É un lugar común a afirmación de que os orzamentos de cada ano son a mellor mostra das prioridades políticas de cada goberno, tanto polas partidas que absorben maior cantidade absoluta de fondos (sen excepción, sempre son a sanidade e a educación, por esta orde) como -se cadra, sobre todo- polas que gañan e perden recursos dun ano para outro. Neste 2022 unha das partidas que destacou polo seu incremento en Galicia foi a dedicada ao turismo, cun 10% máis que se traduce en 115 millóns de euros para o segundo ano do inédito Xacobeo duplo nun contexto no que o presidente Rueda sitúa o sector como "puntal do despegue" de Galicia.
Parte do incremento do orzamento da área de turismo do Goberno galego -que tras a dimisión de Feijóo volve depender directamente da Presidencia da Xunta- ten a súa orixe no "plan de choque" para compensar os efectos da COVID na hostalería. Pero tamén se explica polos fondos para a promoción do Xacobeo mediante a Axencia Turismo de Galicia, que os canaliza en boa medida mediante contratos de patrocinio de múltiples eventos, especialmente concertos e festivais de música. Dende o inicio do Xacobeo 21-22 e ata este 8 de setembro, estes patrocinios suman cando menos 21 millóns de euros.
Esta é a cantidade resultante de agregar todos os contratos de patrocinio publicitario tramitados por Turismo de Galicia e xa incorporados á Plataforma de Contratación do Goberno galego dende o comezo de 2021 e mais algúns asinados con anterioridade, pero con referencia explícita ao Xacobeo 2021. Isto non implica necesariamente que sexan todos os que o departamento que dirixe Nava Castro ten en marcha, xa que algúns son publicados con maior demora ou xusto antes da celebración do evento patrocinado.
O do concerto de Muse convértese, con 2,48 millóns, no patrocinio máis cuantioso no que vai de Xacobeo mediante un contrato que incluíu 475 "convites sen custo" para a Xunta
Esta inmediatez na publicación é a que se produciu, por exemplo, co concerto da banda británica Muse celebrado este 8 de setembro no estadio vigués de Balaídos. Segundo a plataforma oficial de contratos da Xunta, o patrocinio público deste evento ascende a 2,48 millóns de euros e foi difundido como pendente de adxudicar ás 19:16 do serán do pasado día 6.
Ás 17:27 do día 7 pasou a estar adxudicado á promotora do evento, Zircozine S.L., mediante un procedemento negociado sen publicidade por exclusividade -procedemento previsto para os contratos nos que unha única empresa pode ofrecer o servizo- cuxo expediente foi iniciado o pasado día 1 de setembro. O concerto, non obstante, levaba meses sendo anunciado por parte da Xunta no medio dunha forte pugna política co Concello vigués -propietario do estadio- e presentado pola delegada do Goberno galego na cidade xunto á empresa promotora o pasado 27 de xullo.
Atendendo ao expediente, eses 2,5 millóns de euros para financiar o concerto inclúen diversas "accións promocionais específicas", como publicidade en diversos medios dixitais, valos publicitarios na Coruña, Vigo e Santiago, publicidade en autobuses urbanos, presenza en canles de venda de entradas, insercións publicitarias en redes sociais ou promoción no sitio web do grupo, entre outras. Tamén a colocación da marca do Xacobeo no propio concerto, a celebración dunha rolda de prensa previa e a edición dun resumo en vídeo, así como a entrega á Xunta de 475 "convites sen custo" para o evento.
Preguntado ao respecto tras a reunión semanal do Consello do Goberno galego, o presidente da Xunta sinalaba este xoves que "descoñece as cifras concretas" do custo deste evento, se ben se amosaba "seguro" de que "vai diminuír" pola venda de entradas adicionais nos días previos ao concerto. "Agardemos á cifra definitiva para saber canto custa", agregou Alfonso Rueda, se ben a adxudicación é definitiva. O xefe do Executivo amosouse convencido, en todo caso, de que a cantidade é "perfectamente explicable". Ademais da achega pública, este evento -coma outros semellantes- teñen outros ingresos vía entradas e adoitan contar tamén con patrocinios privados.
Tras o recital da banda británica en Vigo, tamén contan con patrocinios do Xacobeo superiores ao medio millón O Son do Camiño, o ciclo de 'Concertos imperdibles', o OUR Xacobeo Fest ou o Festival Latitudes
O concerto de Muse en Vigo pasa, deste xeito, a ser o evento cun patrocinio económico máis avultado por parte da Xunta no que vai de Xacobeo 21-22. Sempre segundo os datos oficiais da plataforma de contratación, o segundo patrocinio máis cuantioso dos asinados é ata agora o do ciclo Concertos Imperdibles (1,53 millóns), promovido pola empresa Esmerarte. A continuación sitúase o patrocinio por algo máis de 907.000 euros ao festival OUR Xacobeo Fest, que se celebra en Ourense este 17 de setembro e está organizado por Godlab Música y Marketing.
Cando menos outros catro eventos superan o medio millón de euros de patrocinio do Xacobeo. En 847.000 sitúase a achega para o Festival Internacional de Música Alternativa Latitudes, celebrado en Vigo o pasado agosto e que ten como promotoras ás empresas Old Navy Port e mais a Esmerarte. Por tras está o contrato para patrocinar o concerto ofrecido pola banda Placebo o pasado agosto en Ourense e mais o espectáculo Inventio, un evento de circo, ilusionismo e maxia nas sete cidades, ambos promovidos por Thinking Up Events.
Un importe semellante (600.000) foi o adxudicado ao patrocinio de O Son do Camiño Perseidas, o ciclo de concertos que substituíu en 2021 ao festival do mesmo nome por mor das restricións da pandemia. O festival co seu formato habitual tivo que ser cancelado pola COVID en 2020, cando tiña adxudicado un patrocinio de 2,5 millóns de euros, e celebrouse finalmente neste 2022. Tamén superou o medio millón o patrocinio do concerto de Imagine Dragons, o pasado xullo en Santiago (590.000 euros).
Ata o momento, os patrocinios do Xacobeo con menor contía do son o da rapa das bestas de Sabucedo e o concerto de Rufus Wainwright
Estes son os montantes máis relevantes dunha listaxe de patrocinios que, ata este 8 de setembro de 2022, inclúe practicamente un cento de actividades. Na banda contraria, a dos contratos de patrocinio de menor contía, están os importes destinados á rapa das bestas de Sabucedo (21.780 euros), ao concerto de Rufus Wainwrigth o pasado xullo en Vigo (26.620) ou unha achega de 30.000 euros ao Hóckey Club Liceo da Coruña.
A devandita listaxe de patrocinios e a súa suma duns 21 millóns de euros é necesariamente provisional, xa que aínda faltan por ser publicadas oficialmente as achegas a algunhas actividades xa confirmadas. Tamén resta saber cal será a política da Xunta ao respecto nos vindeiros anos, xa que o Goberno galego dixo concibir as súas accións na materia como unha "década xacobea" que enlaza a dupla celebración do 2021-22 cos Xacobeos de 2027 e 2032, polo que cabería a posibilidade de que algúns destes patrocinios continúen no tempo, aínda que con menor intensidade.