Portugal conseguira pasar a primavera e o verán cun número moi reducido de contaxios de Covid-19 e de mortes asociadas a esta enfermidade, moi lonxe dos niveis que se acadaron, especialmente entre marzo e abril, en España, Italia e noutros países europeos. A clave estivera na aplicación temperá de medidas de control, en paralelo coa súa adopción no Estado español, nun momento en que a pandemia aínda non chegara ao país luso.
Este mércores notificouse a detección de 14.647 novos casos nas 24 horas anteriores e os datos deste xoves (13.544 casos e o récord de 219 mortes), foron moi semellantes
Porén, todo mudou este outono. No mes de novembro as cifras de novos casos mantivéronse durante varias semanas por riba das 5.000 infeccións diarias. A pesar das restricións impostas en boa parte do país, a Incidencia Acumulada chegou ás festas de Nadal por riba dos 500 casos por cada 100.000 habitantes e entón a mobilidade entre concellos e as reunións familiares contribuíron a multiplicar as infeccións. A propagación da enfermidade nesas datas está a provocar neste mes de xaneiro unha situación dramática. Este mércores notificouse a detección de 14.647 novos casos nas 24 horas anteriores e os datos deste xoves (13.544 casos e o récord de 219 mortes), foron moi semellantes. A incidencia acumulada, por riba de 1.300 casos, é das máis altas do mundo, nun nivel semellante á da República Checa ou Irlanda e moi por riba da que se rexistra no Estado español, tamén das máis elevadas do planeta.
Estas cifras levan semanas poñendo o sistema sanitario portugués ao límite, especialmente na área de Lisboa
Estas cifras levan semanas poñendo o sistema sanitario portugués ao límite, especialmente na área de Lisboa. O número total de persoas ingresadas cun diagnóstico positivo de Covid-19 achégase ás seis mil, case o dobre que no peor momento do outono e cinco veces por riba do máximo da primavera. Dende hai días veñen adiándose as operacións cirúrxicas non urxentes e moitos doentes foron trasladados duns a outros hospitais pola falta de camas.
Confunamento e peche de escolas
Esta situación levou o venres pasado a impor un confinamento domiciliario en Portugal, semellante ao da primavera, pero mantendo abertos os colexios
Esta situación levou o venres pasado a impor un confinamento domiciliario en Portugal, obrigando á poboación a permanecer na casa, agás para realizar compras esenciais (toda a hostalaría e o comercio están pechados, agás tendas de alimentación, farmacias), acudir ao médico, facer deporte ao aire libre ou asistir a persoas maiores ou dependentes. Ademais, o teletraballo é obrigatorio.
O confinamento ditado a semana pasada era moi semellante ao que se aplicou na primavera en Portugal (e tamén en España), pero cunha diferenza importante: os centros de ensino permanecían abertos. O Goberno portugués subliñara a importancia social de manter abertas estas instalacións e o prexuízo causado á parendizaxe de parte do alumnado durante o peche da pasada primavera.
Nas últimas horas o Executivo mudou radicalmente o seu criterio nesta cuestión, decidindo o peche de todas as escolas e institutos durante un mínimo de 15 días
Porén, nas últimas horas o Executivo mudou radicalmente o seu criterio nesta cuestión, decidindo o peche de todas as escolas e institutos durante un mínimo de 15 días, sinalando que estas dúas semanas lectivas serán recuperadas no Carnaval, a Semana Santa ou ao remate do curso. Ademais, dende esta fin de semana todas as misas e outras actividades relixiosas fican suspendidas.
O peche dos colexios está en parte motivado polo aumento da preocupación polo impacto que pode ter no país a propagación da variante do virus descuberta no Reino Unido, máis contaxiosa e cada vez máis prevalente no país. Calcúlase que xa representa ao redor do 13% das infeccións rexistradas nos últimos días, medrando un 70% cada semana. Expertos prevén que dentro de tres semanas podería representar o 60% de todos os casos.
