Portugal: todos os escenarios abertos para unhas eleccións marcadas pola COVID e a ameaza da ultradereita

Assembleia da República © CM Almodôvar

A falta de acordo entre o Partido Socialista, o Bloco de Esquerda e o Partido Comunista para a aprobación dos orzamentos levou á convocatoria anticipada de eleccións

Portugal celebra este domingo eleccións lexislativas para escoller os 230 deputados e deputadas da Assembleia da República, uns comicios convocados o pasado mes de outubro ante a falta de acordo entre o Partido Socialista, o Bloco de Esquerda e o Partido Comunista para a aprobación dos orzamentos, que finalmente foron rexeitados co voto en contra de BE e PCP, que esixían un maior esforzo na loita contra a desigualdade e unha maior dotación para a desmantelada sanidade pública, entre outras apostas de tipo social. O PCP, que se abstivera en ocasións anteriores, uniuse ao Bloco no seu voto negativo.

Ante a imposibilidade de aprobar as contas por primeira vez dende 1974, o Presidente da República Marcelo Rebelo de Sousa optou pola convocatoria electoral, sen deixar máis tempo para o achegamento de posicións entre os partidos da alcumada gerigonça, que viñan de obter nas eleccións autárquicas uns resultados por debaixo do esperado.

As sondaxes descartan a maioría absoluta de Costa, o seu grande obxectivo

Porén, se estas eleccións nacen da inestabilidade do anterior Executivo dirixido por António Costa, non semella que os resultados deste domingo acheguen a posibilidade de conformar un Goberno máis sólido. Cando menos, en principio. As sondaxes (móvese entre 92 e 106 escanos, fronte aos 108 actuais) afastan o Partido Socialista da súa desexada maioría absoluta, o grande obxectivo de Costa, e tamén castigan a PCP e Bloco, especialmente a esta última formación, que podería perder a metade dos seus representantes.

Nas últimas semanas as distintas sondaxes publicadas veñen amosando un paulatino ascenso do PSD. Porén, as enquisas sitúan o PS cunha lixeira vantaxe, cun descenso xeral da esquerda e un aumento da ultradereita de CHEGA

No outro lado, as formacións de dereita melloran en xeral os seus resultados, cun ascenso claro para o PSD, agora liderado por Rui Rio, que podería achegarse aos resultados do PS. Medra tamén a Iniciativa Liberal e, ademais, a ultradereita do CHEGA de André Ventura, que podería pasar de 1 a preto de 10 deputados. 

En calquera caso, as enquisas sitúan o PS cunha lixeira vantaxe sobre o PSD e á esquerda un chisco por diante da dereita, que só na parte superior das marxes de erro podería acadar unha maioría absoluta. Esta maioría, ademais, dependería do apoio de CHEGA, a quen Rui Rio vén negándose a aceptar nun hipotético Goberno conservador. Nas últimas semanas as distintas sondaxes publicadas veñen amosando un paulatino ascenso do PSD, que comezou a campaña a dez puntos do PS e que nos últimos días chegou a superar os socialistas nalgunha mostra, aínda que a maior parte dos inquéritos o sitúan entre 2 e 5 puntos por debaixo. 

Habilitáronse fórmulas para o voto das persoas en illamento e, ademais, puido votarse de forma anticipada, o pasado domingo, no caso de estar o elector previamente rexistrado. Porén, témese un aumento da abstención, que en 2019 superou xa o 50%

Os comicios preséntanse con moitas incógnitas abertas, comezando pola forma en que o electorado de esquerda castigará ou premiará a falta de acordo entre PS, BE e PCP. Tamén as dúbidas sobre o ascenso da ultradereita en Portugal. E, finalmente, o efecto que terá sobre as elección a situación sanitaria, co país aínda sacudido pola vaga invernal da COVID, con decenas de miles de positivos diarios, cifras moi elevadas de persoas confinadas e o medo de moitos votantes a se contaxiar na xornada de votación.

Habilitáronse distintas fórmulas para o voto das persoas en illamento e, ademais, puido votarse de forma anticipada, o pasado domingo, no caso de estar o elector previamente rexistrado. Finalmente, solicitaron este voto anticipado unhas 315.000 persoas (das que o 90% exerceu finalmente o seu dereito), unha cifra inferior á prevista. 

Todos os posibles escenarios están abertos. Costa pode revalidar a súa maioría simple e repetir un Executivo con apoios puntuais de BE e PCP. Porén, tampouco se descarta un pacto entre PS e PSD ou un goberno das dereitas

Un dos medos que paira no ambiente destas eleccións é que a situación de pandemia que aínda vive o país provoque unha maior porcentaxe de abstención, como xa sucedeu noutros comicios convocados nos últimos meses, por exemplo as eleccións galegas de 2020 ou nas propias eleccións presidenciais portuguesas. A abstención nas eleccións lexislativas portuguesas vén medrando nos últimos anos e en 2019 superou xa o 50%.

O goberno que saia dos comicios deste domingo será o encargado de pilotar a saída da pandemia e de xestionar os fondos europeos, que tamén en Portugal acadaron unha contía moi importante. Todos os posibles escenarios están abertos para estas eleccións. António Costa pode revalidar a súa maioría simple e repetir un goberno en solitario con apoios puntuais de BE e PCP,. Porén, tampouco se descarta un pacto entre PS e PSD. E, igualmente, o PSD podería ter a opción de formar un goberno á súa dereita, coa dúbida da inclusión ou non do CHEGA

António Costa e Rui Rio, nun dos debates electorais celebrados nas últimas semanas © RTP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.