Rebelo de Sousa revalida a presidencia de Portugal co 60% dos votos nas eleccións marcadas pola COVID

Marcelo Rebelo de Sousa, presidente de Portugal, nunha imaxe de arquivo © Presidencia de Portugal

Rebelo de Sousa logra 8 puntos máis que hai cinco anos nuns comicios con dez puntos menos de participación que en 2016

Non houbo sorpresas no fundamental. Marcelo Rebelo de Sousa repetirá mandato como presidente da República de Portugal. O popular mandatario, avalado polo Partido Social Democrata -formación de centro dereita irmá do PP no Partido Popular Europeo- foi referendado para exercer a xefatura do Estado do país veciño por cinco anos máis por algo máis do 60% dos votos, 8 máis que en 2016, nuns comicios marcados pola pandemia, mais tamén por unha participación aínda máis baixa do que é habitual nestes comicios.

Apenas o 39,49% do electorado chamado ás urnas respondeu ao apelo nun proceso electoral que, politicamente, adoita ser considerado de segunda orde. Son case dez puntos menos que hai cinco anos, as da primeira vitoria de Rebelo de Sousa, sete menos que en 2011 (cando foi reelixido Cavaco Silva) e dez menos que en 2006.

Alén da esmagadora vitoria de Rebelo de Sousa, o segundo feito político relevante da noite está na segunda e na terceira posición. Ana Gomes, ex-diplomática e ex-eurodeputada socialista de dilatada traxectoria política e profesional, mais sen o apoio do Partido Socialista como organización nestes comicios (boa parte do electorado que apoiou o PS de António Costa nas lexislativas opta por Rebelo de Sousa nas presidenciais e o PS, como tal, esquivou esta votación), logrou unha meritoria segunda posición nas urnas. Mais apenas un punto por riba do candidato da extrema dereita. 

Gomes, tras ficar segunda e por diante do aspirante da extrema dereita, dá por logrado o obxectivo de "impedir que a ultradireita ascendesse a uma posição de possível alternativa"

Así e todo e malia non acadar unha segunda volta, Gomes dá por acadado un dos obxectivos clave da súa campaña: "impedir que a ultradireita ascendesse a uma posição de possível alternativa", declarou á RTP. Agora, mantén, seguirá a traballar para que, no segundo mandato de Marcelo Rebelo de Sousa, a democracia poida reforzarse.

Con todo, o aspirante da extrema dereita, André Ventura, manifestouse moi satisfeito pola terceira posición da súa formación. O referente do Chega nestes comicios, que se presenta a si mesmo como "anti-sistema", ve no seu 12% de sufraxios a demostración de que xa "não haverá governo em Portugal sem nós". Ventura, que celebrou diversos actos electorais saltando as normas contra os contaxios, gábase tamén de lograr máis apoio que o resto de opcións da esquerda, alén da propia Ana Gomes.

Ana Gomes foi a segunda candidata máis votada nas presidenciais portuguesas de 2021 © Candidatura Ana Gomes

Combater a pandemia e "o extremismo", prioridades do presidente reelecto

O ascenso da extrema dereita estivo moi presente no discurso da vitoria de Marcelo Rebelo de Sousa. "Profundamente honrado e agradecido" polo triunfo electoral, o xefe do Estado do país veciño fixou como prioridade a loita contra a pandemia do coronavirus, mais tamén frear a "radicalização e extremismo". O pobo portugués, coida, non quere "uma radicalização e um extremismo nas pessoas, nas atitudes, na vida social e política".

Rebelo de Sousa, "profundamente agradecido" pola vitoria, comprométese a "fazer esquecer as xenofobias, as exclusões, os medos instalados" no inicio do mandato en que será conmemorado medio século do 25 de abril

No entanto, considera, o que si desexa a cidadanía de Portugal é "uma pandemia dominada o mais rápido possível, uma recuperação de emprego e rendimentos".  Tamén, no contexto desta crise, "combate à pobreza e à exclusão e um sistema político estável com governação forte, sustentável e credível". 

As eleccións, lembrou, celebráronse cando restan apenas tres anos para a celebración do medio século da Revolucão dos Cravos. Neste marco encadra o seu compromiso por "fazer esquecer as xenofobias, as exclusões, os medos instalados". Sería, ao seu xuízo "inconcebível" que "não possa dizer então que somos não só muito mais livres, mas também muito mais desenvolvidos, muito mais iguais, muito mais justos, muito mais solidários do que éramos" na fin da ditadura, recolle a RTP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.