Goberno central", do que di que "se por fin se dan conta oito anos despois, benvido sexa, a Xunta está facendo a súa parte".

Rueda foi preguntado pola posibilidade de que a nova norma estatal deixe en mans das comunidades pagar as rendas de inquilinos vulnerables para evitar os seus desfiuzamentos, ao que respondeu que non coñece a medida "pero é moi típico do Goberno que non vai con eles todo isto e dicir que o tema da vivenda é responsabilidade das comunidades". "Eu non nego as obrigas que ten a Xunta", engadiu, pero matizou que "isto require unha solución global". Foi nese punto cando Rueda pediu "pensar na seguridade que hai que darlle aos propietarios" e na "enorme cantidade de vivendas baleiras que non son de grandes propietarios senón de persoas individuais". Por iso, engadiu, hai que atender a casos como o de Maricarmen -"a quen non se lle remova a conciencia con iso é que non a ten", dixo-, pero tamén "estimular as persoas que poñan as súas vivendas en alugueiro". Porque segundo salientou "os desafiuzamentos ao final son decisións xudiciais, o que hai é que executalas pero evitar que ninguén quede na rúa".

Anta Pontón durante a súa comparecencia este luns CC-BY-SA BNG

Pontón e Besteiro piden a Rueda máis actuacións

Ana Pontón pide contrastar a "habitual propaganda" de Rueda cos numerosos desafiuzamentos que se producen en Galicia por impago do alugueiro

Mentres o presidente apela aos plans do seu Goberno nesta lexislatura na materia, dende as forzas da actual oposición a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chama a contrastar os datos oficiais de desafiuzamentos que seguen a producirse en Galicia coa "habitual propaganda" de Rueda. Destaca a líder do Bloque que o Consello Xeral do Poder Xudicial acredita uns 6.000 desaloxos no noso país só entre 2021 e 2025, "a maioría deles por impagos do alugueiro" (uns 5.000). "O problema tan grave non se soluciona con anuncios" nin cun "engano masivo", advirte.

Indica Pontón que fala de "engano" porque Rueda "prometeu en 2023 1.800 vivendas en alugueiro social para 2026" e "a tan só tres meses de finalizar o ano, entregou 74 e anuncia a entrega doutras 24 para os próximos días". Todas estas cifras, defende, son "o resultado de 17 anos do Goberno dun PP que dinamitou a política social de vivenda" e "deixa ano tras ano millóns de euros sen executar neste ámbito de actuación". Reitera, asemade, as súas propostas na materia como declarar zonas tensionadas en todos os concellos que cumpren os requisitos ou un plan de compra de vivendas baleiras para poñer en alugueiro a prezos accesibles.

Ao tempo, Pontón avanza "disposición do BNG para negociar no Congreso unha resposta á demanda social dun decreto ambicioso, con medidas valentes e eficaces para evitar casos como os de Maricarmen, pero tamén que eviten que miles de persoas vivan cada día coa angustia de se poden ou non pagar o seu alugueiro ou tan sequera acceder a un". A esa negociación referíase tamén este luns o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, para reclamar que Rueda "convenza a Feijóo para apoiar o decreto contra os desafiuzamentos".

José Ramón Gómez Besteiro durante a súa comparecencia este luns CC-BY-SA PSdeG

Besteiro pide a Rueda que "convenza a Feijóo para apoiar o decreto contra os desafiuzamentos" que o Goberno de España prevé aprobar este martes

Sostén o líder socialistas que "as familias galegas vulnerables non poden esperar" e que "Maricarmen vive en Madrid, pero a súa historia pode pasar aquí". En Galicia, advirte Besteiro, tamén "hai milleiros de persoas que fan contas cada fin de mes para saber se poderán pagar a vivenda" aínda que a Xunta "ten ferramentas para actuar sobre os prezos", por exemplo, aplicando a Lei estatal de Vivenda. Neste sentido, tras o rexeitamento do Tribunal Constitucional ao recurso da Xunta contra a norma, o secretario xeral do PSdeG conclúe que o Goberno do PP "xa non pode seguir poñendo escusas para non aplicala".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.