Marcelo Rebelo de Sousa di querer que antes sexan aprobados os orzamentos do Estado para 2024
O presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, anunciou na noite deste xoves, nunha comparecencia televisada, que convocará eleccións lexislativas o 10 de marzo. A convocatoria chega despois de que o actual primeiro ministro, o socialista António Costa, presentara a súa dimisión o martes ao coñecer a súa investigación por parte da Fiscalía en relación a un presunto caso de corrupción polas autorizacións, entre outras actuacións, de dúas minas de litio nas proximidades da fronteira con Ourense.
Tras consultar nas últimas horas cos partidos políticos con representación na actual Asemblea da República, Rebelo de Sousa di que chegou á conclusión de que unha simple remuda do primeiro ministro amparada na maioría absoluta que ten na actualidade o Partido Socialista (PS) non sería suficiente ante a actual crise política desatada no país. Por iso, di, a súa opción é a de convocar novas eleccións lexislativas, que chegarán dous anos despois das anteriores, de xaneiro de 2022.
Porén, os comicios non se celebrarán ata o 10 de marzo porque o presidente di querer que a Asemblea aprobe os orzamentos do Estado para o próximo ano antes da súa disolución. Ao seu ver, iso "irá ao encontro da expectativa de muitos portugueses", xa que o plan de recuperación e resiliencia no que están inmerso o país "não pode parar".
Rebelo de Sousa agradece a António Costa que siga como primeiro ministro en funcións ata as novas eleccións e espera "que o tempo, mais depressa do que devagar, permita esclarecer o sucedido"
Ata a celebración das eleccións, António Costa seguirá exercendo como primeiro ministro en funcións, segundo Rebelo de Sousa. O presidente agradeceu ao socialista "a disponibilidade para assegurar funções até à substituição dos termos constitucionais". "Espero que o tempo, mais depressa do que devagar, permita esclarecer o sucedido, a salvaguarda do bom nome, a afirmação da justiça", dixo Rebelo de Sousa sobre a investigación que afronta Costa.
Rebelo de Sousa tamén agradeceu a Costa a súa actuación en momentos difíciles recentes como a pandemia da COVID-19 ou a guerra de Ucraína.