A mediados de maio o presidente da Xunta asumiu, no nome do Goberno galego, a presidencia rotatoria da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, o organismo transfronteirizo que pasaba a mans galegas ás portas da Cimeira Ibérica, pero tamén do terceiro Congreso do Eixo Atlántico, o organismo que agrupa 38 entidades locais das dúas beiras da raia, entre elas as principais cidades. No ano do seu vinte e cinco aniversario o organismo convocou para este xoves e venres en Braga "unha sorte de estados xerais da Eurorrexión" coa vista posta no futuro das contornas urbanas e fíxoo nun simbólico encontro ao que o Goberno de Portugal lle outorgou especial relevancia. Non en van, a clausura do congreso foi presidida polo primeiro ministro, António Costa, mentres que por parte do Goberno galego non existiu representación ningunha.
Costa, que este venres tamén inaugurou un centro tecnolóxico na cidade bracarense, "saudou" o vixésimo quinto aniversario do Eixo, ente que ve "consolidado como um dos grandes motores de desenvolvimento dos dois países" e tamén como mostra da necesidade de apostar por unha Europa "aberta para o mundo". O Eixo Atlántico, salientou o mandatario socialista, é para o Goberno de Portugal un "eixo estratégico de cooperação"
Costa foi o mandatario político de maior rango institucional nun acto de clausura no que, pola banda galega, participaron diversos representantes municipais, como os alcaldes e edís da Coruña, Lugo, Ourense, Santiago, Ribeira ou Lalín, así como o rexedor do Barco de Valdeorras, Alfredo García, na súa calidade de presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, e edís de diversos municipios. Aos actos do eixo acudiron, igualmente, o voceiro de En Marea, Luís Villares, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, entre outros.
António Costa ve o Eixo "consolidado como um dos grandes motores de desenvolvimento" e mostra dunha Europa "aberta para o mundo"
O acto institucional do Theatro Circo de Braga pechou, con aires de celebración, un encontro ao que asistiron uns 250 especialistas de diferentes ámbitos para abordar a Axenda Urbana -un dos relatores do proxecto foi o deputado do PPdeG Martín Fernández-, o primeiro documento transfronteirizo destas características, resaltan dende o Eixo. Trátase, explican de abordaren "pautas de funcionamento coordinado para o desenvolvemento da Eurorrexión nos vindeiros 20 anos" con liñas como o crecemento económico e o emprego nas cidades, a participación cidadá ou a sostibilidade ecolóxica.
Aos actos acudiron diversos representantes de concellos galegos, así como os voceiros de En Marea e do PSdeG
Para o alcalde de Braga e presidente do Eixo, Ricardo Río, "os sucessos do Eixo Atlántico serão os sucessos de todos", do que Alfredo García, no nome da Fegamp, definiu como "unha cidade con sete millóns de habitantes, a Eurorrexión". Esa "Europa das cidades e dos cidadáns" debe ser, para o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, unha das principais aspiracións do Eixo.
No comunicado oficial co que pechou o seu terceiro congreso o Eixo Atlántico reflectiu que durante os dous días de traballos "chamou especialmente a atención a ausencia de representantes da Xunta de Galicia, que non participou no desenvolvemento dos debates nin no acto dos 25 anos", confirma. Este xoves a axenda pública do presidente incluíu unicamente a toma de posesión da nova presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, ás 10 da mañá en Santiago, se ben esta fin de semana inicia unha viaxe á China. O vicepresidente Alfonso Rueda -de cuxo departamento depende a dirección xeral de Relacións Exteriores-, inaugurou a festa da primavera do Páramo pola mañá e ás oito do serán tiña previsto participar nos actos do Día de Portugal na cidade de Ourense.
"Chamou a atención a ausencia de representantes da Xunta", destaca o Eixo
As celebracións dos primeiros 25 anos do Eixo Atlántico continúan este mesmo mes de xuño, tamén en Braga, coa celebración de Expocidades, unha feira de turismo de proximidade, e no mes de xullo en Lugo, Sarria e Monforte, sedes da duodécima edición dos Xogos do Eixo Atlántico. A sede do peche dos actos do 25º aniversario será A Coruña, tal e como confirmou o seu alcalde, Xulio Ferreiro, durante o congreso celebrado en Braga.