"Precisamos uma nova política agrária que permita adecuar as florestas do sul da Europa às novas condições climáticas; precisamos ter menos eucaliptos e menos pinos e precisamos ter mais sobreiros, mais carvalhos e mais oliveiras, árvores resistentes ao fogo e que sejam capazes de contribuir a um desenvolvimento rural sustentável". Así respondeu este xoves o primeiro ministro de Portugal, António Costa, á intervención da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, sobre os incendios durante a sesión plenaria do Parlamento Europeo, na quenda de debate co xefe do Executivo do país veciño.
"Precisamos ter menos eucaliptos e menos pinos e precisamos ter mais sobreiros, mais carvalhos, árvores resistentes ao fogo", di Costa
A europarlamentaria galega interveu no debate sobre a vaga de lume que asolou Galicia e Portugal o pasado mes de outubro. "Un problema europeo de moita gravidade, común para os nosos pobos", díxolle Miranda, que destacou que o cambio climático e a falta de prevención intensifican os incendios e “merecen unha resposta política que debe ser coordinada en Europa” para corrixir os déficits de capacidade, recorrentes e emerxentes, “porque os incendios non teñen fronteiras”, engadiu.
Miranda dirixiuse a Costa e pediulle a súa opinión sobre a necesidade de reforzar o Mecanismo de Protección Civil Europea, dotándoo de máis medios financeiros e humanos. E lembrou tamén que mentres Portugal xa solicitara activalo, España aínda non o fixera. Segundo a eurodeputada nacionalista, este feito supón unha "mostra máis da ineficacia do goberno do PP", ao non por en marcha as medidas necesarias para "previr situacións tan perigosas e dramáticas como as que se viviron en Galiza no mes de outubro do ano pasado".
Costa pide "actuar sobre as causas dos incendios" e unha "nova política agraria" para "adecuar as florestas do sul da Europa às novas condições climáticas”
Na súa resposta, António Costa referiuse á traxedia dos incendios, destacou que as medidas da UE son importantes e cualificou de “esencial” as reservas europeas que completen as responsabilidades nacionais de cada Estado membro. “Mas tão importante ou mais é actuar sobre as causas dos incêndios”, engadiu o primeiro ministro portugués, que reclamou unha “nova política agrária que permita adecuar as florestas do sul da Europa às novas condições climáticas”.
Precisamente, a comisión técnica independente que avaliou os tráxicos incendios acontecidos no mes de xuño en Portugal ditaminara que os efectos do cambio climático obrigaban a mudar a política antiincendios. Entre os expertos estaba o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Edelmiro López, único investigador europeo non portugués que participou durante tres meses no detallado traballo.
O informe de expertos encargado polo Goberno portugués pide mudar a política antiincendios ante o cambio climático
Ademais, Portugal aprobou xa hai meses unha lei que veta o eucalipto no seu territorio e que levou a maior pasteira lusa a anunciar a súa expansión en Galicia na busca da madeira que terá máis difícil conseguir nos montes lusos.
Durante o debate e a intervención de Ana Miranda, a eurodeputada declarouse "emocionada" de poder falar "na nosa lingua no Parlamento Europeo", ao que António Costa respondeu "agradecendo" á representante do BNG por "ter falado num magnífico português de inspiração galega" e advertindo de que, non podendo responder el en "galego", faríao "em português". Ninguén notou demasiada diferenza entre o que falara unha e o outro.