A Xunta planifica as próximas campañas publicitarias co foco na natureza, a cultura, a gastronomía e a concienciación “para ofrecer un bo trato aos turistas”, pero ten xa a vista posta na “década xacobea, coa celebración de dous en 2027 e 2032”
Este 31 de decembro pecha tras dous anos aberta a porta santa da Catedral de Santiago poñendo así fin a un extraordinario dobre ano santo 2021-22 decidido polo papa Francisco polas restricións que a pandemia da COVID supuxo para as peregrinacións. Co ano santo da igrexa remata tamén o Xacobeo da Xunta, pero incluso sen xacobeo, o xacobeo segue a ser o principal obxectivo turístico do Goberno galego, que con Alfonso Rueda asumindo directamente as competencias en materia de turismo xa fala oficialmente de “década xacobea”, tras anunciar o ex-presidente Feijóo hai tres anos que aspiraba a unha “era xacobea” de “5.000 días”.
A Xunta xa esta a planificar as súas próximas campañas publicitarias, das que di que tras a prioridade xacobea dos últimos anos deberán centrarse desta volta na natureza, a cultura, a gastronomía e a concienciación interna “para ofrecer un bo trato aos turistas”. Pero xa avanza que malia esa recuperación do “destino Galicia de xeito global”, non esquece que “unha vez rematado o bienio Xacobeo entrarase na década xacobea, coa celebración de dous Xacobeos nos anos 2027 e 2032”, cando o 25 de xullo volverá coincidir en domingo.
E tras as queixas por masificación turística que xa comezan a producirse nalgúns lugares, o Goberno galego tamén di traballar en “programas de sustentabilidade que acheguen novas estruturas máis ancoradas no respecto polo ambiente e a contorna” e que permitan “un crecemento racional ao longo do tempo”.
O Goberno galego di traballar en “programas de sustentabilidade que acheguen novas estruturas máis ancoradas no respecto polo ambiente e a contorna” e que permitan “un crecemento racional ao longo do tempo”
O Goberno galego vén de sacar a concurso o contrato marco para as súas principais campañas publicitarias de promoción turística de Galicia durante o próximo ano por un importe estimado de preto de sete millóns de euros. E na memoria xustificativa desa licitación di que “se ben ao longo dos dous últimos anos e medio a meirande parte do esforzo da Administración Autonómica estivo centrado na promoción do Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021-2022 cómpre agora recuperar a presenza do destino Galicia de xeito global, sen esquecer que unha vez rematado o bienio Xacobeo entrarase na década xacobea, coa celebración de dous Xacobeos nos anos 2027 e 2032”.
Esa promoción global de Galicia centrarase nos catro elementos que segundo a Xunta máis valoran os turistas: os recursos naturais, a cultura, a gastronomía e o bo trato e acollida que receben, por esa orde. Arredor deses elementos haberá en principio catro campañas concretas: unha orientada ao verán de 2023, outra de “concienciación e acollida de visitantes” que se describe como “campaña interna de concienciación para ofrecer un bo trato aos turistas que visitan a nosa comunidade”, outra no outono de 2023 potenciando o interese gastronómico, e unha última co mesmo foco na primavera 2024. A idea é destinar uns 6 millóns de euros ás campañas de 2023 e un millón á do comezo de 2024.
Neses mesmos pregos de condicións nos que a Xunta di que este próximo ano tentará divulgar o destino Galicia dun xeito global sen esquecer a “década xacobea” tamén se sinala que o Goberno galego traballa en “programas de sustentabilidade que acheguen novas estruturas máis ancoradas no respecto polo ambiente e a contorna” e que permitan “un crecemento racional ao longo do tempo”. Unha apelación á sostibilidade turística que se produce ao tempo que a Xunta admite que carece de datos ao respecto malia publicitala así.
Para tentar saber máis sobre esa sostibilidade do turismo en Galicia o Goberno galego anunciou o pasado xuño un contrato específico de consultoría. Porén, na plataforma de contratación da Xunta o proceso non avanzou da fase de presentación de ofertas e nin o Goberno galego a través do seu servizo de comunicación nin o departamento de contratación de Turismo de Galicia dan resposta ás preguntas ao respecto que lle formulou este diario.
Un novo récord de peregrinos
Á espera dos datos oficiais de decembro, entre xaneiro e novembro rexistráronse 430.000 peregrinos, novo récord en liña co ascenso constante dos últimos anos
Á espera do que faga a Xunta na “década xacobea” que di haber por diante, e tras as restricións pola COVID que aínda había en 2021, o 2022 xa é un novo ano de récords na chegada de peregrinos a Santiago. Sen ter aínda os datos oficiais do mes de decembro, entre xaneiro e novembro foron máis de 430.000 as persoas que recibiron unha Compostela, case cen mil máis que o último ano antes da pandemia e 150.000 máis que no Xacobeo de 2010. A cifra deste último ano, como se pode comprobar no gráfico que acompaña esta información, sitúase na liña do ascenso constante dos últimos anos, con picos significativos nos anos santos.