A patronal dos pisos turísticos negou dedicarse á hospedaxe para tentar anular as limitacións en Santiago

Unha rúa do casco histórico de Santiago, onde os pisos turísticos están prohibidos CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A comezos desta semana a Xunta de Goberno do Concello de Santiago tomou coñecemento da sentenza firme coa que o Tribunal Superior de Xustiza ratificou o seu rexeitamento ao recurso co que a patronal dos pisos turísticos, a Asociación de Viviendas Turísticas de Galicia (Aviturga), tentou paralizar a limitación do seu negocio que rexe na capital galega dende hai tres anos. O alto tribunal galego rexeitou todos os motivos esgrimidos por esta organización. Entre eles, que non se dedican á hospedaxe.

A sentenza do litixio no que a 'Asociación de Viviendas Turísticas de Galicia' tentou frear os límites ao seu negocio na capital galega vén de adquirir firmeza tras rexeitar o Tribunal Superior todos os seus argumentos

O que Aviturga tentou tombar nos tribunais é a reforma do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Compostela que, aprobada definitivamente en febreiro de 2023 -nos meses finais do goberno do PSdeG-, restrinxiu en xeral os pisos turísticos a primeiros andares ou a baixos que legalmente poidan ser andares. A modificación, que se uniu á prohibición desta actividade económica no caso histórico (vixente dende 2018), quedou completada en 2024 polo Goberno municipal do BNG e Compostela Aberta sen o indulto aos pisos que xa operaban antes, como reclamaba o sector.

Edificios de vivendas en Santiago, coa sede central da Xunta á dereita da imaxe CC-BY-SA Xunta

Segundo defendeu Aviturga ante o TSXG, entre os motivos que os levaban a soster a irregularidade da prohibición é que trouxo consigo "criterios de regulación arbitrarios" e "non adecuados" ás "finalidades confesadas na tramitación". Entre eles, unha "errónea consideración das vivendas de uso turístico como actividade de hospedaxe", reproduce a sentenza, nun contexto no que, reprochan, estes pisos son cualificados como "actividades de usos terciarios" que "xerarían desprazamento residencial" e alteran "o necesario equilibrio de usos inherentes ao valor da cidade".

Alén de rexeitaren seren encadrados no sector da hospedaxe aludindo á normativa turística galega, os propietarios de pisos turísticos tamén esgrimiron falta de informes e unha lesión nos seus "dereitos e liberdades", que o TSXG tamén desbota

Concretamente, especificaban, cualificar os pisos turísticos como actividade de hospedaxe debía ser cualificado como "contrario a dereito" por contravir o decreto da Xunta que regulou estes negocios en 2017. Nel, o Goberno galego definiu as vivendas de uso turístico como aquelas "cedidas a terceiras persoas, de forma reiterada e a cambio de contraprestación económica, para unha estadía de curta duración", que poden "ser comercializadas" tanto "polas empresas turísticas" como "polos seus propietarios" ou a "persoa física ou xurídico que os represente", caso este último no que quedaban exentas de rexerse pola Lei de Turismo de Galicia.

Pero o Tribunal non concordou. As normas urbanísticas de Santiago, sinala, son "claras" en relación a que "uso de hospedaxe" é aquel que "non se destina a satisfacer as necesidades de vivenda habitual das persoas residentes", senón que "prové necesidades de aloxamento temporal non residencial por turismo de vacacións ou outros motivos laborais". De aí, resalta, "que a correspondencia das vivendas de uso turístico ao uso da actividade de hospedaxe é adecuado e conforme á normativa".

"Vulneración de dereitos e liberdades"

O TSXG rexeitou este motivo de recurso da patronal dos pisos turísticos e tamén os outros dous. O primeiro apuntaba a ausencia de dous informes na reforma: da Dirección Xeral de Aviación Civil e da Delegación do Goberno de España que, a xuízo da Sala, non eran necesarios. O segundo, unha suposta "vulneración de dereitos e liberdades" por unha normativa que, acusaban, "non responde ao interese xeral", senón "a un mero interese político e ao particular de persoas e organizacións.

Fica asentada unha reforma urbanística a cuxo abeiro e o do seu desenvolvemento o número de pisos turísticos freou a súa tendencia á alza en Compostela

Concretamente, Aviturga denunciaba que, ao restrinxir os pisos turísticos, o Concello de Santiago estaba a "lesionar dereitos individuais de quen veñen destinando a súa propiedade" a este negocio dende que a Xunta o regulou especificamente por primeira vez en 2017. Pero o Tribunal retruca que a organización "non concnreta que dereito vulnera a modificación puntual" do PXOM, toda vez que a "referencia ao dereito de propiedade privada" que fan é "simplemente xenérica".

Desta maneira fica asentada unha reforma urbanística a cuxo abeiro e o do seu desenvolvemento, o número de pisos turísticos operando en Santiago freou a súa tendencia á alza. Isto sucedeu aínda que, como denunciou o propio Concello a comezos de 2025, a Xunta continuaba mantendo inscritos no seu rexistro centos destes negocios malia non contaren coa preceptiva licenza municipal. Os límites municipais, combinados coas novas regulamentacións estatais sobre o sector, propiciaron tamén nos últimos meses descensos nas dúas cidades máis poboadas, Vigo e A Coruña.

Campaña de concienciación sobre a necesidade de optar por pisos turísticos legais, na turística praza compostelá de Cervantes (2018) © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.