O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebra nun acto a chegada do peregrino número 438.308, que supón un récord histórico de camiñantes a Compostela e supera o máximo acadado ao longo do pasado ano 2022, a pesar de que este 2023 non ten consideración de Ano Xacobeo. Hai dous meses Rueda destacou que podía haber un 30% de peregrinos realizando o Camiño de Santiago que non aparecen nas estatísticas, porque por distintos motivos non recollen a Compostela, polo que a cifra podería ser mesmo superior.
Fálase
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle este domingo ás 20 horas unha Gala solidaria con Palestina na que participan Muerdo, Mercedes Peón, Najla Shami, Mago Teto, Rossina Castelli e Iván Prado, presentados por Melania Cruz. A entrada, de balde con billeteira inversa (o que significa que ao rematar o evento as asistentes poderán facer as súas doazóns económicas solidarias), pode reservarse aquí.
A CIG convoca folga xeral nas Pontes o 23 de novembro "en resposta á crítica situación socioeconómica" da localidade e reclama "medidas que garantan" unha "transición xusta". O paro, de media xornada, desenvolverase entre ás 11 e as 15 horas e afectará a todas as traballadora e traballadores das empresas privadas e administracións públicas do ámbito municipal.
O presidente da República convoca eleccións en Portugal o 10 de marzo tras consultar cos partidos políticos. Marcelo Rebelo de Sousa agradece a António Costa que siga exercendo en funcións ata esa data tras presentar a súa dimisión ao estar investigado por presunta corrupción coas minas de litio na fronteira con Galicia. O presidente di querer que antes sexan aprobados os orzamentos do Estado para 2024.
O debate parlamentario para investir a Pedro Sánchez celebrarase previsiblemente os días 15 e 16, mércores e xoves da vindeira semana. A presidenta do Congreso, Francina Armengol, fará este luns o anuncio oficial.
Feijóo fai unha nova comparecencia na que pide á cidadanía saír as rúas de xeito "sereno" contra Pedro Sánchez, ao que deslexitima, e reitera que fará unha oposición dura.
- HEMEROTECA | Todo é gravísimo (agás algunha cousa)
Besteiro asegura que "a vía de alta capacidade da Costa Norte será a primeira obra que farei cando chegue á Xunta". Cando Feijóo chegou á presidencia en 2009 prometía que poría en servizo en 2012 unha autovía Ferrol-San Cibrao, pero hoxe dos 80 quilómetros só hai en 16 deles un corredor dun carril por sentido.
PSOE e Junts pechan o acordo para a investidura de Pedro Sánchez. O acordo chega un 9 de novembro, mesma data da primeira gran consulta de 2014 á cidadanía catalá sobre a independencia.
A Xunta declara cinco novos focos de enfermidade hemorráxica epizóotica en explotacións bovinas de Lugo e Ourense, nos concellos de Piñor, Esgos, Baños de Molgas, Friol e O Saviñao. Son xa 18 as comarcas veterinarias con focos de EHE en Galicia.
Pintadas na sede do PSOE de Ferrol logo da terceira noite de disturbios ultras en Madrid contra a lei de amnistía que negocian socialistas e o independentismo catalán. A ex-deputada autonómica e concelleira ferrolá, Beatriz Sestayo, denunciou o ataque á sede do seu partido.