Pedro Sánchez aceptou este martes "con ilusión" o encargo do rei de intentar formar Goberno en España, asumindo o liderado das negociacións, sen citar a amnistía pero apelando á "xenerosidade" e negando que se poida chegar a acordo ningún sobre un referendo de autodeterminación en Catalunya.
Sánchez iniciará este mércores con Yolanda Díaz a rolda de contactos coas formacións políticas
O presidente do Goberno central en función anunciou que comezaría este mércores, "sen tempo que perder", a súa rolda de contactos coas formacións políticas —dos que exclúe a Vox— cunha xuntanza coa líder de Sumar, Yolanda Díaz, coa intención de acadar "o antes posible" unha coalición progresista e, recalcou, coa intención de que os pactos que se logren sexan para un Executivo que dure toda a lexislatura.
Nunha comparecencia na Moncloa logo de ser desginado candidato a presidir o Goberno, Sánchez rexeitou expresamente un referendo de autodeterminación en Catalunya pero insistiu en que era a hora da "xenerosidade", o "liderado" e a "política" para resolver o conflito político catalán. Así, defendeu a "difícil" decisión que tomou sobre os indultos aos condenados polo procés, unha decisión que, di, cre "que foi acertada" e ben tomada polo interese xeral.
Sánchez advirte de negociacións "difíciles" e de que "non se pode presidir o Goberno sen entender a pluralidade política do parlamento e a diversidade territorial"
"Se o pasado 23 de xullo dixeron algo os españois é que non se pode presidir o Goberno da nación sen entender a pluralidade política do parlamento e a diversidade territorial da nación. É a hora da política que non fixo o PP", resumiu.
Con todo, Sánchez advertiu dunhas negociacións "que non van ser fáciles", senón "complexas" e espera que a investidura sexa "canto antes". O líder do PSOE chamou ao traballo nestas conversas logo "dunhas semanas como país perdendo o tempo", en alusión ao intento frustrado de Feijóo de acceder á Moncloa.
"Non vou a unha investidura postiza. Vou escoitar todos os grupos parlamentarios e a partir de aí, o PSOE posicionarase", dixo, tras avisar de que todo o que fagan "será dentro da Constitución" e que os acordos serán "transparentes e coñecidos".
Sánchez reuniuse hora e vinte minutos co rei, ao que trasladou o convencemento de que pode armar unha maioría para sacar adiante a investidura. O PSOE cre que pode chegar aos 179 escanos sumando a Sumar, ERC, EH Bildu, Junts, PNV, BNG e CC.
Antes, foi Núñez Feijóo quen se reuniu co rei para a continuación criticar que "Sánchez ten menos apoios que os que tiña hai un mes" e advertir de que parte "dunha derrota electoral clara". Logo, anunciou un escuro panorama por unha "serie de negociacións opacas" e a esixencia dunha "amalgama dunha serie de partidos de esquerda radical e unha serie de amalgama de partidos independentistas e separatistas".
Feijóo insiste en que se non é presidente é porque non aceptou os requisitos de Junts, obviando que un acordo suporíalle perder o apoio de Vox
Para Feijóo, Sánchez e os seus socios "mentirán" para escenificar un acordo que "practicamente está pechado a esta hora" e censurou que o aspirante do PSOE busque os apoios en aqueles que "non aceptan a lexitimidade da monarquía, nin a Constitución nin as regras de xogo".
Ademais, insistiu no seu relato de que se el non é presidente é porque non aceptou "os requisitos do señor Puigdemont", obviando que calquera acordo con Junts imposibilitaríalle de contar cos apoios de Vox, imprescindibles para a súa investidura, xa frustrada.
Mentres, desde o BNG, a portavoz nacional, Ana Pontón, insistiu en que “se Sánchez quere o voto do Bloque na súa investidura terá que cumprir con Galiza”. Así, asegurou ser consciente de estar ante un novo escenario onde se abren dúas posibilidades: unha nova investidura ou eleccións.
Poñendo por diante “toda a vontade de diálogo”, Pontón insistiu en que “a día de hoxe Sánchez non ten o apoio do BNG porque para telo ten que comprometerse con proxectos estratéxicos para o futuro de Galiza”.