Sen 'indulto' aos centos de pisos turísticos irregulares en Santiago: "É unha aposta polo interese xeral"

Edificios de vivendas nun barrio compostelán con crecente presión dos pisos turísticos CC-BY-SA Xunta

O Concello de Santiago vén de presentar a ordenanza que completa a nova regulamentación dos pisos turísticos na cidade. Tras a prohibición desta actividade económica no casco histórico (2018) e a súa limitación a través dunha reforma urbanística que os restrinxiu a baixos que legalmente poidan ser vivendas ou primeiros andares (2023), o goberno municipal de BNG e Compostela Aberta disponse a despregar de vez a nova normativa sen procurar un indulto para os pisos turísticos irregulares, como pedía o sector.

Só 24 pisos turísticos que operan en Compostela teñen licenza municipal e cumpren as limitacións urbanísticas vixentes

Non existirá, daquela, unha porta para legalizar os centos de pisos turísticos fóra do estipulado no PXOM que operan na capital galega. Só poderán funcionar como tales a tempo completo os 24 que teñen licenza municipal e "cumpren a normativa urbanística", en verbas do edil de Urbanismo, Iago Lestegás, xunto con outros 34 que "cumprían cando se outorgou" a licenza e "non teñen ilegalidade orixinaria". Tamén poderían facelo outras 170 inscritas no Rexistro de Establecementos Turísticos da Xunta se obtivesen licenza, pero non as restantes inscritas nel, unhas 600.

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; e Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo, presentando en rolda de prensa a ordenanza para os pisos turísticos © Concello de Santiago

Alén dos pisos turísticos a tempo completo que son legais, só é posible o alugueiro turístico un máximo de 60 días por ano se o resto do tempo o uso é de vivenda habitual

O documento que agora pon en marcha o gabinete que encabeza Goretti Sanmartín regula o xeito en que deben comunicarse ao Concello os denominados "usos de hospedaxe asimilados ao de vivenda". É un dos dous supostos á marxe dos pisos turísticos a tempo completo que permite a reforma urbanística aprobada a finais do pasado mandato: alugar para uso turístico unha vivenda por un máximo de 60 días anuais sempre que o piso funcione como vivenda habitual o resto do tempo, isto é, que alí viva cando menos unha persoa durante máis de 183 días nun ano -por exemplo, un piso alugado a estudantes durante o curso-. O outro, alugueiro turístico por cuartos, está prohibido pola normativa turística de ámbito galego.

"É imposíbel", di a alcaldesa sobre a legalización á marxe do PXOM que reclama o sector

A medida, que a alcaldesa encadra nunha "aposta polo interese xeral" e por procurar que "exista máis parque e vivenda digna e adecuada" en Santiago "non entra á posibilidade de regularizar ou legalizar outros usos preexistentes" porque, indica Sanmartín, os "informes xurídicos ao respecto non abren esa posibilidade". "É imposíbel" resume a rexedora, quen explica que non é posible incluír no PXOM "a posteriori usos que a normativa non abeira". E, en todo caso, "estamos dando cumprimento a un programa electoral" en materia de vivenda e cumprimento das normas urbanísticas, detalla.

Máis de 800 pisos anotados na Xunta

O total de 58 pisos turísticos con licenza municipal, dos que só 24 cumpren estritamente coas limitacións do plan urbanístico, contrastan coas máis de 800 inscritas no rexistro da Xunta en Santiago. A 1 de xuño eran xa 819 (tres máis que en maio), que ofrecían 2.267 cuartos e 4.234 prazas de aloxamento turístico na cidade. A principios de ano eran 811 e no inicio do primeiro ano do rexistro galego, o 2018, apenas 246 con 718 prazas.

Nese total inclúense 170 que "cumpren a normativa" por estaren "en baixos ou en primeiros andares en lugares onde así se permite", detalla o concelleiro. Daquela, poderían optar a unha licenza, pero sen ela "hai que actuar", advirte Lestegás, quen resalta que o Concello xa interpuxo "noventa ordes de cese de actividade" contra pisos turísticos sen licenza. A aspiración de parte dos responsables destes negocios era que, cando menos, o Concello abrise a man cos anotados no rexistro galego.

"As vivendas de uso turístico non son a única causa da escaseza de vivendas dispoñibles para uso residencial nin da suba de prezos, pero intensifican o problema"

Sanmartín e Lestegás resaltan que a regulamentación e limitación de pisos turísticos é parte dos plans do goberno de Santiago para "impulsar o parque residencial" na cidade. A "vivenda digna" é "unha prioridade para este goberno" e por iso traballa en "diferentes frontes", dende a creación dunha nova empresa pública de vivenda á "activación do rexistro de soares ou a mobilización de vivenda baleira". Fano nun contexto, agrega, no que en apenas cinco anos o prezo medio dos alugueiros en Compostela "aumentou un 33,1%".

"As vivendas de uso turístico non son a única causa da escaseza de vivendas dispoñibles para uso residencial nin da suba de prezos, pero intensifican o problema", abonda a alcaldesa compostelá. "O mercado turístico contrae o mercado residencial", abonda o concelleiro, quen tamén subliña que cómpre lembrar que xestionar un piso turístico é unha "actividade económica e, polo tanto, como uso terciario está sometido ao réxime de comunicación previa" ao Concello.

Turistas e peregrinos na contorna da Oficina do Peregrino, no casco histórico compostelán CC-BY-SA Praza Pública

Que a súa non é unha actividade económica vén sendo, precisamente, un dos argumentos de representantes do sector dos pisos turísticos en Santiago nos últimos anos. Este mesmo ano tamén aseguraran, a través dunha campaña, que son vítimas dunha "campaña de desprestixio" malia que "o coidado dos nosos apartamentos require moito esforzo" ou que son "pequenos propietarios" que "investiron gran parte do que tiñan e mesmo do que non tiñan en adecentar as súas vivendas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.