Galicia superou en xullo o seu máximo histórico de turistas neste mes e apunta a un ano de récord

Praia de Silgar, en Sanxenxo CC-BY-SA Lmbuga

Nunca na historia Galicia recibira tantos turistas nun mes de xullo. Foron 615.150

Nunca na historia Galicia recibira tantos turistas nun mes de xullo. Foron 615.150, segundo os datos publicados este mércores polo INE, unha cifra que sitúa por riba dos anteriores máximos, de 2016 e 2017. O dato será probablemente superado en agosto, tradicionalmente o mes de máis chegada de viaxeiros e viaxeiras. Xa o pasado ano agosto se converteu no segundo mes de máis visitantes, só por detrás dos números de 2017, e mesmo a Costa da Morte e a Mariña Lucense bateron os seus récords históricos.

O 2022 encamíñase a un récord histórico de visitantes, fixado nos 4,5 millóns de 2017. Entre xaneiro e xullo Galicia recibiu xa 2,4 millóns, por riba das cifras daquel ano

Semella, ademais, que o dato global do ano 2022 se encamiña tamén a un récord histórico de visitantes, fixado nos preto de 4,5 millóns de 2017. Entre xaneiro e xullo Galicia recibiu xa 2,4 millóns de turistas, un dato lixeiramente superior ao daquel ano. En calquera caso, as cifras superan o escenario anterior á pandemia, despois dun 2020 de indicadores máis cativos e dun 2021 de recuperación, especialmente na segunda metade do ano.

O seguinte gráfico permite constatar a evolución seguida nos últimos anos polo turismo chegado a Galicia, con cifras moi reducidas no primeiro ano da pandemia e unha recuperación no 2021 a partir do mes de xullo, un segundo semestre que practicamente igualou os números dos anos 2018 e 2019. Neste 2021 dende o mes de abril a estatística de viaxeiros e viaxeiras vén superando as cifras anteriores á pandemia, especialmente no pasado mes de xullo, cun 20% máis de turistas que nos anos 2018, 2019 e 2021.

En xullo o número de turistas chegados do estranxeiro (150 mil) máis que duplica os datos do pasado ano (61 mil)

A recuperación do turismo procedente do resto do Estado xa se producira o pasado ano 2021, pois tanto nos meses de xullo como de agosto se superaron os récords históricos de chegadas procedentes doutras comunidades autónomas. En cambio, os e as visitantes de fóra de España foron moito menos numerosas que antes da pandemia.

En cambio, neste mes de xullo o número de turistas chegados do estranxeiro (150 mil) máis que duplica os datos do pasado ano (61 mil), ao tempo que o turismo español aumenta de forma máis contida (465 mil fronte a 437 mil).

Por áreas turísticas, tanto as Rias Baixas coma a Mariña lucense coma a Costa da Morte superaron neste mes de xullo os seus máximos históricos de visitantes. As Rías Altas foron as únicas que ficaron por debaixo do seu récord neste mes.

Chama a atención o máximo acadado pola cidade de Compostela, que nunca na historia recibira tantos turistas nun mes de xullo

En canto aos puntos turísticos sinalados polo INE, chama a atención o máximo acadado pola cidade de Compostela, que nunca na historia recibira tantos turistas nun mes de xullo, superando amplamente os anteriores récords, fixados nos anos 2015, 2016 e 2017. O incremento débese principalmente á multiplicación do turismo procedente do estranxeiro, que case triplica os datos de 2021.

Con todo, non só Santiago supera a súa marca histórica neste mes de xullo, senón que tamén o fan Sanxenxo ou Ribadeo, por exemplo. E o resto de destinos tamén se sitúa moi preto das súas cifras máis elevadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.