A Xunta acepta "por fin" a declaración de zona tensionada para Santiago

Edificios de vivendas en Santiago © Xunta

O goberno municipal de Compostela solicitou esta declaración xa o pasado ano. Porén, en agosto a Xunta rexeitou a solicitude. Oito meses despois, finalmente a medida conta co visto bo do goberno galego

Á segunda foi a boa. A Xunta vén de aceptar a declaración de zona de mercado residencial tensionada solicitada polo Concello de Santiago. Agora, unha vez que o Ministerio de Vivenda a aprobe e a resolución sexa publicada no Boletín Oficial do Estado entrará en vigor por un período de tres anos unha regulación que busca limitar o encarecemento do alugueiro de vivenda, convertido nun dos principais problemas para a sociedade.

O goberno municipal de Compostela solicitou esta declaración xa o pasado ano cun informe da UDC que avalaba a proposta. Porén, no mes de agosto -poucos días despois de que entrase en vigor a zona tensionada da Coruña- a Xunta rexeitou a solicitude, requirindo a presentación de nova documentación. Oito meses despois, finalmente a medida conta co visto bo do goberno galego, imprescindible para a súa aprobación polo Ministerio de Vivenda. Na actualidade, máis de 300 concellos de todo o Estado -a maior parte situados en Cataluña, País Vasco e Navarra- contan con esta declaración da que agora gozará Santiago. 

Entre os anos 2019 e 2024 o prezo dos alugueiros en Compostela elevouse un 40%, o dobre que a suba acumulada do IPC en Galicia nese tempo, segundo as cifras oficiais do Observatorio da Vivenda da Xunta. En varios barrios o aumento do prezo fora mesmo superior do 50% entre 2018 e 2023: San Pedro e Leste (59,1%), Vite e Norte (56,8%), Vista Alegre e Noroeste (54,2%) e Fontiñas e Nordeste (53,5%).

Edificios de vivendas en Santiago e ao fondo, á dereita, o complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta CC-BY-SA Xunta

Goretti Sanmartín parabenizouse porque "chegara por fin" unha resolución que permitirá "aplicar medidas de contención de prezos" pero foi tamén crítica coa Xunta, lamentando "que chegue tarde" 

A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, informou da notificación que o Concello recibira da Xunta pouco antes das nove da mañá e parabenizouse porque "chegara por fin" unha resolución que permitirá "aplicar medidas de contención de prezos" e tamén posibilitará que Santiago reciba "axudas máis cuantiosas" a través do Plan Nacional de Vivenda aprobado esta semana. Porén, Sanmartín foi tamén crítica coa Xunta, lamentando "que chegue tarde" e sinalando que "queda claro que Santiago cumpría a primeira vez os requisitos e que tamén os cumpre agora". Agora o Concello de Santiago deberá, no prazo máximo de dous meses, aprobar un plan específico con medidas concretas e elaborar un calendario para a súa aplicación.

A resolución da Xunta informa de que "concorren os requisitos para declarar o concello de Santiago de Compostela como zona de mercado residencial tensionado", atendendo tanto ao aumento dos prezos medios como a que a carga media do alugueiro ou das cotas hipotecarias para unha familia superan o 30% da renda dispoñible. Aínda que dende o Goberno galego segue rexeitándose a aplicación de zonas tensionadas, legalmente non pode opoñerse a elas sempre que cumpran cos requisitos para a súa declaración.

 

Que vai cambiar coa declaración de zona tensionada?

A posta en marcha da zona tensionada vai implicar a aplicación dun amplo conxunto de medidas na cidade de Compostela, que afectan principalmente a arrendadores e inquilinos e que poden supor cambios nos prezos que se cobran polo alugueiro dunha vivenda. As medidas, en todo caso, son diferentes no caso dos grandes propietarios (aquelas persoas ou empresas que en total posúen máis dez inmobles ou máis de cinco nesa zona tensionada) e dos pequenos propietarios, que son a gran maioría en Galicia.

Os pequenos propietarios que xa están a alugar unha ou varias vivendas poderán manter o prezo que xa están a cobrar, e o mesmo sucederá se asinan un novo contrato. Porén, só poderán incrementar o custo en base ao aumento do IPC

Os pequenos propietarios que xa están a alugar unha ou varias vivendas poderán manter o prezo que xa están a cobrar, e o mesmo sucederá se asinan un novo contrato. Porén, só poderán incrementar o custo en base ao aumento do IPC ou seguindo o índice de referencia fixado polo Ministerio de Vivenda, entre o 2% e o 3% cada ano, neste momento.

