“Sim, sim, é geringonça, mas funciona. É uma grande vantagem, estão a ver? É geringonça mas funciona". En abril de 2016, cando transcorrera menos dun ano do pacto da esquerda que converteu a António Costa en primeiro ministro de Portugal, derrubando o Goberno da dereita que encabezaba Pedro Passos Coelho (PSD), o líder do Partido Socialista ironizaba deste xeito nunha resposta parlamentaria a respecto da alianza que o levara ao poder. Botando man do cualificativo que, parafraseando unha crónica xornalística, utilizara a dereita para descualificar o pacto, Costa valorizaba o seu pacto co Bloco de Esquerda e o Partido Comunista.
Catro anos despois daqueles acordos as urnas veñen de referendar a geringonça. E, moi especialmente, ao seu líder. O PS logrou este domingo, 6 de outubro, unha cómoda vitoria nas eleccións lexislativas. Os de Costa non lograron a maioría absoluta coa que soñaran nalgúns puntos da carreira electoral, pero si conseguiron unha folgada primeira posición que muda o mapa das negociacións, mentres que un eventual goberno da dereita non é viable sobre fórmula ningunha.
Coa elevada abstención como un dos puntos máis rechamantes da xornada, o PS gaña 21 escanos e a principal forza da dereita perde 22
Coa elevada abstención, de case o 46%, como un dos puntos negativos máis rechamantes dos comicios -a practicamente segura vitoria socialista é apuntada por algunhas análises no país veciño como unha das causas da pouca mobilización- e á espera da asignación dos 4 escanos da emigración, o PS recupera o dominio parlamentario na Assembleia da República con 106 representantes fronte aos 85 cos que contaba na anterior lexislatura. Mentres, a principal forza da dereita, o PSD, sofre un duro pau con Rui Rio á fronte e pasa dos 99 asentos logrados coa súa coalición de 2015 aos 77 deste domingo.
Pola banda da esquerda os dous socios que foron indispensables para chegar ao poder en 2015 tiveron sortes dispares. Tanto o Bloco de Esquerda como a CDU perden porcentaxe de voto, pero mentres o Bloco mantén a súa representación parlamentaria no voto interior, 19 escanos, a alianza nucleada en torno ao Partido Comunista perde cinco e queda con 12.
No que atinxe ás pequenas forzas, alén do crecemento dos ambientalistas do PAN (de 1 a 4 escanos), unha das principais novas deste 6 de outubro en Portugal foi a irrupción da extrema dereita na Assembleia da República. CHEGA, a escisión pola dereita do PSD, chega por primeira vez ao Parlamento, aínda que cun único escano e o 1,3% dos votos. Tamén debuta no lexislativo portugués unha nova forza de esquerda, o Livre.
Reaccións dos partidos
Costa anuncia contactos para "renovar" as alianzas con outras forzas da esquerda, pero reflectindo que agora o PS é "máis forte"
As primeiras reaccións pola banda da esquerda tiveron unha nota común: volverá haber acordos, pero non será como os de hai catro anos. "Os portugueses gostaram da geringonça", afirmou Costa tras coñecer o escrutinio, pero cun matiz: a aposta do electorado é a "continuidade da atual solução política", mais "agora com um PS mais forte". Neste sentido, ratifica que o PS vai "procurar renovar" as alianzas co BE e o Partido Comunista, así como procurar apoios no PAN e no Livre. Trátase, di, de lograr "um reforço da solução política que produziu boas políticas e, sobretudo, bons resultados".
Alén do triunfo do seu propio partido e das forzas da esquerda, Costa pon o foco noutro aspecto dos resultados do 6 de outubro: a dereita sufriu "a maior derrota histórica". Nos mesmos termos se expresa Catarina Martins dende o Bloco. Os socialistas, constata Martins, teñen unha "larga maioria" e, daquela, "todas as condições para formar governo". Pola banda do BE, "consolidado como terceira força política do país", é clara a "disponibilidade" negociar co PS sempre e cando pida os seus votos para continuar a “reposição de direitos” da cidadanía iniciada no pasado mandato. Por iso ofrece negociar un acordo de lexislatura ou “negociações ano a ano para cada orçamento".
O Bloco amosa disposición a acordos puntuais ou de lexislatura cos socialistas; o PSD gábase de non sufrir "a grande derrota que alguns previam" e carga contra os medios de comunicación
Pola banda da CDU, o secretario xeral do Partido Comunista, Jerónimo de Sousa, salienta que o resultado deixa claro que non haberá atrancos para que Costa recunque como primeiro ministro, aínda que tras o seu retroceso electoral tamén advirte de novas condicións para acordos. "A CDU cá estará, como sempre esteve, honrando os compromissos com os trabalhadores e o povo", di o líder do PCP, pero desta volta "não haverá repetição da cena do papel". Isto é, non existirá a sinatura dun acordo de lexislatura co PS.
Mentres, na dereita, Rui Rio tivo que dedicar a súa primeira intervención a tentar amortecer o devalo da súa formación. Entre outras, atribuíu aos medios de comunicación, á "prolongada publicação de sondagens" que auguraban unha vitoria socialista, así como aos problemas internos, a desmobilización de parte do electorado do PSD. Alén disto, Rio considera que o resultado que acadou "não é a grande derrota que alguns previam e desejavam", senón un resultado practicamente "idêntico ao alcançado em 2015".