"Palavra dada é palavra honrada". O primeiro ministro de Portugal, António Costa, expresábase nestes termos este luns tras asinar o memorando de entendemento que outorga, a partir do vindeiro 1 de xaneiro, o control do transporte público á Câmara Municipal de Lisboa, o concello da capital portuguesa. Culmina así un proceso iniciado o pasado xaneiro, cando o Executivo do país veciño iniciou os trámites para reverter a privatización dos transportes públicos lisboetas e tamén os do Porto, operación que iniciara o goberno de dereitas que dirixía Pedro Passos Coelho (PSD). A "anulação das concessões e privatizações em curso dos transportes coletivos" foi un dos puntos pactados polo Partido Socialista co Bloco de Esquerda e mais o Partido Comunista para dar lugar ao goberno de esquerda que está a piques de cumprir un ano, período tras o cal o PS xa encabezan as enquisas de intención de voto.
"Este acordo, verdadeiramente -explicou Costa na sinatura formal do acordo sobre o transporte de Lisboa- já podia ter sido assinado há alguns anos não fora o fanatismo ideológico que entendia que nenhuma entidade pública poderia gerir bem um serviço público e que só a privatização permitiria bem gerir um serviço público". No entanto, engadiu, de agora en diante, esta empresa pública xa non volverá ver os seus servizos "como un produto financeiro". Mentres funcionou deste xeito procurou "resolver um problema financeiro e não estruturar uma cidade", agregou o primeiro ministro. "Que sentido faz gerir a via pública e não gerir o que circula na via pública?", preguntouse.
A reversión ao sector público dos transportes do Porto e Lisboa ata culminar na súa municipalización é unha boa mostra destes doce meses dun goberno que tamén tivo que pasar por momentos de tensión. O primeiro chegou apenas un mes despois de chegar ao poder, en decembro do pasado ano, cando os socialistas sacaron adiante o orzamento rectificativo para rescatar o banco Banif grazas á abstención da dereita, mentres que BE e PCP votaran en contra.
Episodios como o rescate do banco Banif xeraron tensións no seo dun acordo que, no entanto, xa deu lugar a medidas concretas como reverter a privatización dos transportes, desconxelar as pensións máis baixas ou incrementar os subsidios para persoas sen recursos
Episodios coma este deron lugar a unha das reflexións que máis debate xeraron nestes meses, a lanzada por Catarina Martins, coordinadora do Bloco de Esquerda, nunha entrevista co xornal Público o pasado verán: "Todos os dias me arrependo da geringonça [alcume que recibiu, a raíz de varios debates parlamentario, o acordo da esquerda]", dixo, en referencia a que "todos os dias tenho medo de não conseguir" os obxectivos marcados. "Todos os dias tenho de lutar para que seja possível" e iso "não é mau", advertía, ao tempo que lembraba que as dúas principais apostas do pacto foran "travar o empobrecimento do país e afastar a direita do Governo". O intento de esquivar cuestións espiñentas é o que leva as forzas da esquerda, segundo publicaba esta fin de semana o propio Público, a adiar a aprobación de leis nas que poidan xurdir discrepancias máis fondas.
Xunto a estas dificultades chegou tamén o cumprimento de medidas como a devandita reversión das privatizacións no transporte -tamén na compañía aérea TAP-, pero tamén o incremento do salario mínimo, a 'desconxelación' das pensións máis baixas, o incremento dos subsidios para persoas sen recursos, novos impostos para grandes propiedades inmobiliarias ou a prohibición aos bancos de cobraren comisións pola primeira conta corrente de cada usuario, unha proposta de bloquistas e comunistas que o PS asumiu no Parlamento. No eido social o novo Goberno, entre outras medidas, decidiu deixar de financiar colexios privados onde exista oferta pública suficiente e freou a contrarreforma do dereito ao aborto que impulsara o PSD. Ademais, entre os obxectivos dos Orzamentos para 2017 está "generalizar o ensino pré-escolar a todas as crianças até aos 3 anos de idade" e profundar no "Programa Nacional de Combate à Pobreza Infantil", segundo sinalou Costa hai poucas semanas.
Expectativas electorais
Os inquéritos máis recentes outorgan ao PS unha vantaxe de entre sete e dez puntos sobre o PSD, que en 2015 concorreu na coalición de dereitas Portugal à Frente
O primeiro ano de goberno da esquerda está a traducirse, atendendo aos inquéritos, nun incremento de apoio ao PS e nunha diminución das expectativas do PSD, cuxa coalición de dereita co CDS-PP, Portugal à Frente, acadou o 38,6% dos votos nos comicios de outubro de 2015, fronte ao 32,3% dos socialistas, o 10,2% do Bloco e o 8,2% da CDU, a coalición do Partido Comunista. As sucesivas enquisas realizadas polos institutos Aximage -para os xornais Correio da Manhã e Negócios- e Eurosondagem -que adoita traballar para a canle televisiva SIC e o xornal Expresso-, recompiladas por portais especializados como Electograph, veñen reflectindo un crecemento dos socialistas de ata seis puntos, mentres que a suma das forzas da dereita perden arredor de tres a respecto das eleccións.
A distancia, no entanto, é maior tendo en conta os partidos conservadores por separado e non sumándoos, ao xeito do que fixeron nas eleccións. Neste caso, actualmente a distancia entre o PS e o PSD sería de case dez puntos, segundo o inquérito publicado por Aximage este mes de novembro -sitúa o PSD na contorna do 28% dos votos-, e de algo menos de sete puntos, segundo Eurosondagem. Bloco de Esquerda e CDU mantéñense, sempre segundo os inquéritos, en niveis de apoio popular máis ou menos semellantes aos das eleccións ou experimentan lixeiros retrocesos.
d