A esquerda anticipa a fin da dereita en Portugal ao unirse para elixir o presidente do Parlamento

António Costa © PS

A esquerda portuguesa levou a cabo a súa primeira demostración de forza e unión ao elixir un socialista á fronte do Parlamento logo da designación como primeiro ministro do conservador Passos Coelho. Foi Eduardo Ferro Rodrigues, ao pouco de ser nomeado, quen atacou o presidente da República, Cavaco Silva, logo de que este cargase contra o pacto entre PS, BE e PCP e alentase a disidencia entre parlamentarios socialistas para evitar un goberno con "forças políticas antieuropeístas".

A esquerda únese para elixir un presidente socialista da Cámara, que será dirixida por primeira vez polo membro dun partido que non gañou os comicios

Ferro Rodrigues, antigo líder do PS, apañou o apoio da esquerda e foi eleito por 120 votos contra os 108 de Fernando Negrão proposto polo PSD e apoiado polo CDS. Xuntas, as bancadas de PS, BE e PCP suman 122 deputados, mentres PSD e CDS acumulan 107, ademais do parlamentario do PAN. A votación é en urna e secreta e o resultado, por primeira vez na democracia, é que un representante do partido vencedor das eleccións non ocupará a presidencia da Asemblea da República. 

No seu discurso de investidura, Ferro Rodrigues lanzou mensaxes á coalición de dereitas e críticas ao presidente da República, Cavaco Silva. “Temos o direito e o dever de exigir respeito pela soberania da Assembleia da República” por parte dos outros órganos, avisou o socialista, tal como se exixe do Parlamento “um respeito escrupuloso pelo papel dos outros órgãos de soberania – Presidente da República, Governo, tribunais, órgãos das regiões autónomas e autarquias locais”. Unha clara resposta s duras críticas e advertencias lanzadas polo xefe do Estado. 

O tempo actual, en que “nenhuma força teve maioria absoluta”, é de “responsabilidade acrescida”, dixo: “Todos estão convocados. Todos. Porque num Parlamento democrático nenhum -sublinho, nenhum- representante do povo está à partida impedido de contribuir para o futuro do seu país. Assim como não há deputados de primeira e de segunda, também não há grupos parlamentares de primeira e de segunda, ou coligações aceitáveis e outras banidas”. 

"Não há deputados de primeira e de segunda, também não há grupos parlamentares de primeira e de segunda, ou coligações aceitáveis e outras banidas”, dixo Ferro

“Tornemos esta legislatura uma nova legislatura de diálogo parlamentar”, insistiu nun discurso que foi recibido con aplausos polo Bloco, os comunistas e o propio Partido Socialista. Ferro Rodrigues lanzou os dardos sabedor tamén da importancia da figura do presidente da Asemblea, non só polo seu labor na Cámara, senón tamén porque é o representante do Estado en ausencia do presidente. Mentres, o acordo entre BE, PS e PCP está cada vez máis próximo, a elección de Ferro é unha seria advertencia a Passos Coelho, que en breve presentará o seu programa de goberno no Parlamento e que será tombado. 

De feito, a "agressividade" de Cavaco Silva contra o acordo que preparan os tres partidos da esquerda tivo, polo momento, a resposta contraria á desexada. O PS considera "inevitável" que o seu candidato Costa sexa finalmente primeiro ministro e, canto antes, mellor. Así, segundo aseguran líderes do partido a Público, o pacto podería quedar pechado xa esta fin de semana. 

O agresivo discurso de Cavaco Silva tivo o efecto contrario ao desexado: uniou a esquerda e apagou as voces críticas no PS

O discurso de Ferro Rodrigues causou, no entanto, unha importante crispación nas bancadas do PSD e do CDS, que o acusan de parcial e de "quebrar uma regra, uma tradição de sempre da democracia portuguesa". Sexa como for, agora Passos Coelho deberá presentar o seu programa de goberno nos vindeiros días e precisaría de nove abstencións para tirar adiante. Visto o visto, semella complicado que poida renovar o seu mandato malia as presións que está a sufrir o PS. 

Passos ten dez días para presentar o programa ao Parlamento desde que tome posesión. Pero os tres partidos da esquerda xa anunciaron que presentarán senllas mocións de censura coas que esperan tombar o goberno da coalición de dereitas. Os socialistas anunciárono este venres a través dun comunicado no que tamén eran moi críticos co postura adoptada polo presidente Cavaco Silva. A súa polémica mensaxe fixo, mesmo, que críticos socialistas dispostos a deixar gobernar os conservadores cambiaran a súa postura para impulsar tamén un acordo da esquerda. 

Ferro Rodrigues, novo presidente da Assembleia da República © PS
Comunicación pública de Cavaco Silva, este xoves © Presidência da República

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.