O número de peregrinos e peregrinas chegadas a Compostela bateu o pasado ano o seu récord histórico. Fíxoo de forma clara, cun total de 438.589 persoas que completaron na Oficina do Peregrino a súa acreditación como tales (debe percorrerse un mínimo de 100 quilómetros a pé ou 200 en bicicleta), moi por riba do anterior máximo, correspondente ao ano 2019 (347.559) e, por suposto, multiplicando os datos do ano 2021, aínda marcado pola pandemia de COVID (178.914).
O número de peregrinos e peregrinas chegadas a Compostela bateu o pasado ano o seu récord histórico
2022 foi o segundo ano do bienio Xacobeo 2021-22, decidido para contrarrestar os efectos negativos da pandemia para a chegada de peregrinos e turistas. En relación ao anterior Ano Santo (2010), o número de peregrinos e peregrinas chegadas a Compostela aumentou un 62%, nunha tendencia de ascenso que de momento non frea o seu ritmo.
Dende o ano 1993, o Xacobeo é unha historia de éxito evidente a nivel turístico e económico, xerando ingresos importantes en todas as localidades polas que pasa. Porén, nos últimos tempos agromaron tamén críticas pola saturación de visitantes que se produce, especialmente en Compostela
Dende o ano 1993, o Xacobeo é unha historia de éxito evidente a nivel turístico e económico, xerando ingresos importantes en todas as localidades polas que pasa. Porén, nos últimos tempos agromaron tamén críticas pola saturación de visitantes que se produce, especialmente en Compostela, e nomeadamente nos meses do verán e polos efectos negativos que sobre a poboación local ten esta alta densidade de turistas concentrados no casco histórico e barrios próximos. O pasado mes de agosto a masiva peregrinación xuvenil a Santiago axitou os receos sobre o modelo turístico do Xacobeo. En resposta, a asociación veciñal A Xuntanza do barrio de San Pedro editou un "decálogo de boas prácticas" dirixido aos peregrinos. A réplica do Goberno galego, en cambio, foi cualificar de "ideolóxicas" as críticas pola masificación.
O pasado 31 de decembro finalizou o bienio Xacobeo e haberá que agardar ata o vindeiro 2027 para chegar a un novo Ano Santo. O Goberno galego, que destaca que o Camiño de Santiago “fai máis grande a Galicia” desde o punto de vista “económico, cultural e de identidade”, fala xa de "década xacobea", preparando a celebración de Xacobeos dos anos 2027 e 2032.
O pasado ano as peregrinas representaron o 53% do total e por terceira vez na historia superaron o número de peregrinos varóns
Afondando nos datos ofrecidos pola Oficina do Peregrino, observamos que no ano 2022 se mantivo a tendencia, iniciada hai xa uns anos, de que cada vez son máis mulleres que homes quen chega a Santiago polos distintos camiños. O pasado ano as peregrinas representaron o 53% do total e por terceira vez na historia (a primeira fora en 2018) superaron o número de peregrinos varóns. A pandemia deu temporalmente a volta aos datos, pero o primeiro ano de normalidade devolveu os indicadores á súa distribución anterior.
Un 41% dos peregrinos e peregrinas chegadas a Compostela tiñan entre 18 e 45 anos
Un 41% dos peregrinos e peregrinas chegadas a Compostela tiñan entre 18 e 45 anos e unha porcentaxe semellante (39,6%) entre 46 e 65, superando o 10% os 65 anos.
A maior parte (máis do 30%) iniciou o Camiño en Sarria, o gran punto de partida a Compostela, sendo Tui, Porto, Saint Jean de Pied de Port e Ferrol os catro seguintes lugares principais de comezo da peregrinación.
Máis da metade dos peregrinos e peregrinas chegadas a Compostela procedían do Estado español (o 55%), fronte ao 45% con orixe no estranxeiro
No ano 2022 máis da metade dos peregrinos e peregrinas chegadas a Compostela procedían do Estado español (o 55%), fronte ao 45% con orixe no estranxeiro. Entre o 2012 e 2019 o número de peregrinos estranxeiros superara sempre o 50% e, de feito, a súa proporción fora sempre medrando. A pandemia mudou esta distribución e limitou máis a chegada de visitantes de fóra do Estado. A vista dos datos do anterior ano Xacobeo, en 2010, dá a impresión de que a proporción de peregrinos españois tende a ser superior nos anos santos.
Italia, Estados Unidos, Alemaña e Portugal foron os países cunha maior cantidade de acreditacións
Andalucía, Madrid, Comunidade Valenciana e Catalunya son os catro territorios do Estado que sumaron en 2022 un maior número de peregrinos e peregrinas, por riba da propia Galicia. En canto aos chegados e chegadas de fóra de España, foron Italia, Estados Unidos, Alemaña e Portugal os países cunha maior cantidade de acreditacións.
O Camiño Francés segue a ser, con moita diferenza, o máis transitado, con máis da metade dos peregrinos e peregrinas chegadas a Compostela. Porén, nos últimos anos as outras vías en dirección a Santiago van facéndose cada vez máis populares, especialmente o Camiño Portugués
O Camiño Francés segue a ser, con moita diferenza, o máis transitado, con máis da metade dos peregrinos e peregrinas chegadas a Compostela, algo máis de 227 mil. Porén, nos últimos anos as outras vías en dirección a Santiago van facéndose cada vez máis populares, especialmente o Camiño Portugués, que se achegou aos cen mil peregrinos o pasado ano (unha cantidade que supera se lle sumamos os datos do Camiño Portugués da Costa). O Camiño Inglés, con máis de 24 mil peregrinos é a seguinte vía máis popular, seguida do Camiño Primitivo e o Camiño do Norte.
Dende o 2007 o Camiño Francés, sen deixar de gañar usuarios e usuarias, pasou de representar o 80% das acreditacións a tan só o 51,8% o pasado ano. De continuar esta tendencia, por primeira vez en 2023 os restantes camiños a Compostela poderían sumar máis acreditacións que a vía principal.