O Partido Socialista (PS) de António Costa logra un histórico resultaod en Portugal e seguirá a gobernar, mais agora con maioría absoluta mesmo á alta do reconto dos 4 escanos d aemigración. A ausencia de acordo cos antigos socios da gerigonça para sacar adiante os Orzamentos do Goberno socialista para 2022 precipitou o adianto dunhas eleccións das que o partido do primeiro ministro sae claramente fortalecido mentres o resto da esquerda (Bloco e PCP) enfraquecen, especialmente o BE e, na banda oposta, medra a extrema dereita do CHEGA.
Lonxe das sondaxes que auguraban proximidade do PSD ao primeiro posto, os socialistas de António Costa pasan de 108 a 117 escanos a falta de asignar os 4 da emigración mentres os antigos socios da 'gerigonça' enfraquecen e o CHEGA ascende de 1 a 12
Tras unha recta final de campaña na que algunhas das sondaxes situaban o Partido Social Democrata (PSD, equivalente ao PP galego e membro do PP europeo) liderado por Rui Rio en condicións de disputar o primeiro posto aos socialistas, as urnas deixan unha Assembleia da República ben diferente á debuxada por esas proxeccións. O PS, impulsado polo que semella un transvase de electorado doutras forzas do espectro da esquerda á procura do voto útil, pasa dos 108 escanos obtidos en 2019 (2 da emigración) a 117, un por riba da absoluta, e do 36,7% dos votos ao 41,7%.
Mentres, o PSD, malia obter un número e porcentaxe de votos maior ao dos anteriores comicios, un chisco por baixo do 28%, fica erosionado tanto polo medre da extrema dereita como pola Iniciativa Liberal e pasa de 77 a 71 escanos, tamén a falta de recontar a diáspora. Así, o gran terremoto no espectro da dereita é, alén da desaparición do CDS, a eclosión do CHEGA. A formación ultra pasa dun único escano, o do seu líder André Ventura, a 12 que o sitúan na terceira posición parlamentaria, só por tras das dúas grandes formacións tradicionais.
Costa asume a absoluta con "enorme responsabilidade", promete diálogo con todas as forzas agás coa extrema dereita e ve claro que o pobo portugués avala a súa xestión e quere "estabilidade, certeza e segurança e um Governo do PS" por catro anos
Costa, que durante a campaña acabara evitando pronunciarse claramente sobre a posibilidade dunha absoluta, finalizou a noite electoral pletórico, mais prometendo diálogo acorde coa "enorme responsabilidade" que, dixo, implica esta vitoria. Nesta liña, unha vez designado formalmente para formar goberno, "promoverei reuniões com todas as forças políticas, com a exceção daquela que disse que não faz sentido consumir tempo de diálogo", en referencia á extrema dereita, dixo en declaracións que recolle a RTP.
Para o líder socialista do país veciño, o resultado amosa que o pobo de Portugal quere "estabilidade, certeza e segurança e um Governo do PS" que dure catro anos. Nesa primeira reacción, Costa tamén amosou o resultado como un aval á súa xestión da pandemia, toda vez que un terzo do tempo que leva a gobernar, resaltou, estivo centrado "num combate sem precedentes contra uma pandemia". "É com muita, muita emoção que assumo esta responsabilidade que os portugueses hoje me confiaram", resumiu.
O candidato do PSD, Rui Rio, constatou que a formación conservadora ficou "cun resultado eleitoral substancialmente abaixo" do agardado, "muito longe" do que esperaban ter malia lograr máis votos que no 2019 e unha porcentaxe moi semellante. Rio, que xa abre a porta á súa marcha do liderado, coida que "houve un voto útil á esquerda absolutamente esmagador a través do PS para evitar que o PSD puidese nomear primeiro ministro". Mentres, "na direita não houve a mesma união para evitar" que António Costa, a quen transmitiu os parabéns como "grande vencedor", continuase como primeiro ministro.
Reaccións no Bloco e no PCP
Tanto o PSD como o Bloco vénse, en cadanseu espectro, afectados pola corrente de "voto útil" a prol de Costa
A principal referente do Bloco de Esquerda, Catarina Martins, non dubidou en analizar o seu "mal resultado" como "uma derrota". Ao seu xuízo, Costa precipitou unha "crise artificial para obter maioría absoluta" e tivo éxito, ao propiciar un "voto útil que penalizou os partidos da esquerda". Tamén é "mal resultado" para Portugal o ascenso da extrema dereita, resalta Martins, xa que aínda que o CHEGA quedou por tras do apoio recibido nas presidenciais, "cada deputado racista eleito é un deputado racista a máis e cá estaremos para os combater", advertiu.
Por parte do Partido Comunista, Jerónimo de Sousa admitiu a "quebra eleitoral" sufrida pola CDU, a coalicón coa que o PCP concorre aos comicios. A evidenciada por Sousa como "significativa perda de deputados" inclúe a desaparición do Parlamento da representación dos Verdes, os seus socios coligados, recolle a RTP.
Parabéns dende Galicia
Os resultados electorais no país veciño xa deron lugar a reaccións na política galega. Durante a noite electoral, tanto a portavoz nacional do BNG como o secretario xeral do PSdeG transmitiron uns parabéns a António Costa a través das redes sociais aos que este luns se sumou o presidente da Xunta e do PPdeG.
Pontón e Formoso transmitiron durante a noite electoral uns parabéns a António Costa aos que este luns se sumou Feijóo
"Parabéns a António Costa por unha clara vitoria. "Galiza e Portugal deben afianzar lazos e proxectos no cultural e no económico", sinalou Ana Pontón, que tamén enviou "azos" ao Bloco e ao PCP, "que seguro tirarán conclusións para recuperar o terreo perdido". "Hoje mais que nunca, os socialistas galegos sentimo-nos mais perto de Portugal. Portugal vai continuar a avançar", resaltou Valentín González Formoso, que ve no resultado portugués "un gran paso para continuar avanzando na construción dunha Europa socialdemócrata, máis xusta e solidaria".
Xa este luns, Alberto Núñez Feijóo recoñeceu a "consolidación do liderado" de Costa e sumouse aos parabéns. "Coñezo ben a túa amizade coa nosa comunidade e sei que Galicia e Portugal afrontaremos xuntos retos comúns como o desenvolvemento do AVE Atlántico entre Vigo e Oporto e, por extensión, entre A Coruña e Lisboa", resaltou o titular do Goberno galego.
Pola banda do Goberno de España, tamén durante a noite electoral o presidente, Pedro Sánchez, fixo públicos os parabéns a António Costa. "Portugal apostou unha vez máis por un proxecto socialdemócrata que xunte crecemento e xustiza e social", di o líder do PSOE, quen augura que "xuntos seguiremos impulsando nos nosos países e en Europa unha resposta socialista aos retos que compartimos.