A publicación no BOE culmina a solicitude do Concello, que a Xunta aceptou no segundo intento entre advertencias da súa oposición política. Os novos contratos terán que "estar referenciados ao prezo anterior" para "evitar incrementos desproporcionados"
Santiago xa é zona de mercado residencial tensionado, a segunda en Galicia tras a que rexe dende hai un ano na Coruña. O Boletín Oficial do Estado publica este 29 de xullo a culminación dun proceso que, non sen tensións políticas entre as partes, a Xunta aceptou o pasado abril, oito meses despois de frear a primeira solicitude do Concello de Santiago alegando que non completara a documentación precisa como debera.
No segundo intento e entre recordatorios da oposición política do PP e do propio Goberno galego á lei estatal que ampara a figura, a Consellería de Vivenda tivo que dar o seu visto e prace a unha medida que entra en vigor este 30 de xullo. Terá entre as súas consecuencias máis inmediatas a aplicación de freos ás subas de prezos en novos alugueiros e a instauración da figura de "gran posuidor" para propietarios de cinco ou máis pisos na cidade.
As repercusións desta figura comezarán coa obriga de que "todos os novos contratos de alugueiro teñan que estar referenciados ao prezo do contrato anterior" do mesmo piso para así "evitar incrementos desproporcionados", destaca o Goberno de España. Ademais, nos pisos de grandes posuidores que non fosen alugados nos últimos cinco anos, o prezo do alugueiro non pode superar os prezos de referencia fixados polo Ministerio de Vivenda.
Ao tempo, o Concello asume a obriga de aplicar un "plan de medidas correctoras" que xa ten elaborado. E que inclúe, entre outros aspectos, maiores impostos para as vivendas baleiras, descontos para rehabilitación e para vivendas públicas e protexidas, que terán máis facilidades para seren construídas na cidade.
A xustificación
Na memoria tramitada polo goberno que encabeza Goretti Sanmartín (BNG) para lograr a zona tensionada, elaborada polas arquitectas-urbanistas Maria Calvo Llano e Ana Marquina Torres (MarquinaCalvo territorios e estratexias) o Concello de Santiago xustifica a partir de datos oficiais que na capital galega existe un "especial risco de abastecemento insuficiente de vivenda para a poboación residente en condicións que a fagan accesible". En concreto, acredita que "o prezo do alugueiro experimentou nos cinco anos anteriores" un "crecemento acumulado polo menos tres puntos porcentuais superior (...) ao IPC" en Galicia.
Atendendo aos datos fornecidos pola propia Xunta a través do Observatorio de Vivenda de Galicia, que se basea nas fianzas dos novos contratos, evidencia que "o crecemento acumulado do prezo do alugueiro" en Santiago "supera en máis de tres puntos o crecemento acumulado do IPC" entre 2020 e 2024. Sitúase, concretamente, "máis de vinte puntos por riba deste"
Entre os datos achegados polo Concello que xustifican a declaración destaca que o incremento dos custo dos alugueiros duplica a suba xeral dos prezos ao consumo
No que atinxe á definición da figura de "gran posuidor", o Concello baseouse en datos do Catastro e do Padrón para concluír que, sobre un parque de algo máis de 54.000 "inmobles de uso residencial", un total de 2.267 (arredor do 4%) son de persoas físicas ou xurídicas "que teñen máis de 5 inmobles". E no grupo de propietarios con "ata 5 inmobles", que aglutinan o 31% dos pisos, a media é de "4 inmobles por titular". A estes datos engádese outro: "Hai máis de 100 inmobles de uso residencial que son titularidade exclusiva de persoas que concentran entre 5 e 10 inmobles urbanos de uso residencial".
Datos coma estes levan a poñer o límite de "gran posuidor" en persoas e empresas que teñan "cinco ou máis inmobles". Quedan excluídas as administracións públicas e as súas sociedades.
A declaración da zona tensionada compostelá, a segunda galega tras a da Coruña, chega simultaneamente con outra media ducia de municipios no resto do Estado: barrios de cinco localidades asturianas e o concello vasco de Basauri. Coas sete novas incorporacións, destaca o Ministerio de Vivenda, son xa 317 as localidades con zonas tensionadas ao abeiro da lei estatal, que en casos coma os de Navarra ou Catalunya conta co apoio de cadanseus gobernos, fronte á oposición da Xunta en Galicia.