Estes arrendarores tampouco poderán engadir ao prezo anterior do alugueiro novos gastos (como cobrar un extra polo garaxe ou o trasteiro ou tentar imputar aos inquilinos o pagamento da cota da comunidade ou do IBI). No caso de se realicen obras de eficiencia enerxética ou de melloras na accesibilidade, como por exemplo a intalación dun ascensor, poderán aumentar a renda nun máximo do 10%. Tamén poderán aplicar este incremento máximo do 10% no caso de que decidan asinar un contato de alugueiro de longa duración, por un período de dez anos ou máis.

Cando o arrendador sexa un gran propietario ou cando un pequeno propietario decida poñer no mercado unha vivenda que non estivera alugada nos cinco anos anteriores, os prezos deberán establecerse de acordo ao índice de referencia fixado polo Ministerio de Vivenda

En cambio, cando o arrendador sexa un gran propietario ou cando un pequeno propietario decida poñer no mercado unha vivenda que non estivera alugada nos cinco anos anteriores, os prezos dos contratos de alugueiro deberán establecerse de acordo ao índice de prezos de referencia fixado polo Ministerio de Vivenda

Este índice ofrece un rango de prezos aos que o alugueiro dunha vivenda debe acollerse en base ao barrio no que se sitúe, a superficie do inmoble, o andar que ocupe, a súa antigüidade e estado ou os servizos adicionais cos que conte (ascensor, garaxe, patio, piscina comunitaria...) ou se está amoblado. Os prezos establecidos, como veremos a continuación, son notablemente inferiores aos que neste momento se están a pedir para alugar unha vivenda no centro de Santiago de Compostela.

A medida está a ter efectos na Coruña e noutras localidades?

Nos últimos meses do pasado ano A Coruña converteuse na única urbe galega na que os prezos medios do alugueiro permaneceron estancados e mesmo baixaron un chisco, mentres o resto de cidades mantiñan as súas subas, entre elas Santiago

A zona tensionada leva oito meses en vigor na Coruña, un tempo no que xa se poden comezar a analizar os seus efectos. Nos últimos meses do pasado ano a cidade herculina converteuse na única urbe galega na que os prezos medios do alugueiro permaneceron estancados e mesmo baixaron un chisco, mentres o resto de cidades mantiñan as súas subas, entre elas Santiago. De feito, A Coruña, que ata o verán fora claramente a urbe con prezos máis caros situouse no outono en cifras semellantes ás de Vigo.

O efecto mantense e mesmo acrecéntase nos dous primeiros meses deste ano, nos que o prezo medio do alugueiro na Coruña baixou dos 700 euros (ao redor de 694 euros, 14 euros menos que en xaneiro e febreiro de 2025). En cambio, os prezos en Vigo medraron ata os 706 euros mensuais (669 euros en 2025). Pontevedra (691 euros de media, 634 en 2025) sitúase preto da Coruña. En Compostela, pola súa banda, os prezos medios roldan os 630 euros mensuais, un nivel semellante ao do pasado ano nestas datas.

A declaración de zona tensionada en Catalunya provocou, un ano despois da súa entrada en vigor, a redución dos prezos dos alugueiros nun 4,7% de media, en case un 9% en Barcelona e dun 5% nas áreas especificamente incluídas na medida. Ademais, non se reduciu a oferta e hai maior estabilidade nos contratos.

A Xunta argumenta que a declaración non ten efectos positivos -o que non é certo- e que, en cambio, ten un efecto negativo de redución do parque dispoñible, ao levar a moitos propietarios a optar por non poñer as súas vivendas en alugueiro. É certo que nos últimos meses do pasado ano, o número de contratos asinados na Coruña foi notablemente inferior ao do mesmo período de 2024, un 17% menos. Porén, esta cifra baixou en todas as cidades galegas, especialmente en Pontevedra (-20%) e tamén en Vigo (-11%) e Lugo (-10,3%), que carecen de zonas declaradas tensionadas. O mesmo suceden en xaneiro e febreiro, cun 49% menos de contratos asinados na Coruña fronte a un 44% menos en Santiago e Pontevedra, cifras moi semellantes, e un 36% en Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.