O Consello de Contas revela que o albergue público de Sandiás supón 942 euros por estancia e recomenda ao Goberno galego "reducir o custo de prestación do servizo" nunha rede que está a perder usuarios en favor de aloxamentos privados
O Consello de Contas fixo pública este martes unha auditoría da empresa coa que a Xunta xestiona o Xacobeo, informe que pon cifras a unha pequena parte do que as arcas públicas galegas gastan en subvencionar a peregrinación a Santiago co argumento de que o retorno para a sociedade co gasto final que fan os peregrinos é maior.
A auditoría sinala que o Goberno galego asume a metade do que custa cada aloxamento nos seus albergues públicos (75 en 2023, o ano analizado, con 3.400 prazas), unhas cifras que oscilan moi significativamente entre os que teñen máis demanda e os que menos. Así, o albergue de Sandiás, con 23 prazas, só rexistrou en 2023 un total de 66 aloxamentos en todo o ano, o que Contas cifra nun custo de "942 € por estancia".

O informe de Contas sinala que a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo obtén dos seus albergues, que constitúen a súa actividade principal, o 25% do seu gasto total, recibindo o 75% restante a través de transferencias da Xunta, algo máis de cinco millóns ao ano (máis coa pandemia). Por cada noite neses 75 albergues (61 coa xestión subcontratada cunha empresa privada e 14 conveniados con concellos ou asociacións) cóbranse 10 euros á persoa usuaria, pero o custo de real de mantemento é moi superior.
Segundo Contas, "o custo por estancia de cada peregrino é de 18,5 €", pero esa cifra obtena tendo en conta só os custos de funcionamento e non os custos fixos da sociedade e outros gastos que suporían que "as cifras anteriores incrementaríanse nun 80%". Noutro punto o informe chega a cifrar en 33 euros o "custo diario total de aloxamento dese peregrino que durme na rede pública", fronte aos 70 euros de gasto diario total que segundo a Xunta fai cada peregrino en Galicia, retorno que para o Goberno galego xustifica o investimento nos albergues públicos.
Pero Contas non analiza o retorno para a sociedade senón a eficiencia dos albergues en si mesmos e salienta que o Xacobeo "opta por un modelo de servizo consistente en dispoñibilidade plena o que implica a apertura dos albergues os 365 días ao ano". Isto fai que a ocupación media en 2023 fose "lixeiramente superior ao 20%", pero cunha variabilidade ampla, "con valores máximos do 68% e mínimos do 1%". A auditoría sinala que a ocupación media dos albergues debería ser o dobre da actual e chegar ao 42% para que cubrisen o seu custo de funcionamento, e debería ser do 76% para que toda a sociedade do Xacobeo cubrise os seus custos "sen recorrer a subvencións públicas".

"Mentres o número de peregrinos creceu de forma sostida, o número dos que escollen aloxarse na rede pública de albergues diminuíu progresivamente", di Contas
O informe explica que "os albergues co menor nivel de ocupación correspóndense con camiños e variantes con menor afluencia de peregrinos, pero tamén con instalacións que se ubican no medio das etapas e/ou que teñen unha demanda testemuñal. Estes casos evidencian debilidades na planificación da dimensión e distribución da rede pública".
Así, Contas sinala o caso do albergue de Sandiás, "situado fóra da ruta consolidada da Vía da Prata (no sentido de non identificarse como cabeceira ou fin de etapa, xa que para facer noite nese albergue débese abandonar a ruta habitual)". Nese caso, con 23 prazas, en todo 2023 só houbo 66 aloxamentos, un nivel de ocupación do 1% que leva a Contas a calcular en 942 euros o custo por estancia. Pola contra, albergues vinculados ao Camiño Francés "teñen uns custos razoables, cun valor mínimo de 4€ no albergue do Cebreiro".
Contas tamén alerta de que en xeral na rede pública de albergues "o nivel de ocupación empeorou ao longo do tempo, o que amosa que, paradoxalmente, mentres o número de peregrinos creceu de forma sostida, o número dos que escollen aloxarse na rede pública de albergues diminuíu progresivamente". Sobre ese aspecto, o informe de Contas apunta o aumento do total de albergues existentes en Galicia, que pasaron de 298 en 2017 a 393 en 2023, un cento máis, e de 10.701 a 13.606 prazas.
Contas recomenda estudar medidas como o peche temporal de albergues duplicados ou regular o importe cobrado en función da demanda ou estación do ano
Ante esta situación, o ente fiscalizador das administracións públicas galegas recomenda á Xunta "reducir o custo de prestación do servizo de hospedaxe dos peregrinos a través de medidas que non repercutan na calidade do servizo" como "regular a oferta nos meses de menos demanda a través de, a título meramente orientativo, as seguintes medidas: o peche temporal dos albergues da rede duplicados mantendo soamente un único albergue de referencia en cada concello, a análise dos concellos con alternativas de aloxamento privadas a prezo reducido durante todo o ano que permita programar algúns peches nos albergues máis antieconómicos, ou a redución de horarios de atención ao peregrino".
Contas tamén suxire regular o importe cobrado "en función, entre outros factores e a modo de exemplo, do nivel de demanda do camiño, da estación do ano, das alternativas de aloxamento na rede privada e/ou dos colectivos que se aloxen nos albergues públicos".
Porén, Contas sinala que, á espera de que se adopten medidas, en anos seguintes ao 2023 agora analizado "o déficit previsiblemente empeorará de forma significativa". Porque o novo contrato de xestión dos albergues formalizado a finais de 2024 "aumenta o custo un 36%".