"Só pedimos que fiquem em casa, senão não aguentamos"
O peche dos colexios está en parte motivado polo aumento da preocupación polo impacto que pode ter no país a propagación da variante do virus descuberta no Reino Unido
Xa durante a fin de semana fíxose evidente que as medidas non eran suficientes e que, ademais, unha parte importante da poboación decidira incumprilas, obviando todas as recomendacións lanzadas polas autoridades sanitarias: o confinamento só reduciu nun 30% a mobilidade. Este luns o primeiro ministro, António Costa, anunciou a adopción de medidas máis duras, alertando de que "estamos a viver o momento mais grave desta pandemia". Costa advertiu de que "não está só em causa a pressão sobre o Serviço Nacional de Saúde, sobre o esforço extraordinário que médicos enfermeiro, técnicos auxiliares, assistentes operacionais todos estão a fazer" senón que "o que está verdadeiramente em causa é a saúde e a vida de cada um de nós e das pessoas que nos rodeiam".
"Estamos muito próximos do limite", di a ministra de Saúde, alertando de que varios hospitais da rexión de Lisboa "estão numa situação muitíssimo complexa"
E este mércores, perante o novo récord diario de casos diagnosticados no país e coa nova do falecemento de 200 persoas máis, a ministra de Saúde, Marta Temido, subliñou que "a gravidade da situação está à vista" e comentou que as estruturas do sistema de saúde "estão num extremo de utilização". "Estamos muito próximos do limite", engadiu, alertando de que varios hospitais da rexión de Lisboa "estão numa situação muitíssimo complexa".
A cidadanía portuguesa está chamada ás urnas este domingo, nunhas eleccións presidenciais nas que Marcelo Rebelo de Sousa debe gañar con claridade, pero que poden rexistrar unha participación historicamente baixa
Nos últimos días, ademais, foron moitas as voces expertas, así como profesionais sanitarios de distintos lugares do país, que fixeron chamamentos ao Goberno para endurecer as medidas e, sobre todo, á poboación para que cumpra as normas e recomendacións. "Já não sei como poderemos passar mais esta mensagem à população. Só pedimos que fiquem em casa, senão não aguentamos", dicía este mércores unha médica lisboeta. E, de igual xeito, un dos asesores das autoridades sanitarias no norte do país alertou de que a pandemia de Covid-19 pode ser “a maior tragédia” da historia de Portugal, avogando por “fechar tudo” para combatela.
Neste contexto, ademais, a cidadanía portuguesa está chamada ás urnas este domingo, nunhas eleccións presidenciais que non puideron ser adiadas legalmente. Aínda que en principio non debería haber grandes sorpresas (as sondaxes indican que o actual Presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, obterá máis do 50% dos votos na primeira volta), a pandemia podería reducir moito a participación nos comicios, dando lugar a resultados non esperados, sobre todo no que atinxe ao resto dos candidatos.
Situación moi grave en todo o país, tamén nos concellos da fronteira con Galicia
Dos concellos que se atopan na fronteira con Galicia tan só Valença, Monção e Vinhais baixan dunha incidencia acumulada de 1.000 casos
Son moitos os concellos con incidencias acumuladas por riba dos dous mil casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días e a propia cidade de Lisboa supera unha IA de 1.000 casos (1.039), algo inferior na cidade do Porto (741). De feito, dos concellos que se atopan na fronteira con Galicia tan só Valença, Monção e Vinhais baixan desa incidencia acumulada de 1.000 casos, acandando niveis moi preocupantes en Vila Nova de Cerveira (1.347), Ponte da Barca (1.637) ou Chaves (1.380).
Nos últimos días dende a Xunta advertiuse do risco que a situación que se está a vivir no Norte de Portugal ten para os concellos galegos da fronteira. De feito, boa parte das localidades do Baixo Miño presentan incidencias acumuladas que tamén roldan os 1.000 casos, como Tomiño, Tui, Arbo, Salvaterra do Miño, As Neves, Crecente. De igual xeito, nos concellos ourensáns da raia seca hai varios que tamén presentan un elevado número de contaxios; é o caso de Verín, Oímbra, Vilardevós, Monterrei, Calvos de Randín, Muíños e, en xeral, de toda a comarca da Limia, con moita relación co país veciño.