O pasado mes de maio, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a futura posta en marcha dun programa para recuperar ata 13.000 fogares baleiros na cidade que se destinarían a alugueiro, sobre todo dirixido á xente nova. Neste sábado, o rexedor anunciou a posta en marcha desta iniciativa e detallou algunha das condicións polas que o Concello tratará de se converter no maior "caseiro" da cidade.
O Conccello pretende converterse en "caseiro" e ofrecer prezos accesibles mobilizando inmobles baleiros, poñéndoos no mercado e garantindo o seu arranxo
Nun audio difundido aos medios de comunicación, Caballero lembrou que en Vigo hai "13.000 vivendas baleiras" e que o Concello quere "que os seus propietarios se animen a poñelas en alugueiro". A idea é que estes poidan ceder as súas vivendas á administración local, coa que acordará un prezo, que será quen a alugará durante cinco anos, abonando cada mes o arrendamento correspondente ao dono.
"Pode ter á súa disposición a vivenda se o desexa e garantímoslle que lla devolveremos en exactamente o mesmo estado na que a puxo en alugueiro", engadiu Caballero sobre un programa no que o Concello se compromete a pagar calquera arranxo que fose necesario durante ese tempo.
O Concello de Vigo intenta así aumentar a oferta de vivenda en alugueiro a prezos accesibles a través dun programa cuxas bases prevén ser aprobadas o vindeiro martes. Entre as medidas hai tamén subvencións, como as de ata 20.000 euros a fondo perdido para que os propietarios reformen os inmobles que o necesiten para seren postos en alugueiro.
O consistorio cubrirá así parte das obras para mellorar a vivenda e facela máis habitable coa condición de que sexa incluída no programa de alugueiro. Aos cinco anos, volverá estar a disposición dos propietarios. "É unha gran vantaxe para eles", di Caballero.