A masiva peregrinación xuvenil organizada pola Igrexa hai agora un ano, pero tamén episodios individuais ou puntuais, dende acampadas en plena rúa ata pícnics na praza do Obradoiro. Pasando polas queixas veciñais a causa do ruído ou as advertencias de diferentes entidades da cidade a respecto da degradación de contornas históricas e a dificultade para habitar nelas.
O Concello compostelán lanza a campaña coa que procura que os turistas se comporten de maneira máis "consciente"
O cuestionamento do modelo turístico do Xacobeo e a reclamación de medidas concretas, caso da taxa turística, está na axenda política de Santiago dende hai varios mandatos municipais. Tamén no actual, que a alcaldesa, Goretti Sanmartín principiou advertindo que o seu goberno, do BNG en coalición con Compostela Aberta, tiña entre as súas prioridades abordar a gobernanza turística e procurar un turismo máis "consciente".
Esta é a liña que inspira o Código de Boas Prácticas que vén de presentar o Concello compostelán co apoio explícito do Goberno de España. "O obxectivo básico -explica Miriam Louzao, edil de Turismo- é concienciar sobre o carácter patrimonial da nosa cidade e sobre a importancia de coidala" como unha "alfaia delicada". E iso, resalta, implica tanto "respectar os espazos e edificios públicos" como "a propia vida cotiá e o descanso da veciñanza".
O código, composto por unha ducia de "principios básicos", é presentado polo Concello compostelán apoiándose "nun concepto universal: o do símbolo que identifica o material delicado que debe tratarse co máximo coidado". Baixo o lema Fráxil. Santiago de Compostela. Patrimonio da Humanidade en galego, castelán e inglés, a campaña preséntase con elementos como unha gran caixa e mais con paneis informativos na rúa, así como "elementos específicos" para locais hostaleiros ou comercios como manteis ou bolsas que serán distribuídos "masivamente" en vindeiras semanas.
Estes soportes e conceptos pretenden transmitir ideas como que "a paisaxe urbana" de Santiago "ten un valor excepcional" e "non é unha área de pícnic nin unha zona de acampada" ou que a contorna histórica é peonil, o cal tamén deben ter en conta os peregrinos que chegan en bicicleta. Diversión nocturna "respectando quen descansa", respecto ás normas de circulación por parte de grupos numerosos ou pregar que as chegadas dos peregrinos se celebren "sen exceso de ruído" son outras das recomendacións.
Non acampar na rúa, "respectar o descanso" da veciñanza ou preservar os edificios históricos, entre as peticións dun código que, di o goberno local, pretende "concienciar as persoas que nos visitan para minimizar as accións que afectan negativamente ao patrimonio ou ao día a día da veciñanza"
O código dirixido ao turismo pon tamén o foco en cuestións máis xerais, coma o uso das papeleiras e contedores de lixo, a promoción do comercio local ou o rexeitamento das "pseudo-tradicións e prácticas inapropiadas". "O obxectivo é que Compostela poida manter e incluso aumentar o número de turistas que recibe cada ano, pero concienciando ás persoas que visitan a cidade e aos seus arredores para minimizar as accións que afectan negativamente ao patrimonio ou ao día a día da veciñanza", afirman dende o Concello.
Pola banda do Goberno de España, a súa subdelegada na Coruña sinala que a campaña "encaixa nas coordenadas e no compromiso" do actual Executivo en funcións para "avanzar cara a un turismo responsable",di María Rivas. Neste sentido, e no marco dos Plans de Turismo Sostible que o Estado contribúe a financiar, advirte de que "a folla de ruta está clara: hai ideas" e "hai investimentos", polo que tamén "ten que haber colaboración entre as administración para levala a cabo".