0 Gardados para despois

Fibra óptica, emerxencias e tren, principais acordos concretos para Galicia da Cimeira Ibérica

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Documentos relacionados

Moito máis concreta e completa que a celebrada hai dous anos en Baiona, pero ao tempo tan intanxible como adoitan ser a maioría dos encontros entre estados ao máis alto nivel. Así podería resumirse o resultado da XXIX Cimeira Ibérica celebrada estes luns e martes en Vila Real, desta volta cunha axenda centrada na cooperación transfronteiriza, a que máis afecta á cidadanía, fronte aos grandes acordos estatais de máis difícil concreción. No caso de Galicia, a Cimeira remata con apostas por mellorar a conexión por fibra óptica co norte de Portugal e por ampliar a colaboración dos servizos de emerxencias nas zonas fronteirizas, ademais de coa ratificación dos prazos xa previstos para a mellora da actual liña de tren Vigo-Porto antes de dous anos, pero sen avanzar máis alá, como agora pide Feijóo.

Portugal e España expresan a súa “satisfação pela circunstância de tanto o português como o castelhano serem línguas vencedoras da globalização”

Tanto o presidente español, Mariano Rajoy, como o primeiro ministro portugués, António Costa, salientaron nas súas intervencións a consideración “estratéxica” que ten para os dous países a mellora das conexións ferroviarias Vigo-Porto, Aveiro-Salamanca e Sines-Madrid. No caso da primeira, Portugal está a electrificar e mellorar a liña actual entre Nine, ao norte do Porto, e Viana do Castelo e xa lanzou os contratos para facer o mesmo entre esa cidade e Valença co obxectivo de que os traballos estean rematados en 2019, mentres que España xa anunciou que coordinará con eses traballos a mellora máis doada dos tan só cinco quilómetros nos que ten que actuar entre o río Miño e Guillarei, onde a liña con Portugal enlaza coa que chega a Vigo desde Ourense. E iso é exactamente o que ratifica a declaración final desta Cimeira, na que os dous gobernos congratúlanse “pelos avanços na construção da eletrificação e modernização do troço Nine/Viana do Castelo e assinalaram o recente lançamento do concurso para a empreitada relativa ao troço Viana do Castelo/Valença (fronteira), do lado Português. O troço entre a fronteira e Guillarei, do lado Espanhol, terá conclusão coincidente com o final das intervenções no troço português Viana do Castelo/Valença (fronteira)”. Unha declaración na que nada se di de posibles melloras futuras de máis calado, como as que recentemente reivindicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para a liña Vigo-Porto sexa unha continuidade do Eixo Atlántico A Coruña-Vigo. Melloras que o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal simboliza na construción dunha saída sur ferroviaria da cidade de Vigo.

En materia de infraestruturas de transporte, a declaración da Cimeira tamén fala da “assinatura a breve trecho do Convénio para a reabilitação da Ponte Internacional Rodoferroviária sobre o Rio Minho, entre Valença do Minho e Tui”, unha actuación que non concreta e que se produciría pouco despois da rehabilitación integral da ponte que se realizou entre 2011 e 2013.

Sete anos despois de que comezaran os problemas para o pagamento das peaxes, os dous gobernos salientan as "melhorias significativas registradas en Portugal"

Igualmente, sobre as dificultades para o pagamento das peaxes, a declaración salienta, sete anos despois de que comezaran os problemas, “as melhorias significativas registadas em Portugal nos sistemas exclusivamente eletrónicos para os utilizadores estrangeiros, bem visíveis na eliminação quase total de constrangimentos durante o mais recente período de Páscoa”. E eloxia tamén “o esforço continuado de Espanha no alargamento da interoperabilidade dos dispositivos de pagamento eletrónico a todas as suas autoestradas, onde já se atingiu praticamente a plena interoperabilidade”.

Os servizos de emerxencias, non só os bombeiros, poderán intervir ata 25 quilómetros no interior do estado veciño

Pero é noutros ámbitos á marxe das infraestruturas de transportes onde a declaración final da Cimeira resulta máis concreta e semella que terá maiores efectos en Galicia. Así, os dous gobernos acordan a “futura revisão do Protocolo Adicional sobre Assistência Mútua em Incêndios Florestais nas Zonas Transfronteiriças, visando alargar a faixa de intervenção direta para 25 km de cada lado da fronteira e estender o seu âmbito a outras situações de emergência”. Amplíase así a franxa na que se permite a intervención directa sen solicitar autorización dos servizos de emerxencias do outro país, que nos últimos anos medrou progresivamente dos 5 aos 15 quilómetros e que agora aumentará outro tanto.

Portugal e España apostan por incrementar a capacidade da conexión por fibra óptica de Valença

A declaración tamén aposta por “reforçar as ligações transfronteiriças em fibra entre as Redes Eletrónicas de Investigação e Académicas, Rede Ciência, Tecnologia e Sociedade (RCTS) por Portugal e RedIRIS por Espanha, cujo primeiro passo deveria ser a renovação dos equipamentos das ligações existentes em Badajoz e Valença do Minho, passando da atual capacidade de 10G para a tecnologia de 100 G”.

Por último, os dous gobernos expresan a súa “satisfação pela circunstância de tanto o português como o castelhano serem línguas vencedoras da globalização. Segundo din na declaración conxunta, “a vitalidade das respetivas línguas reforça a capacidade de afirmação cultural, educativa, económica e diplomática de Portugal e Espanha à escala global, e especialmente nas regiões do mundo com quem os dois Países mantêm laços mais próximos”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.