Nova rebaixa de peaxes na AP-9 e agora tamén na AP-53, máis xulgados de violencia de xénero e modernización ferroviaria, entre as medidas incluídas no "principio de acordo" para Galicia aínda pendente de pecharse
As negociacións do PSOE co resto de grupos do Congreso dos Deputados para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España aceleran pero aínda non están rematadas. Este xoves os socialistas asinaron o acordo con ERC e avanzaron na negociación co BNG, mesmo desvelando xa algunhas das medidas, pero ao tempo Junts per Catalunya, o partido do ex-president Carles Puigdemont, pediu máis tempo para analizar as características da amnistía ao procés ofrecida polo PSOE.
Por unha banda, o acordo con ERC [aquí o PDF] foi xa asinado este xoves polo ministro de Presidencia en funcións, Félix Bolaños, e o líder republicano, Oriol Junqueras, tras un acordo telefónico final entre Sánchez e o presidente da Generalitat, Pere Aragonés. O pacto inclúe entre outras cuestións a amnistía ás persoas implicadas no procés, a transferencia completa a Catalunya dos trens de proximidade e unha rebaixa da débeda da Generalitat co Estado a través dun mecanismo do que se poderán beneficiar o resto de comunidades, incluída Galicia.
No caso das negociacións co BNG, este xoves os socialistas deron por feito o pacto mentres os nacionalistas aseguraban a continuación que aínda non estaba pechado e que deberá ser avaliado este venres pola dirección da formación. O socialista José Ramón Gómez Besteiro, candidato á Xunta e encargado delas polo propio Sánchez, fala dun "principio de acordo, no que aínda quedan detalles que pechar".
Á espera da sinatura, o que transcendeu dese acordo é unha nova rebaixa de peaxes na AP-9 -xa se pactara outra pola investidura de hai catro anos- e agora tamén na AP-53 Santiago-Lalín, a creación de máis xulgados contra a violencia de xénero e "un plan integral para a modernización da rede ferroviaria", cuestión na que Adif xa avanzou nos últimos anos.
Porén, fronte a estes avances as negociacións para a investidura de Sánchez atascáronse con Junts a respecto da interpretación que esta formación fai do articulado da futura lei de amnistía. Para este mesmo xoves estaba previsto anunciar o acordo final pero a última hora o propio Puigdemont pedía "prudencia e precaucións".