En 2017, a vitoria socialista nas eleccións autárquicas -municipais- portuguesas contribuíu a consolidar o Goberno da esquerda que encabezaba o primeiro ministro, António Costa, apoiado na maioría parlamentaria alcumada como geringonça, a que conformaran en 2015 Partido Socialista (PS), Partido Comunista e Bloco de Esquerda para desbancar en 2015 do poder ao conservador Pedro Passos Coelho (PSD).
O PS segue sendo, con diferenza, a primeira forza municipal en Portugal. Pero o lixeiro retroceso en votos e, sobre todo, a perda da alcaldía de Lisboa, é interpretada como un toque de atención para a formación do primeiro ministro
Catro anos despois, neste 2021 os socialistas volveron finalizar a xornada electoral deste 26 de setembro como forza máis votada. Lograron algo máis do 34% dos votos, 147 presidencias de Cámara municipal -alcaldías- e 123 maiorías absolutas. Son tamén, con diferenza, a primeira forza nas asembleas municipais e de freguesía, os outros dous órganos do poder local que se renovaban.
Pero, así e todo, o PS fica cun sabor agre e así o amosou ás claras o propio Costa. Non só por perder uns tres puntos de voto nas eleccións a cámaras municipais. Tamén porque quedan con nove alcaldías menos (de 156 a 147) e, sobre todo, porque unha delas é especialmente significativa, a de Lisboa, a que exerceu o propio primeiro ministro e que na que agora o seu sucesor en 2017, Fernando Medina, perdeu a reelección fronte ao ex-comisario europeo Carlos Moedas, líder da coalición de centro-dereita na capital do país veciño, na primeira posición por unha estreita marxe.
A sorpresa de Lisboa -as sondaxes electorais auguraban que o PS recuncaría na presidencia da Cámara- contrasta coa continuidade no Porto, onde o independente Rui Moreira gaña o seu terceiro mandato na alcaldía, mais perdendo a maioría absoluta que gañara en 2017. Este será necesariamente o seu último mandato, cando menos consecutivo, xa que a lei electoral portuguesa impide exercer cargos locais coma este por máis de tres ocasións seguidas.
No Porto, o independente Rui Moreira logra o seu terceiro e último mandato, pero perde a maioría absoluta
Ante este novo mapa municipal, o primeiro ministro e secretario xeral do PS admite que perder Lisboa "é uma derrota que penaliza qualquer partido", indicou en declaracións que recolle a RTP, se ben coida que cómpre salientar que "o país não é só Lisboa". Ao cabo, advertiu, malia perdas coma esta ou malia outras derrotas significativas como a sufrida en Coimbra, o PS logrou unha ampla vitoria no global nacional. É a primeira vez, advertiu, que os socialistas se impoñen nas autárquicas en tres convocatorias consecutivas.
Pola banda da oposición, o PSD -partido irmán do PP en Portugal-, dá por logrados todos os seus obxectivos electorais "contra as sondagens e contra alguns comentadores", sinalou o seu presidente, Rui Rio, quen fora alcalde do Porto ata 2013. As análises postelectorais do país veciño ven a Rio reforzado non tanto polo resultado global como pola inesperada vitoria lisboeta.
Mentres, o Partido Comunista admite que este 26 de setembro a súa coalición cos Verdes ficou lonxe dos obxectivos que pretendía, tanto por perder posicións en diversos municipios como por non dar logrado recuperar Almada, tras perdela en 2017. O Bloco de Esquerda segue fóra das alcaldías e tamén a extrema dereita do Chega, que así e todo avanza en diversos concellos.
Dominio do PS na beira portuguesa das eurocidades
Valença volve ter alcalde socialista máis dunha década despois
Nas localidades que fan parte de eurocidades con concellos galegos, o novo mandato municipal traerá consigo un maior dominio do PS. En Valença -que comparte eurocidade con Tui-, tras máis dunha década de dominio da dereita, o Partido Socialista volve á alcaldía con José Manuel Carpinteira, mentres que a coalición de centro-dereita do PSD perde máis de vinte puntos.
Tamén en Vila Nova de Cerveira -metade da eurocidade con Tomiño- hai cambio a prol do PS. O independente Fernando Nogueira, que perdeu máis de 13 puntos, terá que ceder o mando ao socialista Rui Teixeira, vencedor con case o 50% dos votos. En Chaves, parte da eurocidade con Verín, o PS xa ostentaba a alcaldía e seguirá nela con Nuno Vaz, que volve quedar preto do 50% dos votos.
Nestas catro localidades minhotas ligadas a Galicia a través das eurocidades, a única que terá de agora en diante alcalde do centro-dereita é Monção. O PSD aumenta alí a súa vantaxe e António Barbosa retén o poder, agora cunha maioría aínda máis esmagadora, próxima ao 60% dos votos.