De 200.000 a 500.000 peregrinos ata outubro nunha década

Alfonso Rueda e o arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, recibindo o peregrino número 500.000 do ano o 20 de outubro de 2025 CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

En outubro de 2013 a Xunta celebrou a chegada do peregrino 200.000 daquel ano. Esta semana o Goberno recibiu ao número 500.000 no que vai de 2025

O 13 de outubro de 2013 a Xunta celebrou o acto simbólico de recibir o peregrino número 200.000. Por primeira vez dende que había rexistros comparables, máis de duascentas mil persoas chegaban peregrinando a Santiago no mesmo ano.

Este 20 de outubro de 2025 o presidente da Xunta acudiu á Oficina do Peregrino para saudar a Jairo e Nicolás, pai e fillo chegados de Colombia e entregarlles a acreditación simbólica de que a súa chegada camiñando a Compostela supuxo cruzar o limiar dos 500.000 peregrinos do ano. Polo camiño, apenas unha década de indicadores disparados mesmo malia ao freo conxuntural da pandemia da COVID.

Peregrinos no Camiño de Santiago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

Nos anos seguintes a aquel fito de 2013 o peregrino ou peregrina número 200.000 non fixo máis que adiantarse. En 2014 chegou o 24 de setembro, en 2015 o día 8 do mesmo mes. Nos catro anos seguintes esa chegada xa se produciu en agosto e, de feito, en 2019 o Goberno galego xa celebrou o 1 de outubro a chegada xa non do peregrino 200.000, senón do número 300.000.

Tras o freo da COVID chegou o Xacobeo duplicado e as cifras de camiñantes disparáronse de vez

As restricións da COVID-19 levaron os rexistros do Camiño de Santiago a mínimos en 2020 (apenas 54.000 camiñantes rexistrados) e tamén en 2021, Ano Santo que o Vaticano accedeu a estender 365 días máis por mor da pandemia. A decisión eclesiástica permitiu ao Goberno galego duplicar tamén o Xacobeo e o 28 de agosto de 2022 volveu celebrar o peregrino 300.000 do ano.

Aquel 2022 rematou como o primeiro documentado con máis de 400.000 peregrinos e deu por pechado o impacto da COVID no Camiño. Foran, concretamente, 438.307 que aumentaron en 2023, con 446.035. Seguiron á alza en 2024, cando a Oficina do Peregrino apenas lle faltaron 800 persoas para chegar a documentar o cruzamento do limiar do medio millón.

Ese medio millón xa chegou cando faltan máis de dous meses para finalizar 2025 e a Xunta celébrao como "consolidación" do "gran motor turístico, cultural e espiritual", en verbas de Rueda. Se ben o presidente mantén que "o importante non é o número, senón a calidade de cada peregrinación", o xefe do Executivo fai fincapé na cifra para, por exemplo, aplaudir que cheguen "cada vez máis peregrinos" fóra do verán.

O entusiasmo gobernamental pola cantidade de peregrinos contrasta con receos na Igrexa e en colectivos de protección do Camiño por unha masificación que mesmo reflectiu o Plan Estratéxico do anterior Xacobeo

O entusiasmo gobernamental pola cantidade de peregrinos contrasta con certos receos no seo da Igrexa católica pola conversión da peregrinación a Santiago nun fenómeno de masas. Así, por exemplo, o arcebispo de Santiago insistía o pasado 2024 en "non perder de vista o sentido auténtico, orixinal" da peregrinación e reclamaba "manter as esencias" da ruta xacobea.

Francisco Prieto recollía desta maneira as palabras pronunciadas pouco antes polo papa Francisco. Nunha recepción a peregrinos xacobeos en Roma, o pontífice falecido menos de medio ano despois preguntárase se "as persoas que fan o Camiño de Santiago, fan unha verdadeira peregrinación" ou xa é "outra cousa".

Ringleira de camiñantes ante a Oficina do Peregrino durante o Xacobeo 21-22 CC-BY-NC-SA Praza Pública

A inquietude pola masificación e a turistificación masiva das rutas a Compostela vén sendo manifestada tamén por diversas entidades e asociacións ligadas á peregrinación e á protección do Camiño. Tamén polo Concello de Santiago como meta da peregrinación e polo Goberno de España. E mesmo quedou reflectida no Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 da propia Xunta.

Máis fondos da Xunta para turismo en 2026, pero menos no total

O Goberno galego achega á súa Axencia de Turismo un 8% máis de fondos propios, pero o seu orzamento total diminúe un 14%, ata os 122 millóns, pola redución de fondos europeos de recuperación

Sexa como for, o certo é que o Camiño de Santiago en xeral e, máis concretamente, os eventos vencellados á promoción do vindeiro Xacobeo, o do ano 2027, seguen sendo centrais na política turística da Xunta. Esta é unha área gobernamental con dependencia orgánica directa do presidente que en 2026 contará cun 8% máis de fondos propios do Goberno galego, aínda que en total verá contraído o seu peso orzamentario un 14%, ata os 122,75 millóns de euros, pola redución dos fondos europeos de recuperación.

Segundo as contas da Axencia Turismo de Galicia para o ano vindeiro, presentadas esta semana ao Parlamento dentro do proxecto de Orzamentos Xerais 2026, a entidade manexará 125,92 millóns de euros. O groso deste montante procede de transferencias da Xunta que se complementan con outros 3 millóns de vías coma o cobro de taxas e servizos. A parte fundamental son fondos propios do Goberno galego, 101,38 millóns (un 8% máis) que se unen a 14 millóns de fondos europeos de recuperación, un 68% menos que en 2025.

O resultado desta mingua de fondos europeos de recuperación -parcialmente compensada, non obstante, por un incremento dos fondos FEDER de 3,5 a 7 millóns- é, sobre todo, que Turismo de Galicia vai destinar substancialmente menos ao seu "plan de desenvolvemento dun turismo sostible no ámbito local". Trátase dun proxecto que en 2025 implicou orzamentar 12,8 millóns para transferir aos concellos e que en 2026 fica en apenas 2 millóns.

Os principais damnificados pola redución do orzamento turístico da Xunta serán os concellos -de 12 a 2 millóns- mentres os fondos para empresa privadas pasan de 31,5 a 30,8 e a Sociedade do Xacobeo, de 5,3 a 6,5

Mentres, as achegas a empresas privadas do sector turístico apenas se resenten. Se en 2025 recibían 31,5 millóns por dúas vías, un "plan de choque para o reforzo do sector turístico" (28,3 millóns) e outro de "eficiencia enerxética das infraestruturas turísticas" (3,2 millóns), en 2026 contarán con 30,8 millóns para "medidas de sostibilidade e dinamización do sector turístico". 

E, lonxe de diminuír, mesmo aumenta a achega anual da Axencia de Turismo á Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, a empresa pública que xestiona os albergues da Xunta, modelo cuxa sostibilidade económica vén de ser abertamente cuestionada polo Consello de Contas. En 2025 recibiu 5,3 millóns por esta vía e en 2026 serán 6,5 millóns de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.