A subvención creada en xuño para gastar en establecementos galegos ligados á peregrinación amplía tamén a idade das persoas beneficiarias, de entre 12 e 30 anos
O pasado xuño o Goberno galego puxo en marcha un novo bono, denominado Xacobeo Xove, co que pretendía axudar con 200 euros por persoa a 5.000 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos para que fixeran o Camiño de Santiago. Esta subvención, dirixida a gastos realizados en establecementos galegos ligados coa peregrinación, vai ser agora ampliada dobremente, por unha banda canto á idade das persoas beneficiarias, cuxo mínimo baixa ata os 12 anos, e por outra canto ao seu lugar de residencia, xa que poderá acceder a ela calquera persoa de calquera lugar do Estado que teña o Carné Xove.
A ampliación do bono Xacobeo Xove foi anunciada este xoves polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a reunión semanal do seu Goberno. Segundo dixo, o Consello da Xunta decidiu "prorrogar" o bono a 2024 e "amplialo" en idade e xeograficamente.
Rueda di querer aumentar a porcentaxe de persoas mozas que fan o Camiño, que xa superou a falta de mes e medio para rematar o ano a cifra de peregrinos totais de 2022, que foi ano Xacobeo
Ao igual que fixo no seu momento co bono turístico dirixido á cidadanía en xeral, o bono Xacobeo Xove achega un máximo do 40% do gasto ou de 200 euros por persoa beneficiaria para que estas adquiran produtos turísticos como “aloxamentos ou gastos en manutención” ligados ao camiño de Santiago que comercialicen “exclusivamente as axencias de viaxes galegas”. Este xoves Rueda salientou que a ampliación da medida a mozos e mozas de todo o Estado pretende incentivar aínda máis a compra con eses 200 euros de "paquetes turísticos" en empresas galegas.
Segundo o presidente, a medida vai dirixida a aumentar a porcentaxe de persoas novas que fan o Camiño de Santiago, malia que este recurso turístico segue a bater récords e este ano que non é Xacobeo vén de superar o número de peregrinos do pasado ano que si o foi, de xeito que ata o pasado domingo xa recolleron a Compostela máis de 438.000 persoas.