Dous departamentos do Goberno galego alertan de posibles impactos sobre o patrimonio e espazos naturais nas súas alegacións a un programa de investimento de fondos europeos
Documentos oficiais da Xunta seguen poñendo en cuestión o discurso público dos máximos dirixentes do Goberno galego a respecto do risco de impactos negativos do turismo en Galicia. Se Alfonso Rueda, como antes Alberto Núñez Feijóo, vén apostando pola chegada de máis turistas a Galicia asegurando que non hai “ningún risco” de masificación e publicitando a “sostibilidade” do sector, hai tres semanas a Axencia Turismo de Galicia encargaba un estudo sobre esa cuestión admitindo que ignora cal é realmente a situación e sinalando a ameaza de “morrer de éxito”.
Agora o que se coñece, a través do Boletín Oficial del Estado (BOE), é que dous departamentos da Xunta, responsables da protección de espazos naturais e do patrimonio cultural, alegaron a un programa de investimento de fondos europeos en parte destinados a fomentar o turismo en zonas non urbanas advertindo dos posibles efectos negativos. En particular, o Goberno galego advertiu ao español que “os proxectos en materia de turismo poden causar efectos acumulados relevantes en espazos sensibles” e reclamoulle “priorizar o mantemento e conservación dos bens [patrimoniais] por riba da súa rehabilitación para uso turístico”.
As alegacións agora coñecidas da Xunta ao Goberno de España emitíronse no marco do denominado Programa de Cooperación Territorial Europea España-Portugal 2021-2027. O documento, impulsado polos dous estados, planifica os grandes obxectivos aos que deben ir destinados fondos europeos de cooperación transfronteiriza para rexións limítrofes de España e Portugal, entre elas a “área de cooperación” Galicia-Norte de Portugal.
A Subdirección Xeral de Espazos Naturais da Xunta advirte de que “os proxectos en materia de turismo poden causar efectos acumulados relevantes en espazos sensibles" e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sinala "a necesidade de priorizar o mantemento e conservación dos bens por riba da súa rehabilitación para uso turístico”
O programa marca nove grandes obxectivos específicos aos que destinar os fondos, entre os que sitúa a dixitalización, a mellora da competitividade empresarial, o fomento de enerxías renovables e a eficiencia enerxética, potenciar infraestruturas verdes ou “nas zonas non urbanas, o fomento dun desenvolvemento local social, económico e medioambiental integrado e inclusivo, a cultura e o patrimonio natural, o turismo sostible e a seguridade”. A este último obxectivo o plan destina uns 25 dos máis de 300 millóns de euros previstos en todo o documento.
Con independencia dos permisos que deban obter as actuacións concretas que finalmente se financien con eses fondos ao longo dos próximos anos, o plan como tal foi sometido a avaliación ambiental e recolléronse observacións de distintas administracións afectadas. E agora, ao establecer o Ministerio para a Transición Ecolóxica os indicadores que haberá que ter en conta para facer o seguimento dos posibles impactos do plan, fai tamén públicas as principais alegacións recibidas e tidas en conta para deseñar ese seguimento ambiental.
Entre elas, no BOE sinálase que “a Subdirección Xeral de Espazos Naturais da Xunta de Galicia considera compatible o Programa coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, pero require ter en conta na súa posterior aplicación os efectos das actuacións financiadas”. E engade que ese departamento da Consellería de Medio Ambiente tamén considera que “os proxectos en materia de turismo poden causar efectos acumulados relevantes en espazos sensibles”.
Pola súa banda, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tamén puxo de manifesto “a necesidade de previr impactos das actividades de fomento do turismo sobre o patrimonio cultural”, sinalando “a necesidade de priorizar o mantemento e conservación dos bens por riba da súa rehabilitación para uso turístico”. Similar advertencia sobre os posibles efectos das actuacións de fomento do turismo sobre os bens do patrimonio cultural formulou a Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura.
O documento agora feito público tamén sinala outras advertencias doutras administracións sobre os posibles efectos que actuacións en materia de enerxías renovables que tamén prevé o programa europeo poden ter sobre valores ambientais ou patrimoniais.
As alegacións formuladas pola Xunta ao programa de investimentos de fondos europeos para a cooperación transfronteiriza coñécense despois de que a Axencia Turismo de Galicia convocase recentemente un concurso público para supervisar a sostibilidade do sector. “Non podemos actuar sobre o que non vemos”, dicía o Goberno galego, xustificando o contrato co argumento de que é “urxente” e “extremadamente necesario” vixiar a sostibilidade turística ante a ameaza de “morrer de éxito”.
Rueda vén salientando a “magnífica situación” de Galicia ante o turismo ao tempo que o departamento competente encarga un estudo “urxente” pola ameaza de “morrer de éxito”
Estas advertencias oficiais de diversos departamentos da Xunta, que se suman ás alertas de masificación que se veñen producindo en diversos lugares de Galicia, contrastan con declaracións públicas dos máximos dirixentes do Goberno galego e as súas campañas publicitarias. Preguntado hai tres semanas Alfonso Rueda polos riscos que sinala Turismo de Galicia, a súa resposta foi negar a maior e asegurar que “non hai a día de hoxe ningún risco de turismofobia ou masificación” en Galicia, ligando el mesmo o problema dos impactos do turismo co do rexeitamento por parte da cidadanía residente nos lugares que se visitan, polo que non se lle preguntara.