Portugal celebra este domingo a primeira volta das súa eleccións presidenciais, que decidirán o sucesor ou sucesora de Aníbal Cavaco Silva -que non se pode presentar a un terceiro mandato- e que pechou con polémica a súa traxectoria na Presidencia, coas súas resistencias a aceptar un goberno de esquerdas.
A pesar da maioría acadada nas eleccións lexislativas do outono por PS, Bloco e PCP, todo apunta a qua a vitoria nos comicios presidenciais deste domingo corresponderá ao conservador Marcelo Rebelo de Sousa, candidato apoiado por PSD e CDS-PP, que mesmo podería evitar a segunda volta, prevista para o 14 de febreiro. Rebelo de Sousa supera o 50% dos apoios en todas as sondaxes publicadas (entre o 51,8% e o 55%) e distánciase dos seus contrincantes. En 2011 Aníbal Cavaco Silva, candidato único do centro-dereita, gañou xa na primeira volta, cun 52,95% dos votos, superando o socialista Manuel Alegre (19,76%).
A esquerda divide os seus votos; o candidato mellor situado é o independente António Sampaio da Nóvoa, reitor honorario da Universidade de Lisboa, que rolda o 20% dos apoios (entre o 16,9% e o 22). Sampaio da Nóvoa conta co soporte de parte do Partido Socialista e de destacados referentes, coma os ex presidentes Ramalho Eanes, Mário Soares ou Jorge Sampaio.
Máis atrás aparecen María de Belém, ex ministra en varios gobernos socialistas e ex presidenta do PS. A medida que avanzou a campaña foi reducindo as súas expectativas, roldando na actualidade o 10% (entre o 8% e o 13,3%). Estaría practicamente igualada con Marisa Matias, eurodeputada do Bloco de Esquerda, cuxa candidatura foi crecendo nas últimas semanas, situándose ao redor do 8% dos votos nas últimas sondaxes. Edgar Silva (PCP) ou os independentes Paulo de Morais, Henrique Neto ou Vitorino Silva fican sen opcións.
De confirmarse a vitoria de Rebelo de Sousa, abriríase un período de cohabitación entre un presidente conservador e un primeiro ministro socialista (António Costa), que goberna grazas a un pacto de esquerdas con Bloco e PCP. Con todo, Rebelo de Sousa non dubidou en achegarse a Costa e amosarlle o seu apoio para que o orzamento que o Partido Socialista presentou para 2016 poida ser aprobado. Neste plan orzamentario, Costa procurou reverter algunhas das medidas máis impopulares levadas a cabo polo goberno de Passos Coelho e puxo en marcha, tras duras negociacións cos seus socios de esquerda, novas medidas sociais para paliar a delicada situación de millóns de portugueses.
Todas estas medidas fixeron que Costa gañase simpatías entre a poboación. Rebelo de Sousa é consciente diso e tomou unha posición conciliadora, que mesmo o afastou do seu propio partido, o PSD, durante a campaña. O PSD e o CDS-PP si veñen apoiando o candidato, pero sen implicarse demasiado. E de igual xeito Rebelo de Sousa mantén unha distancia con estas formacións, baseando a súa mensaxe na súa propia persoa e imaxe.