De xaneiro a marzo Galicia rexistrou 114 desaloxos en casos de impagamento de alugueiro. Só houbo menos no trimestre máis afectado polo confinamento da COVID, cando se suspenderan os prazos xudiciais
A finais do pasado febreiro os votos do PP, Vox e Junts per Catalunya derrogaron o Real Decreto-Lei do coñecido como escudo social que, entre outras medidas, incluía prorrogar a suspensión de desafiuzamentos para persoas en situación de pobreza incursas en procedementos xudiciais por impagamento do alugueiro. A medida fora reactivada a comezos daquel mesmo mes despois de que, poucos días antes, os votos das mesmas formacións de dereitas volvesen frear o primeiro intento de mantela en vigor, que o Goberno de España anexara a outros asuntos como a suba das pensións.
Entre un e outro intento a maior parte dese primeiro trimestre do ano mantívose en vigor a suspensión de desaloxos, que o Executivo que encabeza Pedro Sánchez, primeiro con Podemos e despois con Sumar, puxera en marcha para paliar os efectos económicos da COVID. E nese clima de incerteza os desafiuzamentos en pisos alugados caeron a mínimos. Foi un fenómeno xeral en todo o Estado e, no caso galego, a cifra foi a máis baixa dende que hai datos comparables se excluímos o trimestre no que, precisamente a causa da pandemia, os xulgados que ordenan os desafiuzamentos estiveron pechados.
O Consello Xeral do Poder Xudicial vén de actualizar, cos datos de xaneiro a marzo deste 2026, a súa estatística sobre o Efecto da crise nos órganos xudiciais, que elabora dende a gran recesión con diversos indicadores ligados á situación económica das familias e as empresas. No caso galego rexistra 147 desafiuzamentos en vivendas, a maioría -como todos os trimestres sen excepción- en pisos ou casas arrendadas, un total de 114.
A medida decaeu polo "non" do PP, Vox e Junts
Como amosan os gráficos que acompañan esta información, eses 114 casos de lanzamentos de pisos alugados por falta de pagamento son menos que os que eran ata agora mínimos da década (156 no verán de 2024 e 148 a comezos de 2023). Mesmo foron menos que no inicio de 2018, período marcado nos xulgados galegos pola folga do seu persoal. O único dato máis baixo da serie é o do segundo trimestre de 2020, 70 nun tempo marcado polo inicio do confinamento da COVID e a suspensión de actos xudiciais.
Cabe agardar que nos vindeiros trimestres esta mesma estatística reflicta o efecto da fin dunha moratoria que, en concreto, daba a posibilidade de que as persoas incursas en xuízos por impagamento do alugueiro puidesen formular un "incidente de suspensión extraordinaria do desafiuzamento". Só cando estivesen "nunha situación de vulnerabilidade económica que imposibilite atopar unha alternativa habitacional" e ata finais de ano.
Esa "situación de vulnerabilidade" debía ser acreditada polos servizos sociais e a suspensión dependía, en todo caso, da decisión xudicial. Para frear os desaloxos os xulgados debían ter en conta se a persoa propietaria do piso estaba en situación de pobreza, caso no que o desafiuzamento seguía adiante.
Tendo en conta todos eses condicionantes, segundo a mesma fonte de datos, nese trimestre os xulgados galegos recibiron 31 peticións de suspensión de lanzamentos por situación de especial vulnerabilidade das persoas afectadas e resolveron 41 casos. Indica o Poder Xudicial que un total de 12 desafiuzamentos foron suspendidos neses tres meses en Galicia.
Cinco veces máis desaloxos que novos casos de ocupación
No caso dos desafiuzamentos por impagamento de hipotecas volven, un trimestre máis, roldar a trintena. Foron, concretamente, 33, practicamente os mesmos que no comezo de 2025. Isto dá lugar á devandita suma de 147 nunha estatística que cadra trimestre recolle tamén un indicador de magnitude moito menor: os novos casos de demandas por ocupacións ilegais.
Nesta ocasión eses novos casos foron 26, un lixeiro incremento a respecto do trimestre previo (18) e aínda máis leve en comparación co dato de hai un ano (22). Mesmo tendo en conta ese incremento e malia á devandita caída dos desafiuzamentos, os desaloxos seguen multiplicando amplamente as denuncias por ocupacións ilegais de vivendas nas que "os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social", segundo a definición oficial do Poder Xudicial.