Fronte común da Coruña e Santiago contra o "boicot" e a "indecencia" da Xunta en vivenda

As alcaldesas Goretti Sanmartín e Inés Rey, reunidas en Raxoi CC-BY-SA Concello da Coruña

As alcaldesas de Santiago e da Coruña, Goretti Sanmartín e Inés Rey, inauguraron este venres unha fronte común tras anunciar a creación dun grupo de traballo entre as dúas cidades para abordar as medidas relacionadas coa vivenda e "establecer liñas comúns de actuación", principalmente no que ten que ver coa súa condición de zonas de mercado residencial tensionado, e para facer fronte ao "boicot" da Xunta a esta iniciativa. 

Logo dunha xuntanza mantida no pazo de Raxoi, ambas as dúas rexedoras criticaron con dureza o goberno autonómico por evitar colaborar e mesmo atrancar medidas relacionadas con esta declaración impulsada polo Goberno de España nas dúas urbes para logo dicir "que non funciona". Todo despois de aceptala a desgusto, tal e como sinalaron. 

As alcaldesas Sanmartín e Rey, cos concelleiros responsables de Vivenda dos dous concellos, Iago Lestegás e Francisco Dinís CC-BY-SA Concello de Santiago

"Que curioso que si funcionen en Euskadi, Navarra ou Catalunya", comunidades onde os executivos autonómicos si colaboran cos concellos, segundo deslizou Inés Rey, que tamén deixou caer a intención final da actitude da Xunta. Asegurou que non quere "ser malpensada" e que espera que o goberno de Rueda non "estea boicoteando esta declaración para que fracasen estas medidas e así fracasen estas alcaldesas", xusto "en ano electoral". 

Rey alerta da posibilidade de que a Xunta "estea boicoteando a declaración para que fracasen estas medidas e así fracasen estas alcaldesas en ano electoral"

Desde Compostela, a súa alcaldesa, Goretti Sasnmartín, cualificou de "indecente" o xeito de proceder da Xunta respecto ás políticas e vivenda e criticou que non se implicasen na declaración de zona tensionado ata que o Goberno do Estado anunciou o traslado de fondos, máis de 5 millóns de euros que a Xunta non quere transferir aos concellos malia a petición das rexedoras, reiterada este venres, e a advertencia do Executivo central de que eses fondos son exclusivos para iniciativas vinculadas coa devandita declaración nesas dúas urbes. 

"Un culpable externo"

Sanmartín lembrou que A Coruña e Santiago exixen á Xunta que transfira de maneira directa aos seus concellos estes máis de cinco millóns dos fondos destinados ás zonas de mercado residencial tensionado. Só hai "unha palabra" para definir o proceder do executivo de Rueda neste eido, insistiu a rexedora: "Indecencia". 

Desde o PPdeG, o seu portavoz no Parlamento, Alberto Pazos, acusou a Sanmartín e Rey de buscar na Xunta "un culpable externo do fraco das súas políticas" en vivenda e asegurou que a súa xuntanza "non vai achegar ningunha solución, pero si vai achegar unha escusa".

As alcaldesas Goretti Sanmartín e Inés Rey, tras a reunión en Raxoi CC-BY-SA Concello da Coruña

Pola súa banda, o candidato do PP á alcaldía da Coruña, Miguel Lorenzo, foi máis aló e asegurou que se logra ser alcalde a súa "primeira" medida será eliminar a zona de mercado residencial tensionado porque, dixo, é unha medida "populista". Segundo os seus datos, os alugueiros subiron un 11% mentres os contratos baixaron un 50% os contratos. 

O PP anuncia que, no caso de chegar á alcaldía da Coruña, a súa primeira medida será eliminar a zona de mercado residencial tensionado

As alcaldesas da Coruña e Santiago, pola súa banda, levan tempo insistindo na necesidade de obter máis datos por parte da Xunta sobre a situación da vivenda nas súas cidades e este venres acordaron reclamarlle "máis transparencia e información" sobre o mercado do alugueiro. Ademais, insistiron no positivo da declaración eadvertiron que a súa fronte común pretende tamén evitar a "profecía" da Xunta e do PP, que agoiran o "fracaso" da declaración. 

Ademais, e respecto do grupo de traballo común sobre vivenda, acordaron que avaliará a evolución das zonas tensionadas mais tamén outras temáticas como o das vivendas de uso turístico. Nesa cooperación entre concellos, as partes acordaron tamén que os respectivos edís de Urbanismo participen nas convocatorias das Mesas de Vivenda que faga cada un dos concellos. Trátase, segundo Goretti Sanmartín de “sumar forzas” e de “manter unha relación de coñecemento, de afondar en experiencias e de poñer en valor os recursos que temos en cada concello”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.